20080423 toquio yoshimi watanabe

Xapón: cara a reforma política?


 Yoshimi Watanabe; clic para aumentar
Yoshimi Watanabe, ex ministro de Reforma Administrativa, é unha persoa que chama a atención. A pesar de ser membro do PLD, contou abertamente coa posibilidade de reformar o mundo político durante unha xuntanza de recadación de fondos políticos, na que explicou como formar un novo partido. Nesa xuntanza participaron membros do PDX.
 

No transcurso dos seus dous primeiros meses de goberno, o primeiro ministro xaponés Taro Aso acrecenta a súa crise de lexitimidade. Segundo a última enquisa de opinión realizada en decembro, a taxa de apoio ao seu gabinete acada só un 21%, contrastando co 36% obtido en outubro. Ao contrario, a taxa de rexeite subiu ao 58%, en comparación co 41% de outubro. Aso foi elixido líder do Partido Liberal Democrático (PLD) en setembro pasado. Tendo en conta que as últimas enquisas amosan un forte rexeite popular ao seu goberno, será difícil para Aso e o PLD gañar as próximas eleccións.

O peor para o PLD é que aumenta o apoio do Partido Democrático de Xapón (PDX). Segundo a mesma enquisa de opinión, un 65% dos xaponeses pensa que “pode confiar o gabinete ao PDX”. Dentro do PLD, medran as voces críticas con Aso que ameazan con escindirse. No caso de rebelarse máis de 17 deputados do PLD, sería imposible aprobar un proxecto de lei na Cámara Baixa.

Tomando en consideración esta posibilidade, pódese vaticinar unha próxima reestruturación do mundo político xaponés? Sobre o resultado da enquisa que reduce a taxa de apoio ao seu gabinete a un 21%, Aso comentou: “Son responsable de todo. É unha cifra terrible. Creo incluso que supón unha avaliación de min mesmo. Creo que é unha opinión crítica coa falta de medidas en relación ao emprego e para mellorar a situación económica. Vou estrutuar un programa político para atender esas demandas”. Pola súa banda, Ichiro Ozawa, líder do PDX, suxeriu a necesidade de “presentar ao gabinete unha moción de censura”. A palabrería de Aso só encandilou durante dous meses.

Por qué entón caeu tan rapidamente a súa popularidade? A razón principal é que hai dúbidas acerca de se Aso dispón de capacidade orientadora para aplicar con celeridade as medidas que require a situación financeira e económica. En vez de rectificar o orzamento gobernamental, Aso cambiou moitas veces de opinión. Por exemplo, ao principio do seu goberno, aseguraba que daría subsidio especial a todas as familias e logo modificou esta posición, matizando que non sería para as familias que gañan 20.000.000 iéns anuais, aproximadamente uns 167.000 euros. Con todo, Aso decidiu que non establecería un límite legal e que agardaba unha renuncia voluntaria ao subsidio por parte dos que contaban cuns ingresos anuais elevados.

Noutro aspecto simbólico pero relevante, Aso erra frecuentemente cando ten que ler caracteres chineses e non coñece ben o prezo normal dos artigos de uso cotián. Ler correctamente en caracteres chineses é unha obriga necesaria para todos os xaponeses, razón pola que incluso os cidadáns dubidan se Aso posúe “sentido común”. Aínda que tiña moito carisma popular cando foi elixido, actualmente atópase en declive por estes asuntos.

Polo tanto, xorde a pregunta inevitable: quen sería máis apropiado para o cargo de primeiro ministro, Aso ou Ozawa? Segundo a última enquisa de opinión, a opción vencedora é a de Ozawa (Aso 19%, Ozawa 21%). Con todo, un 54% opina que ningún deles é apropiado para o cargo de primeiro ministro. Yamazaki Taku, quen fora vicepresidente do PLD, di que “se non hai aceptación popular de ningún,, temos que considerar un terceiro camiño”. Así, aparecerá un novo partido que cambiará o mundo político xaponés? De feito, aproximadamente un 60% dos xaponeses desexan “unha nova forma de reorganización do mundo político (33%)” ou “un gabinete de gran coalición de PLD e PDX (25%)”.

Yoshimi Watanabe, ex ministro de Reforma Administrativa, é unha persoa que chama a atención. A pesar de ser membro do PLD, contou abertamente coa posibilidade de reformar o mundo político durante unha xuntanza de recadación de fondos políticos, na que explicou como formar un novo partido. Nesa xuntanza participaron membros do PDX. Hidenao Nakagawa, un inimigo político de Aso no PLD, tamén estivo nesta xuntanza, dando conta da amplitude do movemento anti-Aso.

Con todo, é posible que non haxa unha inmediata reforma no mundo político. O primeiro ministro é a única persoa que pode disolver o Parlamento e convocar eleccións. En tanto Aso non tome a decisión de disolver o Parlamento, é difícil apostar por un novo partido. Pero se houbese moitas rebelións no PLD, non se podería evitar a reforma. Polo menos, chegará logo das próximas eleccións que se celebrarán no 2009.

O problema é que cada vez que aparece un novo primeiro ministro, cambia a política xaponesa tanto doméstica como exterior. En Xapón aparecen diferentes primeiros ministros cada ano. Esta inestabilidade pode contribuír a que o país perda a súa credibilidade internacional. Fundamentalmente, a política de Aso é diametralmente oposta á política do ex primeiro ministro Junichiro Koizumi, quen avanzou na liberalización do mercado. Por iso, o PLD escindiuse en moitas faccións. Aínda que agora os investimentos estranxeiros están volvendo a Xapón, pode que abandonen o país debido á desconfianza política, que afecta seriamente á economía xaponesa.

Hai un mes chamou a atención un estudo de Tamogami, un oficial aéreo do Estado Maior do Ministerio de Defensa, que xustificaba a guerra de agresión e a política colonial que Xapón aplicou entre 1937 e 1945. Por esta razón, o gabinete de Aso substituíu inmediatamente a Tamogami. Pola súa banda, China e Corea do Sur reaccionaron con calma. Aínda que non houbo antagonismo nin crítica nas relacións internacionais, a opinión de Tamogami discutiuse moito dentro de Xapón, incluso con determinados niveis de aceptación popular cara as súas ideas, a pesar da persistencia do tabú oficial sobre o papel de Xapón na II Guerra Mundial.

Neste apartado, cada primeiro ministro ten diferentes opinións sobre o papel de Xapón na guerra mundial, así como respecto á posibilidade dunha remilitarización do país. Polo tanto, os países estranxeiros deben reconsiderar a súa estratexia diplomática con Xapón, en consonancia co cambio político que se produza. Sen embargo, este revisionismo histórico en Xapón non é a mellor forma de construír unha boa relación con outros países, especialmente asiáticos. Esíxelle así maior estabilidade política e a xeración dunha maior confianza a nivel internacional.