Leer el artículo en castellanoTempo Exterior nº 5 segunda época - xullo/decembro 2002Volver ó sumario
 
¿Quen pertence a Letonia?


Jekaterina Dorodnova
 
 

A “diáspora” e a “minoría” na Letonia dos nosos días

Letonia [en letón Latvija] un dos países Bálticos que recuperou a súa independencia en 1991, un país –candidato a ser membro da Unión Europea no 2004– está na actualidade a construír a súa identidade estatal cunha complexa e tráxica historia, na que as relacións entre os letóns e outros grupos étnicos e lingüísticos sempre xogaron un papel importante. Un país pequeno de só 2,4 millóns de habitantes e unha superficie de 64.000 km² (o 40% cuberta por bosques), e que conta cun litoral báltico de 500 km. Estivo marcado pola gran diversidade etnolingüística da súa sociedade, reflectido, sobre todo, nas relacións de poder vehemente contestadas durante varios períodos históricos.

Entre os séculos XIII e XVIII, as tribos bálticas (kurshes, latgalos, zemgalos e livos, que a finais do século XIX se consolidaron na etnia letona), foron dominadas polos feudais alemáns, suecos e polacos. Durante os séculos XVIII-XX, o que hoxe é Letonia pertencía ó Imperio ruso. No contexto da primeira Guerra Mundial e a Revolución rusa, o 18 de novembro de 1918 foi proclamada a República de Letonia independente, que gozou da soberanía completa entre 1920 e 1940. Tralo golpe de estado de 1934 converteuse nunha dictadura. A independencia foi truncada en 1940 por Stalin, quen actuara segundo o protocolo secreto do pacto territorial ilegal Molotov-Ribbentrop de 1939. A ocupación nazi de 1941-44 viu despois dun ano de terror stalinista marcado polas deportacións masivas de letóns a Siberia. Despois da guerra o réxime stalinista reinstalouse levando a cabo máis deportacións e colectivizacións forzadas. Despois da morte de Stalin a situación relaxouse ata certo punto, coma no resto da URSS. A República foi restaurada en 1991(1).

Nembargantes, a Letonia de hoxe é unha Letonia cunha identidade construída en termos estrictamente étnicos, un país baseado no principio do nacionalismo segundo o que a unidade territorial política debe coincidir co grupo étnico principal que habita o territorio(2). O modelo político establecido hoxe en Letonia foi denominado por algúns observadores “a democracia étnica(3)” –unha democracia na que só o grupo étnico “titular” pode participar–. A tarefa máis complexa nesta situación consiste en introducir mecanismos que permitan transformar este modelo nunha democracia multiétnica.

A diáspora letona no estranxeiro (máis de 200.000 persoas) e a minoría lingüística ruso-falante dentro de Letonia (36% da poboación total) son os dous grupos de “outros” agora imprescindibles para a articulación da identidade letona. Mentres a diáspora é un vínculo político vivo coa Primeira República de Letonia os “ruso-falantes”, aínda os que naceron en Letonia, son un símbolo das inxustizas cometidas polo réxime opresivo contra os letóns, un legado lamentable do pasado, unha ameaza demográfica cunha presencia pouco lexítima en Letonia.

Estas actitudes están reflectidas nas políticas do goberno letón cara, por unha banda, “ós letóns estranxeiros”, a maioría dos que (aínda que non todos) eran refuxiados políticos que fuxiron do país durante ou inmediatamente despois da Segunda Guerra Mundial ou foron víctimas das deportacións, e, por outra banda, cara ós ruso-falantes, a maioría dos que (aínda que non todos) se estableceron en Letonia despois da guerra, vindo doutras repúblicas soviéticas, coma Rusia, Bielorrusia, Ucraína, etc, para ocuparen os postos de traballo creados polo goberno soviético. Nos primeiros anos despois da independencia, os letóns do estranxeiro foron convidados a reunirse cos letóns de Letonia e a participar na restauración da democracia e a economía de mercado letonas. Por outra banda, os “ruso-falantes” –aínda a súa segunda e terceira xeración– víanse empurrados, a través da política da cidadanía e a política lingüística, a deixar o país ou, no caso de quedar, a permanecer en Letonia sen dereitos políticos e con posibilidades económicas limitadas.

Aínda así, non se pode falar dos letóns e dos “ruso-falantes” coma de grupos homoxéneos, e das diferencias entre eles coma das únicas e principais diferencias existentes en Letonia. Tanto o grupo dos “letóns” coma o dos “ruso-falantes” inclúe varias categorías internas, que analizadas nos facilitan un entendemento máis profundo da complexa estructura sociocultural da sociedade letona. Neste artigo, analízase en termos xerais o papel da diáspora letona e o da minoría rusofalante na transición post-soviética en Letonia. ¿A quen pertence Letonia? e ¿quen pertence a Letonia? son preguntas, con respostas pouco claras no contexto político e demográfico actual, e ás que se pretende dar resposta neste artigo.


Os trocos étnicos na Letonia do século XX

Os trocos na composición étnica da sociedade letona durante os últimos oitenta anos están reflectidos na táboa da páxina seguinte. A pesares do aumento da porcentaxe dos letóns étnicos nos últimos anos, a poboación total de Letonia diminuíu debido ás dificultades económicas e á emigración. O crecemento natural foi negativo dende 1991 tanto entre os letóns como entre os non-letóns. A melloría da situación demográfica, sobre todo respecto da porcentaxe dos letóns étnicos na sociedade, foi unha das principias preocupacións dos grupos políticos letóns durante o período post-soviético (o obxectivo expresado con frecuencia é o de lograr que os letóns étnicos constitúan o 75% da poboación total(4)). As esperanzas para tal mellora foron baseadas no posible éxodo dos ruso-falantes e a volta da diáspora letona. En efecto, estímase que entre 100.000 e 200.000 rusofalantes deixaron Letonia na última década, co maior número de emigrantes en 1992(5), e milleiros de estranxeiros letóns trasladáronse a Letonia doutros países. Estes procesos tiveron un impacto, aínda que reducido, nos trocos máis recentes da composición étnica do país.

Composición étnica de Letonia, 1920-2000*
Orixe étnica

1920

1935

1959

1970

1979

1989

1994

2000

Letóns

72,76

77,00

62,00

56,80

53,70

52,00

54,20

57,60

Rusos

7,82

8,80

26,60

29,80

32,80

34,00

33,10

29,60

Bielorrusos

4,74

1,40

2,90

4,00

4,50

4,50

4,10

4,10

Polacos

3,42

2,60

2,90

2,70

2,50

2,30

2,20

2,50

Ucraínos

0,10

1,40

2,30

2,70

3,40

3,10

2,70

Lituanos

1,6

1,20

1,50

1,70

1,50

1,30

1,30

1,40

Xudeus

4,99

4,90

1,70

1,60

1,10

0,90

0,50

0,40

Alemáns

3,64

3,30

0,10

0,20

0,10

0,10

0,10

Estonianos

0,55

0,40

0,20

0,20

0,10

0,10

0,10

Xitanos

0,20

0,20

0,20

0,20

0,30

0,30

Outros

1,0

0,20

0,50

0,60

0,80

1,00

1,00

1,70

Total**

1596131

1950500

2093500

2364100

2502800

2666600

2565700

2375000


* En %. ** Números absolutos. (6).

Ata 1939, Letonia contaba cunha minoría alemana de aproximadamente o 4%, pero esa diáspora foi completamente retirada de Letonia ó comezar a Segunda Guerra Mundial. Consciente da futura ocupación soviética, Hitler retirou practicamente a toda a diáspora alemana das repúblicas bálticas antes da chegada do exército soviético. En 1939, 63.000 alemáns bálticos abandonaron Letonia(7). Os alemáns estiveran presentes no Báltico durante máis de 700 anos; os que alí se atopaban en 1939 naceran no Báltico e nunca viviran en Alemaña. A pesares disto, mantiñan sempre unha identidade distinta e sentíanse fortemente vinculados a Alemaña. Trala chamada de Hitler, milleiros abandonaron os países bálticos deixando as súas propiedades. Este complexo fenómeno histórico foi acompañado de moitas traxedias persoais.

Por outra banda, a minoría xudea, ó redor dun 5% da poboación total, presente en Letonia ata o ano 1941, foi case completamente exterminada durante a ocupación alemana de 1941-1944. Aproximadamente uns 70.000 xudeus foron fusilados nos bosques, ás aforas de Riga e outras cidades(8). A exterminación dos xudeus de Letonia mantense como unha das páxinas máis tráxicas e pouco investigadas na historia de Letonia.

