Negociacións sobre Libia

Ao parecer, están en camiño negociacións sobre a situación de Libia entre Muamar el Gadafi e o opositor Consello Nacional de Transición (CNC, polas súas siglas inglesas) promovidas polo presidente ruso Dmitri Medvedev e Jacob Zuma, de Sudáfrica. Tamén, e polas mesmas datas, o xefe da OTAN tería falado con Medvedev para ver de chegar a un acordo.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

Ao parecer, están en camiño negociacións sobre a situación de Libia entre Muamar el Gadafi e o opositor Consello Nacional de Transición (CNC, polas súas siglas inglesas) promovidas polo presidente ruso Dmitri Medvedev e Jacob Zuma, de Sudáfrica. Tamén, e polas mesmas datas, o xefe da OTAN tería falado con Medvedev para ver de chegar a un acordo.      

Iso, ao menos, é o que leo en The Nation, nun artigo no que Robert Dreyfuss se fai eco da situación actual da cuestión Libia, das torpezas da política americana (que case imposibilita calquera acordo ao apoiar a guerra, de acordo con John Kerry e John McCain) e das posibilidades de quebra da chamada coalición occidental, entre outras cuestións.

Polo que semella, hai unha novidade na actitude do Consello Nacional de Transición, xa que se manifesta disposto, por boca do seu membro Mustafa Abdel Jalil, previa renuncia de Gadafi, a que este siga en Libia, ou que marche ao estranxeiro; e, no primeiro caso, determinaríanse as condicións a que quedaría suxeito.  Deica agora, a única condición era renunciar ao poder e saír de Libia, ademais da conformidade coas accións do Tribunal Penal Internacional contra Gadafi.

Robert Dreyfuss di que as conversacións entre Medvedev, Zuma e a OTAN fixeron algúns progresos, sen especificalos e acolléndose a unha manifestación do mandatario ruso na que asegurou que “a xuntanza foi bastante produtiva”. Co que tamén se pode concluír que non parece que o fose tanto. Pero, ao cabo, o importante é que se sigan explorando posibilidades.

Co que se volve ao parecer de moitos xa ao principio das accións bélicas: que non é posible gañar a guerra dende o ar. Por iso, tanto nos EE UU como na Gran Bretaña volven os barullos dos partidarios de mandar tropas de terra, aínda que sexan mercenarios árabes ou contratistas dos que tanta experiencia teñen os EE UU. Pero que nada teñen que ver co mandado da ONU. Confiemos que as conversas de paz cheguen a bo porto.