A doutrina Powell

O "merlo branco" da administración Bush tivo que chegar á Secretaría de Estado para ver esborrallada a doutrina militar que el mesmo elaborara cando era Xefe do Estado Maior do exercito norteamericano.Eran os tempos gloriosos da Guerra do Golfo.

Hai unha década, o primeiro militar "de pel escura" que asumía a Xefatura do exercito norteamericano mesturaba o atractivo desta novidade cunha nova doutrina militar que acadou un satisfactorio éxito. Daquela Colin Powell formulou dúas teses fundamentais para as intervencións do exercito norteamericano: cero en baixas e obxectivos alcanzables. A experiencia vietnamita, da que participara o propio Powell, levouno a pensar que a sociedade norteamericana non aceptaría máis mozos metidos en caixas de cinc, polo que se impoñía unha estratexia militar que evitase as baixas propias. A superioridade tecnolóxica do exercito podía facer doado acadar este obxectivo.

A segunda das súas propostas era xa de carácter político. As intervencións militares debían ser curtas, con obxectivos claros e conseguibles. De novo a traxedia de Vietnam remexíase na rebotica. Non era conveniente que entre os cidadáns norteamericanos alguén volvese a preguntar ¿para que fomos alí?. Na Guerra do Golfo, aplicouse esta doutrina. Non houbo baixas; delimitouse o obxectivo: liberar Kuwait; acadouse e constatouse.

O prestixio militar e social de Powell subiu como a escuma; o xeneral gañaba unha guerra sen baixas atribuíbles á propia guerra. Demócratas e republicanos disputáronse o "merlo branco". Mesmo coqueteou coa candidatura presidencial. Despois veu a entrada estelar no goberno Bush e, a pesares de ocupar a Secretaría de Estado, un papel secundario. Os pesos pesados eran o vicepresidente Cheney, o Secretario de Defensa Rumsfeld e algún que outro conselleiro presidencial. O 11 de setembro devolveulle o protagonismo en forma de sensatez; fronte aos que esixían unha resposta inmediata foi quen de darlle a volta á política exterior de Bush e impoñer a estratexia da "gran coalición". Estes 26 días foron os de maior actividade diplomática na historia dos EE UU e impensable para un presidente que chegou á Casa Branca afirmando que cumpría volver os ollos para dentro do país e que mesmo lucía con fachenda o seu descoñecemento do panorama internacional.

A gran coalición, con problemas e non sen discrepancias, conseguiu un gran apoio internacional a unha acción militar inevitable. Sen embargo a estratexia do Powell xefe do Estado Maior non se seguiu, cando menos na súa totalidade. Aos poucos días do atentado, Bush declaraba que a sociedade norteamericana estaría disposta mesmo ao sacrificio dalgúns dos seus mozos para castigar aos culpables da matanza. Agora, posta en marcha a maquinaria militar ¿cal é o obxectivo concreto? ¿Atrapar vivo ou morto a Ben Laden? ¿Tirar do poder aos talibán? Todo demasiado difuso. A Ben Laden non o van sacar na televisión nin vivo nin morto; e para derrocar aos talibán só contan cunha debilitada Alianza do Norte sen o seu señor da guerra, o defunto Massud, e unha imprecisa coalición en torno ao ex rei. O outro xeito de facelo significa votar o pe á terra e eso nas montañas afganas pode custar moito.