Como resultado das guerras e dos cambios políticos ó longo do século XX, producíronse grandes éxodos de refuxiados letóns que fuxían do país e formaban comunidades letonas en varias partes do mundo. Milleiros de revolucionarios letóns fuxiron do réxime imperial e da guerra entre 1905-1917 –a primeira ola da emigración política letona–, e milleiros (máis de 200.000) nos anos 40-50 fuxiron de Stalin (segunda ola).

Ademais, como parte do Imperio ruso durante case dous séculos, Letonia contaba coa presencia dos rusos no seu territorio. Na Letonia independente (1920-1940) atoparon refuxio moitos rusos que se opoñían á revolución, incluso moitos dos que loitaban contra os bolxeviques na guerra civil rusa (“os rusos brancos”). Por estas razóns, ata 1940, unha minoría rusa de ó redor do 10% estivera presente en Letonia. As deportacións levadas a cabo por Stalin en 1941 e 1949 afectaron a máis de 60.000 persoas, principalmente letóns (aínda que tamén a moitos rusos brancos). Por outra banda, na Letonia soviética, o número de eslavos, especialmente rusos, bielorrusos e ucraínos medraba rapidamente entre 1944 e 1989 debido á política nacional da URSS. Como resultado desta inmigración eslava, a porcentaxe dos letóns étnicos baixara notablemente. Despois de 1991, estas tendencias foron dirixidas na dirección contraria. En termos lingüísticos trátase do 62% da poboación que considera o letón a súa lingua materna e o 36% que falan o ruso coma lingua materna, segundo o censo de 2000(9).


Os letóns e os letóns estranxeiros

Os letóns soen dividirse en tres grupos principias: 1) os letóns locais (os letóns de Letonia), os que viviron toda a súa vida en Letonia; 2) os letóns occidentais, os da diáspora ou os que volveron a Letonia despois de pasar moitos anos en países occidentais, e os seus descendentes; e 3) os letóns do leste, principalmente os que viven ou volveron de Rusia, moitos deles descendentes dos deportados por Stalin en 1941 e 1949(10).

Os letóns occidentais

As historias dos letóns occidentais parécense en canto ás experiencias de fuxir como refuxiados e pasar moito tempo (ata 8 anos) en campamentos para persoas desprazadas en Alemaña e Bélxica despois da Segunda Guerra Mundial. Un dos campamentos máis grandes deste tipo estaba na zona americana en Alemaña, onde se atopaban despois da guerra uns 100.000 letóns. Nalgúns campamentos os letóns eran sometidos, xunto a milleiros de refuxiados, a condicións moi duras, marcadas pola escaseza de comida e a falla de cobertura doutras necesidades básicas. Nembargantes, moitos dos que pasaron polos campamentos destacan o feito de que os refuxiados pertencían principalmente á elite política e cultural letona, eran representantes da intelixencia. Entre eles había médicos, artistas, escritores, xornalistas, que foron capaces de organizar os campamentos(11) de xeito máis eficaz.

Dos campamentos, os refuxiados se distribuíron por todo o mundo, formando comunidades máis numerosas en Canadá (Toronto, Vancouver, Montreal, Halifax), EEUU (Nova York, Chicago, Cleveland, Minneapolis) e Australia (Melbourne, Brisbane, Sydney, Adelaide) e menos numerosas en Brasil (Sao Paulo, Nova Odessa), Venezuela (Caracas), Nova Zelandia e Arxentina. Parte se estableceron tamén polos países da Europa occidental (Alemaña, Suecia, Reino Unido, etc). O número total dos letóns da diáspora é de aproximadamente 200.000 persoas. A maior parte se atopa nos EEUU (máis de 100.000), en Canadá viven ó redor de 25.000 persoas de orixe letón, uns 20.000 en Australia, 10.000 en Brasil, o resto noutros países(12).

Os letóns sempre se dedicaron a preservar a súa cultura no estranxeiro, a transmitir os coñecementos do idioma letón ós seus descendentes e a loitar pola independencia de Letonia organizando protestas e manifestacións contra a ocupación soviética e chamando a atención dos políticos e dos medios occidentais. En Cleveland (Ohio) organizouse o Comité Báltico Americano que unía ós inmigrantes estonianos, letóns e lituanos e servía como un “lobby” báltico no Ohio do norte, que tentaba influír nos representantes de Ohio no Congreso dos EEUU en Washington. Os letóns de Ohio poñíanse de acordo para votar polos congresistas que traballarían pola idea da independencia dos países bálticos(13). Iniciativas semellantes levábanse a cabo noutras partes do mundo. Durante os anos soviéticos houbo manifestacións, incluso fronte á Casa Branca.

As comunidades letonas soen estar ben organizadas: contan con igrexas luteranas letonas, colexios, centros culturais (chamadas Casas Letonas), teatros, coros, grupos de baile folclórico, xornais e revistas en letón, programas de radio e televisión, organizacións políticas, humanitarias e académicas, sociedades de crédito, editoriais, bibliotecas, equipos deportivos, movementos de boy scouts, etc. Organízanse con regularidade campamentos de verán para os nenos, celébranse festas letonas e festivais artísticos de música e teatro. A organización que xunta ós letóns fóra de Letonia é a Federación de Letóns Libres do Mundo (PBLA)(14) rexistrada nos EEUU. Os seus membros son as seis asociacións letonas centrais: a Asociación Letona Americana(15), a Federación Letona de Australia e Nova Zelandia, a Federación Nacional Letona en Canadá(16), a Asociación Letona da Europa Occidental, a Asociación Letona de Latinoamericana e o Congreso Letón de Rusia (este xunta ós letóns do leste). Ademais cada comunidade letona conta coas súas propias asociacións a nivel local (como, por exemplo, a Asociación Letona de Brisbane en Queensland, Australia)(17). En total, estamos a falar de 45 asociacións letonas fora de Letonia, 14 nos EEUU, 5 en Canadá, 2 en Rusia, e o resto noutros países(18).

Entre algunhas das congregacións luteranas letonas podemos destacar a da Igrexa de Santa Cruz en Melbourne, a Congregación Evanxélica Luterana Letona de Sydney, a Igrexa Evanxélica Luterana Letona de Sao Paulo (Brasil), a Igrexa Evanxélica Luterana Letona de California do Norte (que organiza misas en San Francisco e outras sete localidades, e que se dedica a apoiar ás igrexas en Letonia, espiritual e financeiramente)(19) e moitas outras. Nalgunhas comunidades, como Sydney e Melbourne, existiron tamén igrexas católicas letonas (os católicos en Letonia son unha minoría dun 20% aproximadamente)(20).

As novas xeracións de letóns no estranxeiro formáronse nos colexios letóns, moitos establecidos baixo o auspicio das igrexas letonas, ofrecendo clases de letón ós nenos os sábados ou os domingos: por exemplo, o colexio étnico “Daugava” en Melbourne, o Colexio Letón de Cleveland, etc. O idioma letón ofértase como materia en moitas universidades estadounidenses e australianas, entre elas Melbourne University e Flinders University.

Entre os grupos de música e baile letóns destacan “Tieksma” –un grupo de música folk de Minneapolis (EEUU)–, coros “Rota” e “Daina” de Melbourne, o grupo de kokle (instrumento tradicional de corda) en Cleveland, Jautrais paris e Saules josta –grupos de baile folk de Sydney–, e moitos máis. A maioría se formaron nos anos 50-60 e funcionan durante décadas(21). Existen numerosos teatros letóns, como teatros latviešu teatris, que celebrou recentemente o seu 50 aniversario, ou o Teatro Letón de Cleveland establecido en 1952. Os teatros letóns de Australia son membros de Australian Latvian Theatre Company, e nos EEUU de Latvian Theater Association of Northern America. O primeiro festival de Teatro Letón Australiano organizouse en Sydney en 1955(22).

