Coa presentación este luns por parte da defensa do seu alegato final, o xuízo a Saddam Hussein vai achegándose ao remate. Ninguén dubida da condena, pero moitas son as reservas respecto da limpeza do proceso xudicial e da propia independencia do tribunal. Organizacións de dereitos humanos como Human Rights Watch ou o director da rede Dereitos Humanos en Iraq, Muhammad Tareq, coinciden en cuestionar a respectabilidade do tribunal, deixando en entredito a lexitimidade e a imparcialidade do propio proceso ante a comunidade internacional e a propia sociedade iraquí, moi dividida ante o xuízo non só pola figura de Saddam senón polos límites que lle impón a propia ocupación. Fraco favor se fai á xustiza cando un proceso equivocado devén nun mero axuste de contas co pasado ou nunha chapuza procedimental deixando entrever que só se trata dun asunto de trámite.
Probablemente, de ter empregado a fiscais e investigadores iraquís xunto con xuíces internacionalmente recoñecidos, a imparcialidade do proceso e o dereito á defensa, aspectos ámbolos dous esenciais, estarían mellor garantidos e a confianza da sociedade iraquí no estado de dereito e nas formas da democracia moito máis asegurada. Pero tres avogados defensores foron asasinados. Os restantes viven en Amman e viaxan a Bagdad en avión para asistir ás audiencias. Os membros da Asociación de Avogados de Iraq opinan de forma moi crítica sobre o proceso, pero só poden facelo clandestinamente para salvagardar a seguridade das súas familias. Cando catro testigos da defensa aseguraron que estaban vivas polo menos algunhas das 148 vítimas de Dujail, o principal crime polo que se acusa a Saddam, o xuíz ordenou o seu arresto.
A farsa rematará en sentenza e, con seguridade, a condena será a morte, abrindo un novo debate sobre a pertinencia da súa aplicación. Os líderes curdos xa anunciaron que solicitarán un aprazamento para continuar co xulgamento polos crimes cometidos contra o seu pobo. Outros reclaman a simple e inmediata execución. Non obstante, alén de cuestións éticas e morais que nos levan a moitos a rexeitar a pena de morte por principio, moi pouco pode aportar a eliminación física de Saddam á pacificación e reconstrución dun país absolutamente desfeito pola invasión e os seus efectos. Ao contrario, será unha nova expresión das perturbacións que axexan o proceso iraquí e afondará nas numerosas divisións internas.