Antes de facer pública a nova orientación económica, o Presidente Duhalde tivo un xesto significativo, ao enviar ao Gobernador de Córdoba, José Manuel de la Sota, onda ao presidente brasileiro, F.H. Cardoso para anunciarlle, en primicia, a devaluación do peso, envolta nunha nova mensaxe de concordia "Queremos que Brasil promocione e venda á Arxentina no mundo". A hecatombe económica, no país austral, tamén puxo patas arriba a Política exterior, que agora pretende ir da man do Mercosur.
"Imos pasar dun neoliberalismo a un neonacionalismo inscrito nun contexto rexional, no que a nosa rexión é Sudamérica". Con estas palabras Duhalde ensinaba as renovadas cartas do goberno arxentino para xogar a partida da política exterior. As novas prioridades da Casa Rosada van no camiño de manter unha estreita relación co xigante do Mercosur, para crear unha moeda única sudamericana e conformar un bloque de negociación para ter máis peso nas negociación cos EEUU e a UE. Pero a cooperación exterior ten metas aínda máis ambiciosas. Puxo en marcha un nutrido grupo de altos funcionarios, expertos en débeda externa, dos Bancos Centrais, dos Ministerios de Facenda e Exteriores para afrontar, en conxunto, as negociacións co FMI e cos bancos privados europeos e norteamericanos.
A decisión de cesar no pagamento da débeda vai ocasionar múltiples roces que desgasten ao débil goberno arxentino precisado de reforzamento. A turrada da subdirectora do FMI ao afirmar "Arxentina aínda non ten un plano coherente como para recibir axuda financeira", provocou unha inusual dureza verbal por parte do executivo do Río da Prata que cualificou de ofensiva e incoherente a funcionaria "non precisamos que cada dous minutos un funcionario do FMI, nos diga como temos que recorrer o noso camiño", espetou o viceministro de Economía Jorge Todesca.
Brasilia e Bos Aires, queren arrefriar o ton da tensión, asegurando que EEUU non debe inquedarse, xa que as novas relacións facilitarán un tratamento e solución conxunta aos contencioso económicos cos EEUU. Mais, as desconfianzas en Washington, non desaparecen, especialmente logo de que o embaixador brasileiro en Arxentina declarase o sábado que "estamos en disposición de ofrecer aos europeos un programa de desgravación arancelaria de productos e establecer unha estratexia negociadora mellor fronte a Europa".
Cardoso cabe de satisfacción diante de tanto afago repentino e dos cambios na orientación da diplomacia fronteiriza. Nunha revista de grande tirada en Brasil podíase ler a Duhalde manifestando " Debemos imitar a Brasil e non criticalo como fixo Domingo Cavallo, persoa que mantiña relacións espiñentas no só con Brasil, senón cos propios arxentinos… o noso principal obxectivo é pertencer a un bloque sólido e respectado no mundo".
Brasil vive moi intensamente os acontecementos que sacoden ao viciño do sur. De momento, nin a bolsa nin a moeda foi arrastrada pola marea do caos arxentino. A aposta polo Mercosur é vital para Brasil que non quere diluírse no ALCA (Alianza para o Libre Comercio das Américas). Ese colosal mercado que, a un horizonte de 4 anos, pode aglutinar un mercado único de 800 millóns de persoas e concentrar o 40% do PIB mundial.
Dende que na primavera o eixo Brasil-Venezuela movera os seus peóns para tratar de impedir un adiantamento da entrada en vigor do ALCA, para o 2003, e reforzar paralelamente o papel do Mercosur, EEUU moveu a súas fichas, tentando a diversos países para que entrasen no TLC (Tratado de Libre Comercio). Chile, Bolivia, Colombia e Uruguai escoitaron con interese os cantos de sirea que lles entoaba a potencia do norte. Pero ningún deles conseguiu finalmente concrear ese obxectivo. Chile voltará intentalo, neste mesmo mes.
A crise arxentina, que ata hai un mes era vista como unha ameaza, aparece agora como unha oportunidade para consolidar a estratexia de Brasilia de colocarlle un contrapeso ao ALCA.
Dáse por descontado que a devaluación arxentina minguará a competibidade das exportacións brasileiras. Tamén que a caída das vendas pode significar un prexuízo de 1.500 millóns de dólares e unha perda de 60.000 empregos. Pero colaborar na recuperación da economía é o mellor investimento, cunha perspectiva a medio prazo.
A caída.