Anualmente, en Australia organízanse o Festival Cultural Letón e o Festival Australiano das Artes Letonas. Ata 1992, organizábanse tamén con carácter regular as Xornadas dos Escritores Letóns de Australia, pero suspendéronse por falla de novos autores que escriban en letón. Nos EEUU organízase cada cinco anos o Festival Internacional da Canción letona que ten lugar en distintas cidades estadounidenses e conta coa participación de milleiros de letóns de todo o mundo. O último tivo lugar en Chicago en setembro de 2002. En Letonia, o Festival das Cancións e Bailes (Dziesmu un deju svetki) celébrase cada catro anos. O último celebrouse no verán de 2001 coincidindo coas celebracións dos 800 anos da cidade de Riga. A partir de 1991, os artistas letóns estranxeiros podían participar nos festivais en Letonia, e os artistas de Letonia podían facelo en varios festivais organizados polas comunidades letonas noutros países.

Dos numerosos xornais letóns no estranxeiro destacan, por exemplo Australijas Latvietis [O Letón de Australia ], Laiks [Tempo] de Nova York, a revista Akademiska Dzive [A Vida Académica] de Minneapolis. A diáspora conta con editoriais como Gramatu Draugs [Amigo dos libros] de Nova York, que publica libros en letón, así coma con librerías. A biblioteca letona máis grande atópase en Melbourne: é unha colección de máis de 17.000 volumes publicados polos letóns fora de Letonia e libros sobre Letonia e os letóns(23). En 2000, lanzouse un proxecto global en Internet, Latvians Online (http://www.latviansonline.com) –unha páxina web administrada dende Melbourne (Australia) e St. Paul (Minnesota, EEUU)– co obxectivo de unir e informar regularmente ós letóns da diáspora sobre os acontecementos no mundo letón tanto en Letonia como noutros países. O proxecto conta con corresponsais en todo o mundo, con foros e tendas on-line. Regularmente aparecen artigos de interese histórico e político. A maior parte da información ven en inglés, pero tamén hai artigos en letón.

Os letóns da diáspora administran consulados honorarios de Letonia en varios países e cidades, entre elas Caracas (Venezuela), Sao Paulo (Brasil), Melbourne e Sydney (Australia) e outras(24). Ademais de centos de letóns que destacaron na diáspora como escritores, músicos, pintores, actores e académicos, moitos tiveron éxito coma empresarios creando os seus propios negocios e asumindo altos cargos en grandes empresas occidentais. En Canadá, por exemplo, un dos negocios letóns máis coñecidos é o Benjamín Film Laboratories(25). Establecéronse varios fondos e organizacións dedicadas a mobilizar recursos para actividades educativas, culturais e políticas dos letóns, así como para apoiar as reformas en Letonia(26). En Cleveland, os letóns estableceron en 1989 un grupo de apoio financeiro ó Fronte Popular para as súas actividades dirixidas ó restablecemento do estado letón. O programa Help Latvia lanzado nos EEUU en 1992, dedicouse á organización do abastecemento da axuda humanitaria para Letonia –foron enviados centos de paquetes que contiñan comida, roupa e libros(27)–.

No período soviético, os letóns occidentais mantiveron contactos cos seus familiares e amigos en Letonia –algo que non foi fácil tendo en conta a ríxida censura soviética e a prohibición case total de calquera tipo de contacto con estranxeiros–. Non obstante, os vínculos non se perderon. Non se pode menosprezar o valor da diáspora no movemento independentista e a influencia das ideas articuladas pola diáspora sobre o discurso político en Letonia, en especial a finais de 1980. Os medios letóns no estranxeiro, tales coma o xornal “Briva Latvija” [A Letonia Ceibe] distribuído entre os letóns de todo o mundo pola Federación dos Letóns Ceibes do Mundo, puideron falar abertamente da necesidade de restablecer a independencia. Mentres no contexto político da URSS, os líderes locais do movemento independentista operaron ó principio con propostas máis coidadosas, propoñendo un status especial para Letonia dentro da URSS, os letóns occidentais sempre utilizaron un discurso máis radical, esixindo independencia completa e a curto prazo. Ata o de agora, caracterízanse por afiliacións políticas e puntos de vista radicais(28). Nas eleccións parlamentarias de 1998, a maioría dos letóns de Australia (62%)(29) apoiaron ó partido nacionalista radical, “Pola Patria e a Liberdade”. En troques, en Letonia, este partido recibiu o 14,7% dos votos(30).

É importante a cuestión da cidadanía dos letóns occidentais, que fuxiron sendo cidadáns da República de Letonia e mantiveron esta identidade cívica durante todo o período soviético. Algúns incluso gardaron os seus pasaportes letóns. Por outra banda, os que vivían na Letonia soviética non tiñan outra opción que aceptar a cidadanía da URSS. Os letóns occidentais eran partidarios da idea de que o corpo dos cidadáns de Letonia tiña que ser restaurado xunto coa soberanía do país, é dicir, só os cidadáns da Primeira República e os seus descendentes terían dereito á cidadanía de Letonia. Os que viñeron despois da incorporación do país na URSS, non serían recoñecidos coma cidadáns –o modelo polo que se optou ó final(31)–.

Os letóns occidentais, no tocante a cidadanía, son un grupo privilexiado, xa que só eles puideron manter a súa dobre nacionalidade –a de Letonia e a dos países adoptivos (os EEUU e outros)–. A Lei de Cidadanía letona non recoñece a dobre nacionalidade. Se un cidadán letón pretende adquirir outra nacionalidade, ten que renunciar á letona. Se se descobre que non renuncia, o estado letón pode revocarlla. Do mesmo xeito se unha persoa quere adquirir a nacionalidade letona, debe renunciar a súa nacionalidade anterior(32). No obstante, o caso dos letóns occidentais é excepcional, xa que o estado letón, na maioría dos casos, non esixiu a renuncia á nacionalidade occidental. Esta situación é considerada inxusta polos ruso-falantes, non recoñecidos como cidadáns letóns, a pesar de nacer, vivir e traballar toda a súa vida en Letonia e, en moitos casos, ter loitado na Fronte Popular pola independencia e a democracia. Ata hoxe, a maioría dos ruso-falantes non teñen nacionalidade de ningún país (a súa situación explícase máis adiante).

A identidade letona mantívose no estranxeiro durante xeracións. As redes de letóns, ben organizadas, fixeron posible a cristalización dunha identidade “diaspórica” letona compartida polos letóns estranxeiros a pesar das diferencias entre as distintas formas de vida que levaban. Esta identidade, en certo modo, une a tódolos letóns da diáspora, incluso ós que se trasladaron a Letonia de diversas partes do mundo occidental despois de 1991. A primeira xeración de emigrantes letóns estase a facer maior, e non moitos volveron a Letonia (aínda que algúns están vindo agora a pensionarse, especialmente se os seus fillos viven en Letonia). Os que volveron son, principalmente, representantes da segunda xeración, xente entre 30 e 40 anos. É difícil estimar o número total de repatriados, xa que moitos veñen para estar uns anos e logo regresan ou saen a estudiar ó estranxeiro. En moitos casos identifícanse máis cos países onde naceron e medraron e prefiren seguir alí, sen perder vínculos con Letonia. Visitan Letonia con frecuencia e apoian ós seus familiares e amigos, ademais de proxectos (financeiramente). Non obstante, algúns establecéronse en Letonia despois da independencia (levan xa 7-12 anos), e a súa influencia social foi notable.

Na Saeima (parlamento letón, unicameral de 100 deputados) elixida en 1993, había 17 deputados da diáspora. Despois o seu número foi diminuíndo. Nas últimas eleccións do 5 de outubro do 2002 presentáranse uns 10 letóns estranxeiros. Moitos letóns occidentais traballan no Ministerio de Asuntos Exteriores (por exemplo, a directora do Departamento de Prensa e o secretario parlamentario do Ministerio) e no corpo diplomático letón: as súas experiencias en occidente e os seus coñecementos de idiomas estranxeiros foron moi valorados polo Estado. Son vistos como persoas capaces de crear unha imaxe favorable de Letonia no estranxeiro e contribuír ó regreso do país ó mundo occidental, polo tanto, ocupan altos cargos nas embaixadas de Letonia en organizacións internacionais.

