O candidato do presidente George Bush para dirixir o Banco Mundial, Paul Wolfowitz, será o novo presidente da entidade. A súa xestión comezará o próximo 31 de maio, cando releve ao actual xefe do Banco, James Wolfenson. Wolfowitz, aínda subsecretario de Defensa estadounidense, logrou a aprobación unánime dos directores executivos do organismo, a pesar de que representantes de distintos países obxectaran a nominación; pero despois dun encontro mantido con representantes europeos, a súa candidatura logrou o consenso necesario. A UE reclamou a Wolfowitz a vicepresidencia, pero deberá conformarse cunha das tres direccións xerais, que compartirá cun chinés e cun africano.
O Banco Mundial, criado en 1944, ten 184 membros e é o responsable da promoción do desenvolvemento e da loita contra a pobreza no mundo. Tradicionalmente, EEUU define a presidencia do Banco Mundial e Europa a do Fondo Monetario Internacional.
Wolfowitz, recoñecido neoconservador, profesor de Estratexia e ideólogo da guerra contra Iraq, di agora que se vai dedicar enteiramente á "nobre misión" de facer a guerra á pobreza. O Banco Mundial aprobou en 2000 un programa que ten como obxectivo principal reducir a pobreza á metade en 2015, pero a distancia entre as palabras e os feitos segue a ser considerable. Incluso as propostas formuladas tanto por parte de Francia, dunha taxa mundial, como do Reino Unido, liderada por Blair, son papel mollado, unicamente realizables se contan co apoio dos estadounidenses, que será difícil. John Taylor, secretario adxunto do Tesouro, de paso por París o pasado 23 de marzo, xa adiantou que EEUU non apoiaría a proposta británica de actuar sobre os mercados financeiros para financiar a axuda pública ao desenvolvemento, nin tampouco a iniciativa francesa de gravar as pasaxes de avión, que define como "un obstáculo para o comercio". Ambas suxestións serán obxecto de discusión no cumio do G8, a celebrar en Gleneagles (Escocia), en xullo próximo. ¿Revirarase Wolfowitz? A ministra alemá de desenvolvemento, Heidemarie Wieczorek-Seul, asegura que Wolfowitz comprende aos europeos, pero falta comprobar ata onde.
A elección de Wolfowitz, como a designación de John Bolton para representar a EEUU ante a ONU, tan ultraconservador coma o primeiro, incorporan unha clara mensaxe a terceiros: o que é bo para América debe ser bo para o resto do mundo, e para asegurarse nada mellor que preocuparse de establecer un certeiro control de determinadas institucións ás que procurará marcárselle o paso dende a White House. Nesa mesma liña cabe interpretar a renovada presión sobre Kofi Annan, o secretario xeral, unha estratexia que pretende o seu debilitamento para forzalo a dimitir ou baixar a cabeza ante a Administración Bush, que non lle perdoa as reiteradas pegas que propiciou para evitar que a ONU secundase a invasión de Iraq. O informe Volcker, que indaga nas irregularidades da xestión onusina do programa "Petróleo por alimentos", é a espada de Damócles que pode xubilar anticipadamente a Annan e deixar o camiño expedito para outro candidato, mais próximo aos ollos e intereses de Washington.