En 1967 o pobo xibraltareño se manifestou nun plebiscito a favor de seguir sendo colonia inglesa. E o pasado 7 de novembro votou en contra da negociación do acordo de soberanía compartida entre España e Gran Bretaña. A participación foi masiva, e 17.900 dos 18.117 xibraltareños que participaron no referendo (dun total de 20.675 que compoñen o censo) ou o que é o mesmo, o 98,97%, emitiu un voto negativo.
Estes resultados aínda que carentes de valor legal, que non de significado real, constitúen, segundo o Primeiro Ministro, Peter Caruana, unha clara mostra de que a cosoberanía, o mesmo que calquera outra negociación entre españoles e británicos, non é posible sen o consentimento e o apoio de Xibraltar, excluído ata o de agora de todos os encontros celebrados.
Este paraíso fiscal, ocupado por Inglaterra en 1704, foi posteriormente cedido por España en 1713 conforme ao disposto no Tratado de Utrecht, que explícitamente recolle que Xibraltar non pode aspirar á autodeterminación, e que no mesmo momento en que deixe de ser colonia británica pasará de novo a mans españolas.
O relevante despois de case tres séculos de dependencia non é o que pensen os habitantes da zona, nin sequera o feito de que a Rocha sexa a derradeira colonia en Europa, o importante é o que os dous países negociadores acorden. Aínda que España xoga cunha seria desvantaxe, os xibraltareños prefiren ser ingleses a ser españoles, algo non criticable se temos en conta "pequenas" cuestións coma o prestixio de un e doutro país, o abandono absoluto durante 26 anos da sorte dos xibraltareños, (1969-1985) período en que se pechou de xeito unilateral, por parte de España, a fronteira. Nembargantes a reapertura da Verxa rematou co veto que o Reino Unido mantiña con respecto ó ingreso de España na UE, de novo entón os beneficiados foron Londres e Madrid. O que quere dicir que as promesas feitas a Xibraltar de estudiar a posibilidade de reformar a súa Constitución e incluír o dereito de autodeterminación estará supeditado ás relacións con España que, por suposto, non vai a permitir tal cousa.
Non hai que esquecer tampouco a importancia estratéxica da zona. A súa situación xeográfica permite o control do tráfico marítimo entre o Mediterráneo e o Océano Atlántico. E non se limita só a unha vantaxe no plano militar senón tamén no fiscal (incumpre varias normativas en transparencia e control de capitais) sen falar do contrabando e demais actividades escuras.
Esta pequena franxa de terra que deu que falar dende o inicio das negociacións trala apertura da Verxa, seguirá a facelo xa que as discrepancias non se dan só entre España e Gran Bretaña tamén os británicos teñen posturas encontradas no seo do seu propio goberno. ¿Seguirá por moito tempo este culebrón? A resposta parece afirmativa tendo en conta este novo revés para os intereses españoles.