Por exemplo, o embaixador de Letonia na OTAN (da que Letonia quere formar parte) é Imants Liégis, o xuíz de Letonia no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos é Egils Levits (que fora ministro de Xustiza), o embaixador de Letonia en Portugal é Ronalds Lappuke, o segundo secretario da embaixada en Finlandia é Marks Deitons, o ex embaixador de Letonia en España (ata o 2001) e Olgerts Pavlovskis (tamén foi ministro de Defensa). Nos últimos dez anos houbo varios ministros letóns occidentais: Vita Terauda (ministra das Reformas Estatais, agora directora da Fundación Soros en Letonia), Janis Tupesis (ministro estatal para os Dereitos Humanos), Gunars Meirerovics (ministro estatal de Asuntos Europeos). Algúns traballan tamén na representación do PNUD en Letonia. É interesante destacar que despois da independencia, tanto o embaixador de Letonia nos EEUU (Ojars Kalninš, agora director do Instituto de Letonia) coma o embaixador dos EEUU en Letonia, Ints Silinš, eran letóns occidentais. En 1999 a Saeima elixiu a Vaira Vike-Freiberga coma presidenta de Letonia. A Dr. Vike-Freiberga, catedrática de psicolingüística da McGill University en Canadá, volveu a Letonia en 1998 para ocupar o posto de directora do Instituto de Letonia (unha institución gobernamental que se dedica a crear a imaxe de Letonia no estranxeiro). Despois de ser elixida como a primeira muller presidenta de Letonia, renunciou a súa nacionalidade canadense.

Foron moi activos na vida social letona o director do Centro de Dereitos Humanos e Estudios Étnicos de Letonia, Nils Muižnieks (doutor en Ciencias Políticas pola Universidade de California); Kaija Gertnere, directora do Centro das Organizacións Non-gobernamentais; xornalistas coma Karlis Streips, Pauls Raudšeps e Juris Kaža; Uldis Grava, director xeral da Televisión de Letonia; Maris Slokenbergs, rector da Escola Superior de Economía; Linda Freimane, vicerrectora da Escola Superior Xurídica de Riga; e Atis Lejinš, director do Instituto de Política Exterior da Universidade de Letonia.

Algúns letóns occidentais tiveron éxito en Letonia, no sector privado. Entre eles o director de PriceWaterhouseCoopers Latvia, Nils Melngailis; os avogados Raimonds Slaidinš, Filips Klavinš e Valters Kronbergs; a directora de Statoil Latvia, Baiba Rubeša; o director do Fondo de Inversións, Karlis Cerbulis, e moitos outros. Ós letóns de Venezuela pertence un restaurante (Zvaigzne), dúas tendas (Adidas un Kids) e un banco (Maras banka). Os letóns occidentais estableceron negocios de propaganda, de recursos humanos, de construcción, etc. Hai tamén médicos, dentistas, artistas, informáticos, e outros profesionais.

As actitudes cara estas persoas son ambiguas. A principios dos 90, foron benvidas e a súa chegada foi acompañada dun certo sentimento de euforia. Os letóns locais buscaban apoio e entendemento neles. Nembargantes, logo descubriron que existían moitas diferencias entre os letóns de Letonia e os letóns occidentais. Os letóns locais os critican por non entender a realidade letona. Din que en efecto son estranxeiros e teñen pouco que ver con Letonia: non pertencen, non son os letóns auténticos. Non experimentaron os anos soviéticos e non poden entender o impacto que tivo este período na mentalidade das xeracións de letóns que medraron nestas circunstancias. Critícanos polo seu acento americano, polo vocabulario antigo que utilizan cando falan letón, e por ter vulgarizado a cultura letona no estranxeiro. Houbo protestas contra o status privilexiado dos letóns occidentais, bos postos de traballo, salarios 10-100 veces máis altos que os dos letóns locais e reclamacións de propiedade inmobiliaria. Con frecuencia se ten a impresión de que os que volveron fixérono porque non pudieron lograr nada en occidente, son uns “perdedores” que buscan un camiño fácil cara unha estabilidade económica nun país empobrecido(33). Polo tanto as diferencias entre os letóns locais e occidentais están percibidas como diferencias de clase social. Pola súa parte os occidentais mostraron, ás veces, unha actitude de superioridade cara ós locais, menosprezando a súa formación e as súas cualificacións profesionais, obtidas na URSS, e, incluso, o seu letón “rusificado”, a súa cultura “sovietizada” e a súa falla de coñecementos “occidentais(34)”.

As protestas dos letóns locais tiveron fundamento nalgúns casos xa que houbo letóns occidentais con intencións non moi claras. Lamentablemente neste senso destacou o letón de Alemaña Joahims Zïgerits que organizou a mediados dos 90 un partido político de extrema dereita “Por Letonia”, fíxose parlamentario e consolidou apoio público gracias ó seu escuro populismo.

A pesar das dificultades, en xeral, os letóns locais e os occidentais leváronse ben. As relacións foron máis complexas entre os letóns occidentais e os ruso-falantes: os primeiros seguen vendo ós segundos como unha consecuencia da ocupación que ten que ser superada, negándolles lexitimidade algunha, e os últimos pregúntanse como poden as persoas que nunca viviron en Letonia falar en nome de tódolos seus habitantes(35). O entendemento mutuo entre estes grupos complícase tamén polo feito de que os letóns occidentais xeralmente non falan ruso, e moitos rusos aínda falan o letón con dificultade. A presidenta Vaira Vike-Freiberga domina cinco idiomas, pero non o ruso. Actualmente está aprendéndoo, e xa fixo algúns discursos en ruso. O saúdo anual ós letóns da diáspora, gravado en vídeo, é distribuído por tódalas comunidades letonas cada 18 de novembro (festa nacional). A presidenta expresou por exemplo, no ano 2000, o seu agradecemento ós deportistas rusofalantes, cidadáns de Letonia, que gañaron medallas para Letonia nos Xogos Olímpicos de Sydney, tentando crear así unha actitude máis tolerante cara ós ruso-falantes entre os letóns da diáspora. A presidenta tamén expresou publicamente o seu agradecemento a Marija Naumova que gañou no 2002 o Festival de Eurovisión.

Os letóns do leste

As comunidades letonas máis coñecidas en Rusia son os pobos de Lejas Bulana e Augšbebri, en Siberia Occidental. Nembargantes, as orixes destas comunidades (que son as poboacións da diáspora letona máis antigas do mundo) atópanse no século XIX cando, despois da prohibición da servidume, os campesiños eran libres de cultivar terras que non pertencían a ninguén. Milleiros de letóns dirixíronse entón a Siberia na procura de terras, e aí estabreceron as súas poboacións. Despois de décadas de prosperidade (en 1933-1934, por exemplo, a diáspora contaba con 119 colexios letóns en Rusia), eran destruídas case completamente polo réxime stalinista durante a colectivización forzada. Hoxe en Augšbebri, 116 persoas identifícanse como letonas, e en Lejas Bulana tamén quedan só unhas familias. Nestes dous pobos aínda se fala letón, pero resulta cada vez máis difícil transmitir o idioma dunha xeración a outra. Nos dous hai igrexas luteranas e, nos últimos anos viñeron profesores de letón dende Letonia para dar clases á nova xeración(36).

Os letóns que sobreviviron ás deportacións de 1941 e 1949 e os seus descendentes en Rusia non están tan ben organizados coma os letóns occidentais, (aínda que contan coa súa organización, o Congreso dos letóns de Rusia). Resultoulles máis difícil manterse como un grupo étnico. Para as autoridades soviéticas ser letón significaba ter colaborado co réxime nazi, polo tanto moitos tentaron ocultar a súa identidade tomando apelidos rusos ó casarse e rexistrando ós seus fillos como “rusos” para que tiveran máis oportunidades na URSS. Moitos letóns do leste non puideron presentar a documentación necesaria para demostrar que os seus antecesores foran cidadáns da Primeira República, por esta razón non podían obter a nacionalidade letona automaticamente e tiñan que pasar polo proceso de naturalización que inclúe exames do idioma letón, historia e constitución de Letonia. Aínda que os repatriados tiveron o dereito de comezar a naturalización como un grupo excepcional (antes que outros), tiveron problemas porque moitos xa non falaban o letón. A pesar de que o sufrimento dos letóns deportados forma un leimotiv do discurso político en Letonia, na práctica, os letóns do leste que regresaron a Letonia tiveron que facer fronte moitas veces a actitudes non moi amigables dos letóns locais, que se preguntan porque os letóns do leste non volveron despois da morte de Stalin e si agora que a crise económica de Rusia lles afectou. En Letonia se un non fala letón é difícil ser aceptado coma un letón “auténtico”, a pesar de selo por descendencia de sangue. Ademais, os letóns do leste veñen na súa maioría dunha situación económica moi difícil, e Letonia non pode esperar ningún tipo de apoio económico da súa parte. Ó contrario son unha carga social para o estado letón(37).

