Dous aspectos destacan no discurso do Exército Zapatista de Liberación Nacional: o rexeitamento da toma do poder e a reivindicación do indixenismo. O poder é un lugar vacío, afirma o subcomandante Marcos. Non interesa o poder como obxectivo irrenunciable do movemento. Contrariamente aos movementos guerrilleiros clásicos que se organizaban para derrotar ao exército regular e impor un novo poder, unhas novas reglas de xogo, un novo sistema, os zapatistas poñen o acento na transformación social do día a día, no cambio de clima político, e mesmo as armas en si pasan a formar parte dunha peculiar cosmética que privilexia o uso da palabra. Nela, na palabra, no hábil dominio da palabra, vai residir a principal forza do movemento que consigue asi atraguer importantes solidariedades, especialmente internacionais e sempre moi plurais (radicais, socialdemócratas de esquerda, ecoloxistas, etc).
Esta do poder é unha reflexión moi interesante. Hoxe sabemos que tomar o poder non significa moito en por si, que hai reversibilidades, que non garante a idoneidade dun cambio social: despois de tantas decadas de poder soviético, que queda do home novo? Pouca cousa; e, por outra banda, en tempos de globalización, tomar o poder en México, poñamos por caso, ou en calquer outro lugar, non significa case nada, porque vivimos adentrados na caverna de Platón que nos diría Saramago, porque o poder está noutro lado, onde non se toma nin se elixe. Todo mais tomamos apenas sombras do poder. O zapatismo nese sentido é pura comprensión do momento que vivimos (dahí a crítica á globalización) e realismo puro, é dicir, son conscientes de que a insistencia no discurso tradicional de vencer ao inimigo conduce claramente á derrota. A súa estratexia é outra: sementar dúbidas, cuestionar, como se intentara gañar tempo para construir ese outro modelo alternativo do que aínda se carece, un anuncio de tempos mellores que están por chegar, como afirma Richard Gott, analista do The Guardian.
Este discurso tamén ten as súas hipotecas: ata que punto poden cambiar as cousas mais elementais se non tomamos o poder por cativo que sexa? Canto tempo poderán sobrevivir asi? Ata que punto esa renuncia é unha expresión dun novo discurso ou representa outro reformismo claudicante disfrazado de pragmatismo? En boa medida, os zapatistas semellan mais traballadores sociais que revolucionarios á vella usanza; comprenden os mecanismos do mundo actual, vertebran unha crítica desde posicións propias, saben usar os medios de comunicación, a publicidade e demais instrumentos do sistema, todo para mellorar paso a paso as condicións de vida e de organización das sociedades que aspiran a representar e transformar.
O segundo elemento é a reivindicación do indixenismo. Salinas de Gortari dicía que o alzamento zapatista era un ataque ao progreso, conforme con esa idea tan extendida tamén por aquí, por estes lares, de que indixenismo, coma o nacionalismo, como todo o que ten que ver coa reivindicación da identidade, da tribu, é reaccionario.
Esa reivindicación zapatista do indixenismo supón varias cousas: en primeiro lugar, despertarnos, lembrarnos algo que probablemente xa sabiamos, decatarnos de que non existe homoxeneidade étnica nin en México nin practicamente en ningún país de América Latina, e que os indixenas son os grandes esquecidos en todos os sentidos. Pero en segundo lugar, máis importante aínda, un tirón de orellas a certa esquerda que sempre mirou mal aos indixenas, que non os comprendeu, que prescindía deles e que os contemplaba como esa parte a eliminar do proceso revolucionario. Outra versión en suma daquela outra enraizada tendencia no modelo soviético de socialismo ir-real que asimilaba a progresiva construcción do socialismo coa eliminación das diferencias nacionais para dar lugar a unha nova formación social, o efímero pobo soviético. Marcos, pola contra, está nese sentido, mais próximo a Daniel Viglieti cando dicía aquelo de dale la mano al indio que cantaba Mercedes Sosa.
Por outra banda, indixenismo e pobreza camiñan da man en toda América Latina. Chiapas é un caso evidente: Nun dos países con maior número de multimillonarios do mundo, dos 111 municipios da rexión de Chiapas, conta o xornalista Roberto Montoya, 94 responden a criterios de alta ou moi alta pobreza. En todo México calcúlase que hai 20 millóns de persoas -dun total de 80 millóns de habitantes- que se atopan en estado de pobreza extrema. O 80% da poboación de Chiapas carece de electricidade. A maioría dos indixenas é analfabeta. A súa economía tradicional (millo, forestal) está a ser destruída. Iso a pesar de que Chiapas é o estado máis rico en recursos naturais -auga e petróleo- de todo México, e un dos lugares de orixe mais importante de plantas cultivadas ocupando, como tal, o oitavo posto mundial. É a vella táctica do empobrecemento…
É, por outra banda, o reflexo dun problema maior: en México o 10 % mais rico absorbe o 55% do ingreso. Os ricos non pagan, afirma Sanguinetti, o ex-presidente de Uruguai, nada sospeitoso de esquerdista, e o suborno arrampla con todo. Fox prantexa unha reforma fiscal e anuncia unha campaña contra a mordida que contempla a súa eliminación para o ano 2025!…
A demografia indixena apenas ten reflexo político no continente. Un noruegués convertiuse presidente en Guatemala, un suizo en Presidente de Chile, un sirio en presidente de Arxentina e ata un xaponés en presidente do Perú, como sinala Richard Gott, pero as posibilidades de que un indixena asuma a máxima xefatura do Estado é un fenómeno dificil: Chavez, en Venezuela, debe ter algo de sangue indixena, e quizais Toledo, se finalmente gaña no Perú. Pero é un dato evidente que no exército, na economía, na igrexa, etc, a súa presencia é infima e condicionada.
O indixenismo é un vendaval que percorre toda América Latina. Non é un problema de México, é de Bolivia, de Perú, de Ecuador, de Chile, de Guatemala. En Ecuador, vimolo hai pouco, son a punta de lanza do movemento social contra o axuste, obrigando ao Presidente Noboa a negociar un acordo de alcance non local, senón nacional.
O zapatismo é un fenómeno inseparable da emerxencia de novos movementos sociais de signo libertador, problemáticos, complexos, todo o que se queira, pero con vontade claramente emancipadora: MST de Brasil ou o movemento bolivariano de Chávez en Venezuela e outros movementos populares moi plurais, moi descentralizados, moi autónomos, con figuras como Sader ou Borón que están a formular ideas moi interesantes e acaídas, como puido verse no Foro Social de Porto Alegre.