A duma non foi obstáculo algún para frear a investidura de V. Putin. Os 84 votos en contra e as 17 abstención foron aplastadas polos 233 votos que abalaron ao novo capricho de "A Familia". Os parlamentarios rusos andan máis preocupados pola súa supervivencia diante das eleccións parlamentarias e presidenciais ou pola guerra que en Daguestán que en gastar forzas nun pulso efímero co imprevisible Ieltsin.
O estendido sobrenome de "A Familia", que tanto irrita a Boris Ieltsin, refírese a unha reducida praga de cortesáns intocables, entre os que se atopa a súa filla Tatiana, que move os fíos das intrigas económicas e políticas rusas. Cara este exiguo círculo elitista se dirixen as miradas que pescudan as razóns da designación de Vladímir Putin coma primeiro ministro.
A prematura destitución de Serguéi Stepashin, pouco ten que ver coa súa actuación política. Nos escasos tres meses de mandato, mantivo unha liña de continuidade e estabilidade que se prolonga dende o mandato de Eugeni Primakov. No haber na súa acción de goberno está o feito de ter conseguido levantar a pesadas ancoras que amarraban o creto de 700.000 millóns de Pts do FMI.
Mais, dende maio, o fiel e duro S. Stepashin, foise alonxando das manobras dictadas por "A Familia", afacéndose ao traxe de primeiro ministro, sen por en cuestión, en ningún momento, nin o marco legal nin o equilibrio dos poderes do estado. A súa osadía chegou ao cume, cando refugou levar a cabo as directrices referidas ao Gazprom, o xigante do gas ruso. Dende o Kremlin apremábase a defenestración do patrón do gas, Ren Viakhhiriev, baixo acusación de estarse a aproximar ao alcalde de Moscova, Iuri Luzhkoz, o inimigo maldito de "A Familia".
O rexedor municipal da capital moscovita lidera o movemento político Otechestvo que engloba ao seu partido Patria e a Toda Rusia, na que se integran os omnipotentes baróns rexionais. A este perigoso opoñente, cara ás lexislativas de fin de ano e ás presidencias do vindeiro ano, podería unirse Primakov que atesoura unha boa dose de popularidade do seu paso pola xefatura do goberno.
Nada semella igual que en 1996 cando os oligarcas de "A Familia" conqueriron a reelección de Ieltsin partindo dun exiguo 6% de popularidade. Daquela todos os grupos de comunicación e a comunidade occidental arrouparon ao alcolizado presidente para evitar a chegada a presidencia do comunista Guennadi Ziugánov.
Agora o poderoso grupo MOST de Vladímir Gusinki, coa súa cadea privada NTV, traballa a favor de Luzhkov, enfrontándose aos medios periodísticos do "Rasputín" e magnate Berezovski. Tampouco nas presidenciais poderase escorrentar aos electores coa pantasma comunista, xa que nin Luzhkov, nin Primakov atenden a este perfil.
A principios deste mes de agosto teñen aparecido informacións documentadas, en medios periodísticos independentes que relacionan ao clan con negocios da venta de armas ou co desvío de fondos cara a contas no estranxeiro. Percíbese o ocaso de "A Familia".
Os Berezovski, Abramóvich, Iumáshev, Volóshin, Diachenko, Chouvais… saben que de perder as presidenciais, revisaríase o escandaloso proceso de privatizacións que engordou infinitamente as súas fortunas, Ieltsin quedaría indefenso da coiraza de inmunidade que protexe o seus caprichosos e arbitrarios decretos presidenciais e o clan de "A Familia" quedaría desamparado.
Putin élles o último suspiro de esperanza para endereitar as tendencias electorais, mais se fosen precisas medidas anticonstitucionais, autoritarias ou subterfuxios legais para garantir sobrevivir no Kremlin, saben que contan coa inquebrantable lealdade do fiel Vladímir.