Non obstante, existen iniciativas dirixidas cara á repatriación da diáspora letona do leste. A organización dos letóns de Rusia en Letonia axuda a trocar apartamentos entre os letóns do leste e os rusos de Letonia que queren ir vivir a Rusia e organiza cursos de letón gratis para os repatriados do leste(38). O goberno letón expide visados para os cidadáns rusos de orixe étnica letona gratis, pero a axuda económica estatal para os repatriados do leste é moi reducida debido á difícil situación económica de Letonia.

Nos últimos anos aumentaron as iniciativas gobernamentais. No 2001, o goberno letón aprobou o Programa Nacional da Integración Social que contén a parte chamada “Repatriación, migración e cooperación cos expatriados no estranxeiro”. Está previsto dar máis apoio ós repatriados letóns que queren vivir permanentemente en Letonia, así como fomentar a emigración dos non-letóns (a Rusia, Ucraína, Bielorrusia, etc). O programa inclúe os proxectos que se van levar a cabo e os recursos financieros para iso. O goberno letón planifica gastar 51.000 latos (86.484 EUR) anualmente no proxecto de “Integración dos repatriados na sociedade letona”. Por outra banda, o proxecto “Emigración dos non-cidadáns de orixe rusa a Rusia” conta con 138.000 latos (234.055 EUR) de recursos gobernamentais (para o 2002) e con 462.000 USD que pretende gastar anualmente a Organización Internacional da Migración(39). Esta previsto que se adopte tamén, por separado, o Programa Nacional de Repatriación, e a súa implementación será responsabilidade do Ministerio de Interior(40). O proxecto contén un apoio anual estatal de 218.000 latos no 2002 e 2003 para os gastos de viaxe, vivenda, axuda social do paro, formación profesional e cursos de idiomas para os repatriados. O Fondo de Repatriación será responsable da mobilización de recursos de tódalas fontes posibles(41).

Na actualidade, o 80% de tódolos repatriados son letóns do leste. En total, en 1998, se repatriaron a Letonia 828 persoas, en 2002 só 401. No 2000 a maioría das solicitudes de axuda para a repatriación foron rexeitadas por falla de recursos estatais(42). Por outra banda, se sabe que unhas 400 persoas de orixe rusa recibiron axuda para trasladarse a Rusia en 1999, e unhas 600 persoas no 2000. O proxecto conta coa cooperación do Departamento Federal da Migración da Federación Rusa(43).

En Letonia, tiveron lugar xa tres Congresos Mundiais dos Letóns Estranxeiros. O último (2001) contou coa participación de 250 delegados de 13 países(44).


Os “ruso-falantes” en Letonia

Os “ruso-falantes” en Letonia son étnica, cultural e politicamente un grupo diverso. O termo “ruso-falantes” foi aplicado con referencia ás persoas para as que o ruso é lingua materna (na actualidade o 36% da poboación). O grupo inclúe ós rusos étnicos (o 30% da poboación total), a maioría dos bielorrusos, ucraínos e xudeus de Letonia e unha parte dos polacos e representantes doutras etnias. En Letonia, a etnicidade é oficial: rexístrase nos certificados de nacemento e nos pasaportes segundo a etnicidade dos pais, e moitas veces non coincide coa autopercepción dunha persoa nin reflicte as múltiples identidades de moitas persoas. Non obstante, as porcentaxes oficiais axudan a ter unha idea aproximada sobre a composición etnolingüística da sociedade.

Unha parte dos ruso-falantes son cidadáns de Letonia, pero a maioría deles non o son porque se estableceron ou naceron en Letonia durante o período soviético e o novo estado letón, ó restablecemento do que contribuíron cos seus votos sendo aínda cidadáns soviéticos en 1991 (o 39% apoiaron a independencia)(45), negoulles a cidadanía letona. En 1998 o 78,2% de tódolos cidadáns de Letonia eran letóns étnicos. Os “non letóns” constitúen só o 22% dos cidadáns (os rusos étnicos constitúen o 16,3%, os bielorrusos o 1,2% e os ucraínos o 0,3% dos cidadáns)(46). Estas porcentaxes, por suposto, non reflicten a proporción dos grupos étnicos respectivos na poboación total de Letonia.

O status legal do “non cidadán de Letonia” é semellante ó dos inmigrantes con residencia permanente noutros países, pero a diferencia é que non posúen outra nacionalidade . Non teñen dereitos políticos, non poden asumir cargos en institucións gobernamentais, non poden traballar como avogados, detectives privados, xuíces, notarios públicos, capitáns de barcos, pilotos de avión. Non teñen dereito a levar armas. Tiveron menos posibilidades para privatizar os seus apartamentos e para mercar terra que os cidadáns. O seu documento de identificación é o “pasaporte do non cidadán de Letonia” (en inglés, “alien’s passport”). Mentres os cidadáns poden viaxar sen visados a tódolos países da UE e a moitos outros, os non cidadáns precisan visados para practicamente tódolos países. Só Dinamarca non distingue entre as dúas categorías(47).

Se os non cidadáns queren conseguir a nacionalidade letona, teñen que pasar polo proceso da naturalización cumprindo con tódolos requisitos que inclúen o exame do idioma letón e o da historia, constitución e himno nacional de Letonia, a taxa estatal e o xuramento de lealdade a Letonia. A naturalización comezou no 1995, pero ata 1998 o acceso a ela era limitado, xa que só grupos reducidos podían presentarse cada ano: grupos excepcionais (entre eles letóns repatriados) podían comezar en 1995, as persoas que naceron en Letonia e tiñan entre 16 e 20 anos podían presentarse en 1996, as persoas nacidas en Letonia entre 20 e 25 anos de idade, en 1997, nacidas en Letonia, entre 25 e 30 anos no 1998, etc. Dos (inicialmente) case 700.000 non cidadáns, só uns 10.000 foron naturalizados entre 1995 e 1998. Baixo a presión diplomática da OSCE e a UE este “calendario” foi suprimido en outubro de 1998 e a naturalización abriuse para tódolos non cidadáns, sen ter en conta nin a idade nin o lugar de nacemento. Segundo os últimos datos da Axencia Estatal de Naturalización, o número actual das persoas naturalizadas é de 49.998. O número actual dos non cidadáns é de 523.095(48). Esta cifra baixou debido á crise demográfica e a emigración, non á naturalización.

As actitudes dos non cidadáns cara a naturalización son, na súa meirande parte, negativas. Considérana humillante, inxusta e innecesaria: é difícil aceptar a idea de ter que naturalizarse no propio país. Ademais, moitos non cren que poidan aprobar os exames(49): en 1989, só o 22% dos ruso-falantes dominaba o letón (o sistema educativo soviético produciu en Letonia o bilingüismo asimétrico: os letóns sabían ruso, pero a maioría dos rusos non sabían letón). A pesar de que esta porcentaxe foi aumentando rapidamente (ata o 40-50% en 1999)(50), moitos aínda falan o letón con dificultade, especialmente persoas maiores. O “boicoteo” da naturalización chamou a atención da comunidade internacional. Nembargantes, os representantes internacionais puideron facer moi pouco para influír no goberno letón de centrodereita, porque inicialmente a política da cidadanía letona fora aceptada por Occidente. Letonia foi admitida na ONU e no Consello de Europa a pesar das súas practicas discriminatorias.

Rusia expresou con frecuencia a súa insatisfacción polas “violacións dos dereitos humanos dos ruso-falantes en Letonia” e posibilitou a adquisición da nacionalidade da Federación Rusa a persoas residentes fóra do seu territorio. Non obstante, só uns poucos adquiriron a nacionalidade rusa (uns 60.000), e polo menos a metade dos que o fixeron se trasladaron a Rusia(51). A meirande parte dos non cidadáns de Letonia non queren facerse cidadáns de Rusia porque non viviron ou non planifican vivir alí, nin se senten fortemente vinculados a Rusia. Desenvolveron unha identidade distinta, considéranse “rusos bálticos” ou “eslavos bálticos”. Respondendo á pregunta “¿Son os rusos de Letonia e os rusos de Rusia a mesma xente, ou son pobos distintos?” o 56% respondeu que son distintos, o 30% que son a mesma xente, e para o 14% era “difícil de dicir(52)”. Cando algúns políticos letóns esixen a “repatriación” dos rusos a Rusia, estes reaccionan dicindo que “repatriación” non é o termo correcto no seu caso, xa que a súa patria é Letonia onde naceron ou onde viviron durante varias décadas. Os que saen a Rusia ou a outros países veno como emigración forzada da súa patria, non como “repatriación(53)”.

