20080618 estrasburgo respectar voto irlanda

Volver a Europa

 Deputados Parlamento europeo chaman respectar NON Irlanda; clic para aumentar
As razóns dos irlandeses serían estas ou outras, tanto ten, pero se hoxe mesmo lle preguntaran aos europeístas convencidos, probablemente moitos reclamarían a volta de Europa. A actual é outra cousa. (Foto: Deputados do Parlamento europeo chaman a respectar o NON de Irlanda).
 

O resultado da consulta irlandesa deixa en entredito novamente ao proxecto europeo, dende hai tempo en mans dunha burocracia que decidiu renunciar ás principais fortalezas continentais. Esta xa non é a Europa social, a democrática, a dos dereitos humanos ou a da paz, valores todos eles asociados, con maior ou menor fortuna, á identidade europea e que tiñan posibilidades certas de concitar as simpatías dalgunhas maiorías sociais.

Pero esta Europa que agora temos nin defende os mínimos do seu modelo social, nin aspira a superar os seus déficits democráticos, fai virtude da inhibición ante violacións escandalosas dos dereitos humanos no seu propio territorio e afírmase como cómplice do belicismo que impón a axenda do seu aliado transatlántico. Este "desarme" caracteriza a evolución do proxecto europeo nos últimos anos.

É comprensible, pois, que esta Europa xere cada vez menos entusiasmo cívico e que a súa burocracia colla medo ante calquera consulta cidadá.

As razóns dos irlandeses serían estas ou outras, tanto ten, pero se hoxe mesmo lle preguntaran aos europeístas convencidos, probablemente moitos reclamarían a volta de Europa. A actual é outra cousa. E precisase con urxencia non un apaño para ir tirando senón unha repensada a fondo se de verdade se intenta construír Europa. E só hai unha maneira: acentuando as súas fortalezas.