O próximo domingo día 14 os arxentinos están chamados as urnas nun clima de pesimismo crónico. As enchentes de malas noticias económicas xa teñen arrasado cos sete primeiros diques de contención, en forma de planos de axuste, presentados pola Alianza. Lonxe de endereitar o rumbo económico do país, téñeno encarrilado directamente cara ao abismo. O domingo a marea chea de votos brancos e nulos será superior a ningunha outra coñecida ata agora. Os desesperados xa non confían no país, nin nos seus dirixentes…nin nos organismos internacionais.
Os arxentinos, logo de catro anos de recesión ininterrompida, perderon a fe no futuro do país e renegan dos representantes políticos. O día 14 máis dun 20% emitirá o seu voto en branco ou invalidará a súa papeleta para que sexa declarada nula. Estes votos non contarán para as candidaturas, nin elixiran deputados ou senadores, máis os que voten sen votar, ao non optar polas candidaturas tradicionais, exerceran un activo voto de castigo para cuns dirixentes ineptos, corruptos ou incapaces de desprenderse da abafante tutela do FMI.
Devaluación, dolarización, renegociación da débeda, cesamentos de pagos externos…son algunhas das bandeiras que axitan os distintos candidatos como salvavidas para o naufraxio diario de despedimentos, reducción de salarios ou mingua nas prestacións sociais. Empeza a prender a idea de que o país non ten solución e que as medidas a adoptar só servirán para amortecer o impacto da caída dende o precipicio polo que se depena Arxentina dende hai máis de 36 meses. O pasado venres atopou no índice risco a tétrica fotografía que retrata a situación do país. O día 5, este índice, que mide falta de credibilidade internacional no futuro da súa economía, acadou o record histórico de 1924 puntos. Só Liberia supera a Arxentina.
O equipo económico do mestre do travestismo político, Domingo Cavallo, ten desgastadas todas ás súas ás de credibilidade para voar marcando novos horizontes. Fai parella co Presidente de la Rúa nas escalas máis baixas de popularidade da nación.
Mais sen descanso están a argallar o oitavo plano de axuste, en só 22 meses de goberno da centroesquerdista Alianza esnaquizada en multitude de tendencias dispares.
O ex-ministro menemista, segue aferrado ao obxectivo do déficit cero, a pesares do caos no que ten sumido ao país. Proclama que vai tentar unha renegociación da débeda, se logra o apoio dos EEUU, emitir moeda ficticia non convertible para determinados pagamentos do Estado, ao estilo dos "Patacóns" provinciais, entaboar un diálogo bilateral co xigante brasileiro para buscar a estabilidade mutua agora que o Brasil tamén emite sinais de perigo… e, quizais, eliminar da circulación o peso para dolarizar plenamente o país, como forma de evitar a especulación monetario. Ao tempo profire todo tipo de descualificacións para os "devaluomaníacos" ou para os partidarios da demora no pago da débeda exerna, inseridos en postos políticos claves do Xusticialismo ou da Alianza, que consideran imposible poder competir nun mercado global cun país carísimo e unha moeda sobrevaluada ou coa insoportable pesadez da débeda externa.
Ninguén dubida da capacidade creativa de Cavallo, aínda que cada día sexan máis os que desexarían que permanecese quedo.
Para antes do 14-O ou inmediatamente despois, xa están preparadas novas medidas que traen como novidade a sensibilidade social dalgunha delas. Concretamente a creación dunha Tarxeta de Débito, semellante ás Cartas de Creto Bancario, cargada cunhas 28.000 pesetas mensuais para poder mercar en supermercados e comercios adheridos a este procedemento de compra dixitalizado. Entre os posibles beneficiarios da iniciativa estarían os cabezas de familia en paro, entre os damnificados da medida están o resto dos programas sociais que desaparecerían para financiar este. A ninguén se lle escapa que esta proposta busca, ao tempo, neutralizar ao movemento de esquerda que se move ao redor de intelectuais independentes e da CTA, que dende hai meses están lanzados na demanda dun referendo para conseguir un salario para os cabezas de familia en paro e que pretenden artellar unha esquerda alternativa, hoxe atomizada en multitude de siglas.
O resto do paquete económico ten unha música xa coñecida de tanto ser interpretada en público: renegociacion da débeda; emisión dunha seudomoeda única que substitúa ao Patacón, o Quebracho ou o Libertador; recoñecemento da débeda acumulada coas provincias; rebaixa do prezo dos medicamentos premendo aos laboratorios; moratoria no cobro das débedas empresariais co Estado; acordo económico co Brasil e…,como non, "déficit cero" que desta volta vai significar a perda da paga extra de Nadal para os altos cargos funcionariais que superen as 370.000 mensuais.
Para meter a gadaña dos recortes hai voces máis expeditivas, como a do efémero Ministro de Economía López Murphy, antecesor de Cavallo, quen demanda directamente a supresión de 100.000 empregos públicos.
O domingo as eleccións traerán novos deputados e senadores, encherán as urnas de "votos bronca", así é como se lles denomina aos brancos ou nulos conscientes, veteranos políticos como Alfonsín poderán quedar fora do senado pola irrupción de novas formas de política como a que representa o cura de Quilmes, Luís Farinello, quen só está a tres puntos do ex-presidente…, pero ninguén confía en que ese día o país dea saído do precipicio.
Con negra ironía e nun baixo ton de voz, escoitase a políticos de diverso signo que propugnan publicamente o cesamento de pago da débeda externa ou a devaluación do peso…, laiarse de non estar situados xeograficamente á beira de Afganistán para sacar ventaxe desta dramática coxuntura mundial inagurada o 11-S, atopar abertas as portas das finanzas mundiais e ver borrada unha boa parte da súa débeda externa.
Arxentina, se quere mudar a vertixinosa inercia que a impulsa pola interminable pendente na que se está a deslizar, precisa dun autentico milagre ou , quizais, dun pactoco demo. Nestas eleccións, son moi poucos os teñen fe.