Sen dúbida, estas actitudes indican que os ruso-falantes en Letonia non forman unha diáspora rusa, ou unha irredenta de Rusia, como moitas veces os líderes letóns o presentan, fomentando o mito sobre a “quinta columna rusa” interesada nunha nova ocupación. Os ruso-falantes identifícanse máis coas localidades nas que viven(54) e co idioma ruso, e non cos grupos étnicos respectivos(55). Non son receptivos ós intentos de Rusia de protexer os seus dereitos porque non cren na sinceridade dos políticos de Rusia: vense coma reféns dos xogos xeopolíticos de Rusia e de Occidente que danan máis que axudan á súa causa.

Algúns representantes de varias etnias (incluso algúns rusos étnicos) si tentaron articular a súa identidade étnica, buscar as súas raíces e recorrer ó apoio das súas “patrias históricas” (Rusia, Ucraína, Armenia, etc) uníndose en sociedades culturais nacionais e establecendo colexios étnicos, pero este fenómeno é moi reducido (só uns 2.168 alumnos asisten a estes colexios)(56). O “Partido Ruso” baseado no nacionalismo ruso e os valores ortodoxos non gañou ningún escano nas últimas eleccións.

Pese ás barreiras psicolóxicas, máis e máis non cidadáns se dan conta de que a naturalización é o único camiño posible no contexto político actual para acceder ós dereitos políticos en Letonia e poder influír no proceso da toma de decisións que lles afectan directamente, sobre todo, no campo da política lingüística. Os ruso-falantes que teñen nacionalidade letona están cada vez máis unidos nas súas preferencias políticas: votan polo movemento integrista “Polos Dereitos Humanos na Letonia Unida” que nas eleccións de 1998 recibiu 16 escanos e nas eleccións do 5 de outubro de 2002, 24. Nembargantes, o movemento nunca formou parte da coalición gobernamental, e tampouco esta vez vai a ser convidado. Sen embargo, por primeira vez despois da independencia está participando na coalición do goberno municipal da cidade de Riga formándoa co Partido Socialdemócrata.

Na Letonia soviética o ruso era un idioma oficial xunto co letón. A educación foi accesible nos dous idiomas a tódolos niveis. A partir de 1991 a situación mudou radicalmente. Actualmente, o ruso é un idioma estranxeiro que nin sequera ten o status dun idioma minoritario. Está completamente excluído do sector público e a regulación estatal do uso dos idiomas no sector privado aumentou coa adaptación da nova Lei do Idioma Estatal en 1999(57). A partires de 1992, tódalas persoas formadas en colexios rusos (aproximadamente a metade de tódolos colexios da Letonia soviética eran rusos), teñen que aprobar un exame de letón. Existen seis niveis de coñecemento do letón (1A, 1B, 2A, 2B, 3A, 3B) necesarios para varios postos de traballo, tanto no sector público como no sector privado. Moitas persoas foron despedidas debido ó seu insuficiente coñecemento do idioma letón, por exemplo, algúns mestres de colexios rusos que non puideron aprobar o nivel superior esixido para esta profesión.

A partir de 1992, pecháronse os programas universitarios ensinados en ruso. Gradualmente foi diminuíndo o número de colexios rusos, causando protestas. No 2000 pechouse a Universidade da Aviación: a maioría dos seus estudiantes eran ruso-falantes e a Universidade non cumpría coa Lei do Idioma. Polo mesmo motivo foron suspendidos uns programas de televisión e de radio que excedían a cota do 25% permitida para programas en idiomas estranxeiros. Ata o 2001, o goberno non contribuía financeiramente á ensinanza do letón ós ruso falantes. O PNUD financiaba o Programa Nacional para a Ensinanza do Letón dirixido, principalmente, ó adestramento dos mestres dos colexios rusos para que poidan ensinar as súas materias en letón. A competencia lingüística dos ruso-falantes medrou a pesar das incentivas negativas que recibiron.

En 1992 estableceuse o Centro do Idioma Estatal que vixía o cumprimento da Lei do Idioma. Os inspectores lingüísticos teñen dereito a presentarse en organizacións, empresas, etc, para comprobar a posesión por parte dos empregados dos certificados de competencia lingüística, e a autenticidade dos mesmos. Ata o 2001 tiñan dereito a examinar ós empregados a pesar da súa posesión dos certificados de coñecemento do letón ó nivel necesario para o posto, e revocalos se opinaban que os coñecementos, en realidade, non correspondían ó nivel do certificado. Despois de que unha cidadá ruso-falante, Antonina Ignatane, gañara un caso contra Letonia no Comité dos Dereitos Humanos da ONU e outra, Ingrida Podkolzina, no Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos en Estrasburgo (en ámbolos dous casos eran candidatas electorais que viran eliminados os seus nomes das listas por insuficiente coñecemento do letón, a pesar de posuír os certificados do nivel superior), o dereito dos inspectores lingüísticos a examinar ós empregados foi suprimido.

A cuestión máis discutida na actualidade é a da eliminación da posibilidade de adquirir educación secundaria en ruso a partir do 2004 de acordo coa Lei de Educación. Os ruso-falantes se consolidan cada vez máis a base das protestas contra a política lingüística do Estado dirixida, na súa opinión, á súa asimilación, marxinación e exclusión da política e do mercado laboral. Mentres algúns observadores sorpréndese pola ausencia do conflicto violento en Letonia, os ruso-falantes buscan xustiza nos tribunais tanto a nivel nacional como internacional. Entre os casos que máis se presentan están as denuncias contra as prácticas ilegais do Departamento de Cidadanía e Inmigración que a principios dos 90 non recoñeceu a unhas 80.000 persoas supostamente vinculadas ó exército soviético como “non cidadáns”, negándolles permisos de residencia permanente e expedindo ordes de deportación en moitos casos separando familias(58), a “letonización” de nomes e apelidos nos documentos de identificación e as actividades dos inspectores lingüísticos(59).

No contexto político de hoxe, non foi fácil para os ruso-falantes asumir cargos importantes en institucións gobernamentais pero moitos tiveron éxito no sector privado. Son propietarios de todo tipo de empresas: bancos, restaurantes, universidades e academias privadas, axencias de viaxe, etc. Destacaron como deportistas (por exemplo, xogadores da selección nacional de hockey sobre xeo e de fútbol), músicos, xornalistas e outros profesionais. A pesar das dificultades que implica a súa posición en Letonia, son optimistas en canto ó futuro do país, o que permite ós sociólogos e politólogos chegar a conclusións xeralmente favorables en canto ó futuro desenvolvendo das relacións interétnicas na sociedade letona(60). É certo tamén que algúns esperan que a súa situación mellore coa entrada de Letonia na UE, aínda que non está claro o status que terán os “non cidadáns de Letonia” nela, sobre todo cando os cidadáns de terceiros países precisan de anos de residencia para poder votar en eleccións municipais.


Conclusión: ¿quen pertence a Letonia?

É indubidable o importantísimo papel que xogou a diáspora letona, especialmente a de occidente, na preservación da identidade letona “europea” ou “occidental” e para as relacións de Letonia co Occidente. Gracias ós esforzos da diáspora letona no mundo, Letonia estivo presente en tódolos continentes, nos rincóns máis afastados do planeta, o que fixo da súa unha cultura internacional. Agora, a volta dalgúns letóns estranxeiros está, en certo modo, traendo o mundo a Letonia –o mundo que non parou de existir a pesar de estar pechado para ela durante moitos anos–. O descubrimento do novo mundo letón exterior que ven personificado nos artistas, pintores, escritores, académicos e empresarios letóns estranxeiros foi emocionante e sorprendente para os letóns, e, sen dúbida, demostrou unha vez máis a capacidade creativa e intelectual deste pobo, así coma a xustiza da causa independentista. Para Letonia, a diáspora é claramente unha grande vantaxe: tanto a que segue fóra como a que voltou. Os repatriados ofrecen os seus recursos humanos e económicos motivados non só por intereses mercantís, senón, o que é máis importante, polo cariño que senten por Letonia.

