Volver a Simla

Ogallá que as difíciles circunstancias políticas internas polas que atravesan os gobernos de Delhi e Islamabad sexan a lamentable causa real que explique esta nova escalada de violencia en Cachemira; do contrario, as intensas escaramuzas desatadas entre os dous países, potencias atómicas dende hai un ano, poderían ir a máis nos próximos días.

Cachemira é un dos puntos negros da seguridade e a paz no sur de Asia. Pero despois de varias guerras polo seu control, se algo é evidente neste vello contencioso que envelena as relacións entre India e Paquistán é a inutilidade de calquer intento de alterar a situación pola vía das armas. Nas negociacións de Simla, en 1972, ambos países acordaron resolver todas as súas diferencias por medios pacíficos e a través da negociación bilateral ou calquer outro método mutuamente acordado. Ese marco diplomático poida que non produza grandes pasos adiante pero ampara a todos contra os pasos atrás.