A primeira celebración do día dos traballadores do novo milenio foi un claro exemplo dos confusos tempos actuais, da violencia desesperanzada, mais tamén da forxa de novas esperanzas entre a esquerda social e o movemento obreiro internacional.
O Papa convertido en líder sindical; Castro aclamado polas rúas de La Habana como nos mellores anos sesenta; manifestacións masivas en Alemaña; desobediencia cidadá en moitas cidades europeas e manifestos intelectuais en París.
O Papa no seu intento de desmarcarse do brutal capitalismo globalizador, do que foi parteiro destacado, apropiouse en exclusiva da festa dos traballadores en Italia e converteuse no seu principal protector co apoio dos tres principais sindicatos. Schröder fai brindes ao sol con promesas de reducción do paro e mellora das condicións laborais. Castro, en zapatillas deportivas, espreme o "caso Elián" e denuncia as presións norteamericanas sobre o pai do rapaz, co respaldo dun millón de cubanos e acompañado por Hebe de Bonafini, das Avoas de Maio, Gladys Marin do PC chileno e o Nobel Pérez Esquivel.
As accións de protesta de Seatle, Washington e Dakar tiveron continuidade nas rúas de Hamburgo, Berlín, Zürich ou na capital inglesa, que poucos días despois enviaba unha carga de profundidade contra a "terceira vía" de Blair ao elixir alcalde ao "esquerdista" Livingstone.Un conglomerado de organizacións verdes, vermellas e negras converteron os xardíns das capitais europeas en escenarios de carreiras e enfrontamentos coa policía.
Ao tempo que a asociación Peopleâs Global Action comeza a coordinar a numerosos grupos antiglobalización de todo o planeta, o sociólogo francés Pierre Bourdieu fai un chamado a participar nuns Estados Xerais para opoñerse á mundialización neoliberal, ao credo do beneficio e da mercantilización, á precariedade no emprego e loitar polo dereito humano á igualdade.
As protestas semellan abrirlle o camiño á elaboración de alternativas. ¿Serán estas as bases para a reconstrucción da esquerda social e política?