Os letóns estranxeiros tamén están a descubrir unha nova Letonia, na que o tempo non parara nos cincuenta anos soviéticos. A Letonia de hoxe non é a da Primeira República, por moito que a algúns lles gustara vela así. Están descubrindo ós rusos que aprenderon o letón e insisten en que Letonia máis que Rusia é a terra á que queren –a terra onde moitos deles naceron e a que non están dispostos a abandonar–. Eles tamén, xunto ós letóns, están a construír o seu futuro traballando pola súa prosperidade, e son tamén unha vantaxe para o país, non unha ameaza coma os presentan a miúdo os partidarios da “Letonia letona” da “democracia étnica”.

Por desgracia, a loita polo poder político e económico artellada en termos étnicos, dividiu a xente. O criterio de pertenza ou non pertenza á “etnia titular” é capaz de dirixir o futuro persoal da xente en direccións completamente distintas, favorecendo a uns e humillando a outros –o que aínda experimentaron algúns letóns do leste–. Hoxe a élite política asumiu o dereito a decidir quen pertence a Letonia e quen non, sen deixar ás persoas decidilo por se mesmas, o que se reflectiu ante todo na política da cidadanía. Non obstante a carga histórica terá que ser superada no futuro próximo, e serán os mozos os que a superen –os que non experimentaron nin participaron nos acontecementos históricos ó redor dos cales xira o discurso político de hoxe– a anexión ilegal, a ocupación, as deportacións, a rusificación. O futuro de Letonia dependerá da capacidade da súa xente de tolerar, dialogar e convivir pacificamente, abrindo portas para unha democracia multiétnica, na que todos os que queren a Letonia e están dispostos a investir a súa enerxía nela adicándolle as súas vidas, poden participar.

Jekaterina Dorodnova é investigadora do Core, Centro de Estudios da OSCE da Universidade de Hamburgo.

 
 

Bibliografía

APRÂNE, Baiba: 4.000 km un 100 gadu attâlumâ [4.000 km e 100 anos de distancia], Latvians Online, http://www.latviansonline.com/kolonijas/augsbebri-lv1.shtml, 2002.

Baltic Data House: Towards a Civic Society. Survey of Latvian Inhabitants, Riga, Baltic Data House, 1998.

Baltijas Datu Nams. Valoda. Latvijas iedzîvotâju aptauja [Idioma. Enquisa dos Residentes de Letonia], Rîga, Baltijas Datu Nams, february-march 1999.

BIRZULIS, Philip: Hell (and heaven) on Earth: Latvians in Lejas Bulâna, Latvians Online, http://www.latviansonline.com/kolonijas/bulana.shtml, 2002.

BRIEDE, Laura: Latvians in Cleveland, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/cleveland.shtml.

DREIFELDS, Juris: Latvia in Transition, Cambridge, Cambridge University Press, 1996.

FEDOSEEV, Leonid: Ne repatriatsiya, a emigratsiya [Non é repatriación, senón emigración], Chas, 26 de outubro de 2000.

GELLNER, Ernest: Nations and Nationalism, Ithaca, Cornell University Press, 1983.

GROSS, Diana e SILKALNS, Eduards: Melbourne ranks among top emigré communities, Latvians Online, http://www.latviansonline.com/kolonijas/melbourne.shtml.

HERLOFF-MORTENSEN, Mari-Ann: We Are Not Us: Intra-Ethnic Differentiation Among Latvians, Anthropology of East Europe Review, vol 14, nº 1, spring 1996, http://condor.depaul.edu/~rrotenbe/aeer/aeer14_1/herloff.html.

Latvijas Statistikas Komiteja: Population Census 2000 in Latvia, http://www.csb.lv/Satr/atsk2.htm.

LEVKIN, Andrei: Basis I dve nadstroiki loyalnosti [A base e dúas superestructuras de lealdade], Biznes I Baltis, 7 de xuño de 1996.

LINZ, Juan e STEPAN, Alfred: Problems of Democratic Transition and Consolidation. Southern Europe, South America, and Post-Communist Europe, Baltimore and London, John Hopkins University Press, 1996.

MUIŽNIEKS, Nils: Latvia: Origins, Evolution and Triumph, Brenner, Ian and Ray Taras (eds), Nations and Politics in the Soviet Successor States, Cambridge, Cambridge University Press, 1993.

MUIÞNIEKS, Nils. Cilvçktiesîbu vçsturiskâ attîstîba no 1918. Lîdz 2000. gadam, manuscrito 2000.

Open Society Institute: Minority Protection in Latvia, Alernative Report on Monitoring the EU Accession Process, Budapest, OSI, 2001.

PANICO, Christopher on behalf of Helsinki Watch: Violations by the Latvian Department of Citizenship and Immigation, Helsinki Watch, col 5, nº 19, outubro de 1993.

Pasaules Brîvo Latvieðu Apvienîba, http://www.pbla.lv/.

Republic Of Latvia: National Program “Integration of Society in Latvia”, Riga, 2001, accesible en inglés: http://www.np.gov.lv/en/info/publik.htm.

RONIS, Imants: Sydney’s cultural life revolves around Latvian House, Latvians Online, 2000: http://www.latviansonline.com/kolonijas/sydney.shtml.

ROSE, Richard and MALEY, William: Conflict or Compromise in the Baltic States? What do the People There Think?, Studies in Public Policy, 231, Glasgow, University of Strathclyde, 1994.

ROSE, Richard: New Baltic Barometer III. A Survey Study, Studies in Public Policy, 284, Glasgow, University of Strathclyde, 1997.

SIKSNA, Arnis: Brisbane community grows smaller, older, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/brisbane.shtml.

SMITH, Graham: The ethnic democracy thesis and the citizenship question in the Baltic States of Estonia and Latvia, Nationalities Papers, 24, 2, 1996.

STRAUMANIS, Andris: Publishing, arts among Minneapolis contributions, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/minneapolis.shtml.

TSILEVICH, Boris e ANTANE, Aija: Nation-Building and Ethnic Integration in Latvia, en KOLSTØ, Paul (ed): Nation-Building and Ethnic Integration in Post-Soviet Societies. An Investigation of Latvia and Kazakstan, Westview Press, 1999.

TSILEVICH, Boris: Tabel o rangah [Lista de rangos], SM-segodnya, 6 de outubro de 1993.

UNDP Human Development Report Latvia 1997, UNDP, Riga, 1998.

UNDP Latvia: Human Rights and Social Integration in the Republic of Latvia: A General Survey, National Report, Yalta, 2-4 september 1998.

VOLKOVS, Vladislavs: Krievvalodîgâs jaunatnes dzimtâs valodas vieta integrâcijas procesâ Latvijâ [Lugar da Lingua Materna dos mozos rusofalantes no proceso de integración en Letonia], investigación presentada no congreso international Ethnopolitics on the Way to a Civil Society Riga, 15-16 april, 1998.

ZEPA, Brigita: Valsts statusa maiòa un pilsoniskâ apziòa [Cambio de Estado e Conciencia cidadana], Latvijas Zinâtòu akadçmijas vçstis, A, 7/8, 1995.

ZHDANOVA, Daria: Repatrianti: rodina, mat’ ili macheha? [Repatriados: ¿é a patria nai ou a madrasta?], Chas, 21 de marzo de 2001.

 
 

Notas

(1) MUIŽNIEKS, Nils: Latvia: Origins, Evolution and Triumph, en Brenner, Ian and Ray Taras (eds.); Nations and Politics in the Soviet Successor States, Cambridge, Cambridge University Press, 1993, pp182-205.

(2) GELLNER, Ernes: Nations and Nationalism, Ithaca, Cornell University Press, 1983, p5.

(3) SMITH, Graham: The ethnic democracy thesis and the citizenship question in the Baltic States of Estonia and Latvia, Nationalities Papers, 24, 2, 1996, pp199-216.

(4) TSILEVICH, Boris e ANTANE, Aija: Nation-Building and Ethnic Integration in Latvia, en KOLSTØ, Paul (ed.): Nation-Building and Ethnic Integration in Post-Soviet Societies. An Investigation of Latvia and Kazakstan, Westview Press, 1999, p72.

(5) DREIFELDS, Juris: Latvia in Transition, Cambridge, Cambridge University Press, 1996, p152.

(6) Fontes: 1920, MUIÞNIEKS, Nils: Cilvçktiesîbu vçsturiskâ attîstîba no 1918. Lîdz 2000, gadam, manuscrito 2000, p7; 1935-1994, DREIFELDS, op.cit, p148; 2000, Latvijas Statistikas Komiteja, Population Census 2000 in Latvia, http://www.csb.lv/Satr/atsk2.htm.

