A dimisión de Mandelson e a paz no Ulster

De novo tivo que dimitir Peter Mandelson. O xa ex ministro para o Ulster viuse arrastrado por outro escándalo de corrupción e tráfico de influencias. Mandelson foi substituído polo escocés e católico John Reid. En Londres a dimisión non oculta a crise do executivo de Blair; no Ulster a nova foi ben recibida polos unionistas e con esperanza polos nacionalistas irlandeses. Mesmo, segundo o The Sunday Times, o IRA está a agardar algún xesto de Londres para iniciar o desarme e cumprir as datas acordadas en Stormont.

Toda unha marca, dúas dimisións nunha lexislatura. Coñecido, nos medios políticos, como o “príncipe das tebras”, Mandelson pasa por ser o artífice, dende a dirección da campaña electoral, da abafante maioría de Blair. Tamén se lle sinala como responsable do abandono de Mo Mowlan, primeiro da responsabilidade do Ulster e logo do goberno. Mowlan e Mandelson personalizaban dúas das tendencias agrupadas en torno á Terceira Vía de Blair; a da tradición de esquerda laborista e a do novo laborismo. A primeira déixalle a Blair o seu maior éxito, o proceso de paz do Ulster; Mandelson, unha manchea de escándalos e a ameaza dunha crise de maior calado.

Ao día seguinte da dimisión, Mandelson ofreceuse para dirixir de novo a campaña electoral; houbo deputados laboristas que se mostraron dispostos “a que repartise folletos”. Dous días despois afirmou que Blair o obrigara a dimitir sen ter en conta todos os datos. Da crise semella saír reforzado o Ministro de Finanzas, Gordon Brown, quen no seu momento disputara a Blair o liderado do Partido Laborista.

En substitución de Peter Mandelson, Blair elixiu a John Reid, quen dirixiu, dende o Ministerio para Escocia, a devolución de poderes ao Parlamento de Edimburgo. Reid goza dunha grande popularidade e certa credibilidade nos medios nacionalistas escoceses cos que foi quen de manter boas relacións nestes anos de restauración de poderes e ascenso do SNPsegunda forza do Parlamento escocés. Mais Reid quere medrar na política londiniense e, este católico escocés, está disposto a aproveitar a oportunidade que se lle presenta. Poñer o ramo a obra encetada en Stormont sería a mellor forma de asegurar un brillante futuro político.

Dimisión e nomeamento foron recibidos de distinto xeito en Irlanda do Norte. Os unionistas de Trimble despois de agradecer os esforzos de Mandelson durante estes dez meses manifestáronse optimistas ante as últimas etapas da negociación. Seamus Mallon, dirixente do SDLP e viceministro do Ulster despois de referirse ás discrepancias co ex ministro amosouse esperanzado, ao igual que Gerry Adams, presidente do Sinn Fein. En todo caso, semella evidente que Blair, amais de eliminar a un ministro desacreditado tenta darlle un novo impulso ao proceso de paz cando se aproximan as datas establecidas en Stormont para a pacificación definitiva (xuño de 2001). Mandelson quen suspendeu, durante case tres meses, a autonomía do Ulster en febreiro de 2000 non semellaba ser a persoa máis axeitada.

Case un ano despois o proceso de paz está máis consolidado. As accións violentas non desapareceron, mais case todas elas foron resultado de enfrontamentos entre grupos armados unionistas; o goberno do Ulster e a Asemblea foron funcionando non sen tensións; os presos ían abandonando os cárceres e as tropas británicas reducindo substancialmente a súa presencia; as institucións nacidas en Stormont (Consello Ministerial Norte-Sur e o Consello Británico-Irlandés ou Consello das Illas) ían dando os seus primeiro tímidos pasos. Todo esto era posible fundamentalmente pola actitude do IRA. Lembremos: maio de 2000 abría os seus arsenais aos inspectores internacionais, en outubro volvíase a realizar unha nova inspección. Agora o IRA abre outra porta, segundo o dominical The Sunday Times, a dirección do Exercito Republicano tería xa aprobado o desarme e mostraríase disposto a facer xa un movemento na dirección do desarme cando Londres faga o aceno correspondente. Quedan cinco meses.