É outro valado que comeza a presentar as primeiras fendas. Sen diálogo bilateral paraoficial dende hai case tres anos, Taiwán e a China, dous países aínda técnicamente en guerra, permanentemente enfrontados en batallas diplomáticas, non poden evitar sen embargo a imparable presión desa tendencia xeral de búsqueda de fórmulas de entendemento e convivencia nun mundo cada vez máis interdependente pero no que aínda perviven residualmente algúns contenciosos orixinados durante a guerra fría. Se en xuño pasado foi entre as Coreas, agora podería iniciarse o cambio de rumbo entre as Chinas.
A apertura de dúas liñas de navegación entre as illas de Quemoy e Matsu, moi próximas ao continente pero baixo soberanía de Taiwán, e os portos chineses de Xiamen e Fuzhou, e a autorización do comercio e as comunicacións directas, constitúe un xesto de moi limitadas consecuencias pero dun gran simbolismo. Durante anos, Beijing tentou convencer a Taipei da importancia desta medida, pero o entón gobernante Kuomintang soamente a admitía a medio prazo. Agora, cos independentistas no poder, o KMT aplaude a decisión e a China mira para outro lado.
Con esta apertura, Chen Shui-bian prosegue un xiro de enorme pragmatismo no elemento máis sensible do seu programa ata o punto de producirense as primeiras queixas entre os seus propios partidarios. Cun Parlamento controlado pola oposición, a supervivencia política de Chen está cada vez máis nas máns do Presidente chinés. Jiang Zemin, a dous anos da súa retirada, podería marcarse un tanto na historia contemporánea do país se é quen de arriscar. A fin de contas, del depende que esta iniciativa cualle e vaia máis alá ou se quede nun simple xesto que transforme en incoherencia a delicada aposta de Chen Shui-bian.