WikiLeaks é algo novo na súa orixe, no seu mostrase ao público, na súa asoballante capacidade para deixar núa a toda unha diplomacia, neste caso a do país máis poderoso do mundo, arrastrando cando a si a dos demais países, grandes ou pequenos, nun verdadeiro tsunami global.
O enrabechamento dos EE UU, aínda sendo esperado, paréceme que se converteu nun histerismo colectivo difícil de entender, e non digamos as posicións máis extremas, as que, sen coutarse o máis mínimo e coa máxima publicidade, falan de executar a Julian Assange. A estas últimas sumáronse os hispanos de GEES e FAES.
Cústanos traballo admitir que a morte de Assange estea nos obxectivos do poder americano: lonxe de arranxar o problema –que xa non ten arranxo- multiplicaríao insensatamente. A súa morte, por outra banda, poría aínda máis de manifesto, subliñándoas, as inhumanidades que el denunciou e o país que as executou.
Claro que cousas moito peores se teñen feito en Iraq, no Afganistán e polo mundo adiante. Unha morte máis pode que non importe moito. O que ocorre é que nós pensamos que non tería finalidade, que sería moito peor o seu impacto negativo, que un crime de Estado é o que menos lle convén hoxe aos EE UU.
Outra cousa é o que pode pasar en Suecia, co dereitismo que alí se vive e porque é un país cun sistema xudicial que, ao parecer, non é moi de fiar. O medo de Julian Assange a ser entregado por Suecia aos EE UU é o propio de alguén que sabe do que fala, nuns momentos de devalo das garantía xudiciais e dos dereitos humanos. ¿Será verdade o que pensamos?