(7) DREIFELDS, op.cit, p32.

(8) DREIFELDS, op.cit, p36.

(9) Latvijas Statistikas Komiteja, op.cit.

(10) Esta clasificación é ofrecida por HERLOFF-MORTENSEN, Mari-Ann: We Are Not Us: Intra-Ethnic Differentiation Among Latvians, Anthropology of East Europe Review, vol 14, nº 1, Spring, 1996, http://condor.depaul.edu/~rrotenbe/aeer/aeer14_1/herloff.html.

(11) Esta información está baseada nas entrevistas de HERLOFF-MORTENSEN cos letóns occidentais, op.cit.

(12) Información de Latvians Online.

(13) BRIEDE, Laura: Latvians in Cleveland, Latvians Online, http://www.latviansonline.com/kolonijas/cleveland.shtml.

(14) Pasaules Brîvo Latvieðu Apvienîba, http://www.pbla.lv/.

(15) http://www.alausa.org/.

(16) http://www.lnak.org/.

(17) SIKSNA, Arnis: Brisbane community grows smaller, older, Latvians Online, 2002: http://www.latviansonline.com/kolonijas/brisbane.shtml.

(18) Chas, 9 de agosto de 2001.

(19) The Latvian Ev.-Lutheran Church of Northern California, http://www.lvnc.org/zklb.htm.

(20) GROSS, Diana e SILKALNS, Eduards: Melbourne ranks among top emigré communities, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/melbourne.shtml.

(21) STRAUMANIS, Andris: Publishing, arts among Minneapolis contributions, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/minneapolis.shtml.

(22) RONIS, Imants: Sydney’s cultural life revolves around Latvian House, Latvians Online, 2000, http://www.latviansonline.com/kolonijas/sydney.shtml.

(23) GROSS e SILKALNS, op.cit.

(24) O listado das representacións de Letonia no estranxeiro pódese consultar en http://www.mfa.gov.lv.

(25) Latvians in Canada, 2002, http://collections.ic.gc.ca/heirloom_series/volume7/countries/latvia.html.

(26) O Fondo da Federación dos Letóns Libres do Mundo comezou en 1993 a proveer préstamos de 500.000 USD regularmente para varios proxectos económicos que a federación selecciona. A Federación tamén outorga becas para ós mozos letóns para participar en programas de intercambio educativo (información de AFS Intercultural Programs Latvia).

(27) BRIEDE, op.cit.

(28) Un coñecido radical letón, Airvars Slucis dos EEUU, publicou, por exemplo, o artigo Organization for Security and Cooperation in Europe (OSCE) and Its Kommissar for Minorities, Max van der Stoel -Agents of Russian Imperialism, International Herald Tribune, 13 de novembro de 1997, reclamando limpar Letonia dun millón de rusos, enviandóos a Rusia.

(29) Voting Australia web check.

(30) Os resultados das eleccioóns pódense consultar en http://www.saeima.lv.

(31) En 1991, o parlamento letón adoptou a Resolución sobre a restauración dos dereitos dos cidadáns da República de Letonia e os principios fundamentais da naturalización. Só as persoas que posuían a cidadanía letona antes do 17 de xuño de 1940 (data da anexión de Letonia á URSS) e os seus descendentes (incluso os que naceron na diáspora e non viviran en Letonia) foron recoñecidos como cidadáns de Letonia. Este principio foi retido na Lei de Cidadanía aprobada o 22 de xullo de 1994 e modificada o 22 de xuño de 1998. O texto en inglés está disponible en http://www.np.gov.lv/en/akti/arhivs/Pils_likums.rtf.

(32) Artigos 9 e 22-24 da Lei de Cidadanía.

(33) TSILEVICH, Boris: Tabel o rangah [Lista de rangos], SM-segodnya, 6 de outubro de 1993.

(34) Estas actitudes foron detectadas por HERLOFF-MORTENSEN, op.cit.

(35) LEVKIN, Andrei: Basis I dve nadstroiki loyalnosti [A base e dúas superestructuras de lealdade], Biznes I Baltia, 7 de xuño de 1996.

(36) APRÂNE, Baiba: 4.000 km un 100 gadu attâlumâ [4.000 quilómetros e 100 anos de distancia], Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/augsbebri-lv1.shtml; BIRZULIS, Philip: Hell (and heaven) on Earth: Latvians in Lejas Bulâna, Latvians Online, 2002, http://www.latviansonline.com/kolonijas/bulana.shtml.

(37) Os entrevistados por HERLOFF-MORTENSEN, op.cit expresáronno abertamente.

(38) Ibid.

(39) Republic of Latvia, National Program “Integration of Society in Latvia”, Riga, 2001, p.35, accesible en inglés en http://www.np.gov.lv/en/info/publik.htm.

(40) ZHDANOVA, Daria: Repatrianti: rodina –mat’ ili macheha? [Repatriados: ¿é a patria nai ou a madrasta?], Chas, 21 de marzo de 2001.

(41) National Program, op.cit, pp37-39.

(42) ZHDANOVA op.cit.

(43) National Program, p36.

(44) Chas, 9 de agosto de 2001.

(45) ZEPA, Brigita: Valsts statusa maiòa un pilsoniskâ apziòa [Cambio de Estado e conciencia cidadá], Latvijas Zinâtòu akadçmijas vçstis, A 7/8, 1995, pp31-44.

(46) Undp Latvia: Human Rights and Social Integration in the Republic of Latvia: A General Survey, National Report, Yalta, 2-4 september 1998.

(47) As diferencias entre os dereitos dos cidadáns e os non cidadáns reflíctense no documento do Comité de Dereitos Humanos de Letonia, accesible en http://www.minelres.lv/count/non_cit-rights_2.htm.

(48) Estatísticas da naturalización dispoñibles na páxina web da Axencia Estatal da Naturalización, en http://www.np.gov.lv/fakti/index.htm e http://www.np.gov.lv/fakti/statistika.htm.

(49) Baltic Data House: Towards a Civic Society. Survey of Latvian Inhabitants, Riga, Baltic Data House, 1998.

(50) Baltijas Datu Nams. Valoda. Latvijas iedzîvotâju aptauja [Idioma. Enquisa dos Residentes de Letonia], Rîga, Baltijas Datu Nams, february-march 1999), pp4-10.

(51) UNDP Human Development Report Latvia 1997, UNDP, Riga, 1998, p56.

(52) Baltic Data House: op.cit, p126.

(53) FEDOSEEV, Leonid: Ne repatriatsiya, a emigratsiya [Non é repatriación, senón emigración], Chas, 26 de outubro de 2000.

(54) ROSE, Richard: New Baltic Barometer III. A Survey Study, Studies in Public Policy, 284, Glasgow, University of Strathclyde, 1997.

(55) VOLKOVS, Vladislavs: Krievvalodîgâs jaunatnes dzimtâs valodas vieta integrâcijas procesâ Latvijâ [Lugar da lingua materna dos mozos rusofalantes no proceso de integración en Letonia], investigación presentada no congreso international Ethnopolitics on the Way to a Civil Society, Riga, 15-16 april, 1998, p4.

(56) Open Society Institute: Minority Protection in Latvia, Alernative Report on Monitoring the EU Accession Process, Budapest, OSI, 2001, p291.

(57) Pódese consultar o texto da Lei en inglés en http://www.minelres.lv/NationalLegislation/Latvia/Latvia_Language_English.htm.

(58) PANICO, Christopher on behalf of Helsinki Watch: Violations by the Latvian Department of Citizenship and Immigation, Helsinki Watch, Col 5, nº 19, outubro.

(59) Para información sobre as denuncias, véxase Minority Issues in Latvia, nº 52, http://lists.delfi.lv/pipermail/minelres/2002-June/001968.html.

(60) LINZ, Juan e STEPAN, Alfred: Problems of Democratic Transition and Consolidation Southern Europe, South A merica, and Post-Communist Europe, Baltimore and London, John Hopkins University Press, 1996; ROSE, Richard e MALEY, William: Conflict or Compromise in the Baltic States? What do the People There Think?, Studies in Public Policy, 231, Glasgow, University of Strathclyde, 1994.

 
Volver ó sumario

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 12/03/2003
Fernando Pol