Washington á caza do petróleo africano

Apartados xeográficos África ARQUIVO
Idiomas Galego

O “inminente“ ataque de EEUU contra Iraq semella que provoca certa preocupación na primeira potencia mundial polo seu abastecemento de petróleo. Por mor diso, adiantou unha campaña diplomática e de presión para aumentar as fontes de petróleo alternativas ás de Medio Oriente.

O primeiro socorrido é Nixeria. Os enviados do departamento de Estado norteamericano traballan a marchas forzadas para forzar un aumento na producción e exportación do crú de cara a EEUU. Cabe dicir que Nixeria é o séptimo productor mundial de petróleo e o quinto subministrador de Washington.

Tralos ataques do 11 de setembro, o goberno norteamericano busca afanosamente aumentar a importación de crú da maior cantidade posible de países productores. Por suposto, isto débese á necesidade de diversificar riscos e prever unha probable sanción dos proveedores do Medio Oriente como consecuencia inmediata do planeado ataque a Iraq. Os enviados norteamericanos reuníronse co presidente nixeriano Olesegun Obasanjo para discutir o aumento da exportación, estimada nun 15% do total do petróleo que recibe EEUU. Os enviados tamén visitaron Angola xa que estes dous países posúen grandes reservas petrolíferas.

Non deberamos pasar por alto a previsión dos servicios de intelixencia estadounidenses que tamén teñen as miras postas en Sudán, unha prometedora fonte de crú a longo prazo aínda que polo de agora é escasa, se ben será un proveedor estable máis despois dun eventual fin da guerra. En efecto, antes de explotar debidamente estas reservas, a diplomacia deberá atopar unha solución política ao conflicto que enfronta as autoridades en Khartoum e os grupos étnicos do sur, que afecta aos dereitos de propiedade dos xacementos, localizados na súa maioría nos territorios donde habitan estas comunidades.

Asi mesmo, Washington e os seus aliados en Nixeria cuestionan os cambios de estratexia a impulsar na OPEP. Segundo os críticos, a política de reducción común da producción para aumentar o prezo, ocasionou unha seria diminución dos ingresos do país africano. Nos círculos de poder planéase rachar os acordos e convenios que suxire a participación na OPEP, e apostar o todo ou nada, precisamente coa exportación aos Estados Unidos. A Afrol News atrévese a vaticinar a próxima saída da OPEP de Nixeria, molesta, din, polos baixos continxentes de exportación fixados polo cártel, demasiado baixos para as ambicións da exportación nixeriana.

A delegación americana , liderada polo secretario asistente do departamento de Estado para África, Walter Kansteiner, afronta unha complicada axenda. Segundo fontes estadounidenses, deséxase “cooperar” en materias humanitarias, guerra contra o narcotráfico e o terrorismo. O Financial Times sinala que os norteamericanos agardan que as reservas de petróleo de todo o área acaden o 25% do total da importación da única superpotencia.

As últimas indicacións sobre algunhas das largas guerras africanas en fase de liquidación ou a piques de facelo, ofrecen perspectivas favorables para os EE.UU. Os analistas do primeiro mundo creen que o tratado de paz en Angola e a reinserción de Unita, conducirá a un aumento na producción de crú deste país. Actualmente prodúcense en Angola aproximadamente un millón de barrís diarios. A guerra civil angolana obrigou a desenvolver a explotación a mar aberto, (offshore) derivando en que os vínculos co continente sexan mínimos. A maior parte da operación de mantemento e transporte foi suplida dende outros países na rexión. No que atinxe ás ganancias das súas operacións, foi tamén o país continental menos favorecido. Pero todo isto pode comezar a mudar… coa “paz negra” que xestionará a América de Bush.