A encrucillada de Europa

Ante as incertezas xeradas pola ampliación en 12 membros, co horizonte do 2004 cada vez máis próximo, o debate sobre o proxecto europeo semella inevitable. Nos dous anos que restan para o cumio de Berlín a controversia será máis ou menos intensa en función das circunstancias electorais dos distintos estados, pero inaprazable. Agora tocoulle a quenda a Jospin quen respondeu coa “querida idea dunha federación de Estados-nación” ás propostas que ata agora saíran de Berlín.

Fora o 12 de maio de 2000 cando, na xa famosa conferencia na Universidade Humboldt de Berlín, o Ministro de Exteriores alemán, Fischer lanzara a súa proposta dunha Constitución Federal Europea, na que o poder lexislativo estivese en mans dun Parlamento bicameral, unha en representación dos estados e outra dos cidadáns; e un executivo convertido nun autentico goberno dirixido por un presidente, con amplos poderes, elixido directamente polos cidadáns. Naquel momento produciuse un debate entusiasta. Claro que despois viu Schröder coas rebaixas, insistindo na cofinanciación e na retirada dos presupostos xestionados pola Comisión tanto da Política Agraria Común coma dos fondos estructurais, o que supón o 80% do actual orzamento comunitario. Despois o fracaso de Niza.

O eixe París-Berlín, leva anos con interferencias, ben lonxe das nítidas comunicacións dos tempos nos que ambos centros de poder estaban dirixidos por políticos en posicións ideolóxicas diferentes (Giscard-Schmidt, Kohl-Mitterrand).

Dende París respondeu Jospin, disposto a impulsar políticas comunitarias en todo o relacionado coa economía e os aspectos sociais que permitan a UE ampliada converterse nun polo de atracción dentro da globalización. Mais coutando todo o que sexa afondar no proxecto político-institucional europeo.

Semellan ben distantes as propostas. Mentres Alemaña pretende que a súa acción internacional se realice baixo o paraugas da Federación Europea, demanda recuperar o control sobre os seus substanciosos aportes as arcas comunitarias para poder controlalos e dirixilos cara os novos integrantes da UE, case todos situados ao leste da mesma. Pola contra Francia semella disposta a impulsar todo o referente a un goberno económico único e mesmo a desenvolver unha política social europea, ao tempo que porá todas as trabas posibles a unha autentica federación europea en aras do respecto a súa soberanía como Estado-nación.

O debate será apaixonante. Nel terá un peso fundamental os modelos estatais deseñados no século XIX: o xacobino francés e o federal alemán; ao igual que a permanente tensión entre os que consideran que a UE non é o que debera, esto é o camiño cara os Estados Unidos de Europa, e os que coidan que non debería ir máis alá dunha organización intergobernamental.

Non compre esquecer que no deseño futuro da UE vai ter un papel de relevo tanto o Reino Unido, se a previsible victoria de Blair supón o abandono definitivo do resistencialismo antieuropeo dos conservadores thatcherianos, como España e Italia, nunha posible alianza do sur conservador (Aznar-Berlusconi) desexosa de non perder as axudas comunitarias e nos tres casos premidos por feitos rexionais ou de nacións sen estado que demandan un maior protagonismo na construcción europea.