A guerra en marcha: a implicación de Uzbequistán

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

O cerco militar e diplomático estadounidense arredor de Afganistán, seguindo o manual de instruccións previsto na antes chamada “Operación Xustiza Infinita” e agora “Liberdade Duradeira”, estase a materializar coa chegada a Paquistán de autoridades militares para estudiar, sobre o terreo, o anunciado ataque de represalia contra o réxime talibán, mentres que en terrras uzbecas aterraron tres avións de carga portando varios centos de soldados. ¿Cal será o nivel de implicación nestas operacións dos estados post-soviéticos de Asia Central?

As relacións políticas entre os países de Asia Central e os EEUU recibiron un considerable impulso a partir do ano 1994, no marco da chamada Asociación para a Paz da OTAN, que invitaba a todas as ex-repúblicas soviéticas do Cáucaso e Asia Central a unha cooperación co mando de Bruxelas, ofrecendo fórmulas de colaboración en áreas de establecemento da paz e accións humanitarias. En principio, a citada Asociación concebiuse como un mecanismo para penetrar e influír na rexión de xeito máis institucionalizado e mesmo como unha antesala para a integración plena na Alianza. Con este espíritu proliferaron os programas e misións na zona nas que participaron en diferentes momentos Kazaquistán, Kirguizistán, Tadxiquistán e o mesmo Uzbequistán, dunha forma máis activa.

O exemplo máis notable da participación americana, chegou como parte da denomidada Centrasbat’97, exercicio no que participaron ata 500 paraquedistas de élite, chegados desde Carolina do Norte, que experimentaron mecanismos de asalto sobre Uzbequistán no que foi un dos maiores desplegues aéreo militares da historia americana. Nesta ocasión, as autoridades militares americanas comprometéronse a participar en operacións de mantemento da paz en Asia Central sempre que fosen autorizadas pola ONU. Estas afirmacións foron interpretadas como unha vontade de establecer tropas americanas na rexión, e consideradas coa correspondente suspicacia polas potencias rivais: Rusia, Irán e China.

Nembargantes, a partir do ano 1998, é perceptible que o desacordo entre os membros da OTAN en canto ás metas e estratexias, así como a vaguedade do compromiso e entendemento occidental de cara aos seus problemas, non satisface as inminentes demandas de seguridade e estabilidade dos estados da rexión. O problema balcánico absorvía a atención da OTAN. Estas causas fixeron declinar a vontade dos líderes locais de estreitar a súas relacións coa Alianza, e comenzaron a xerarse iniciativas rexionais, auspiciadas en gran medida no contexto da CEI. O progresivo reacercamento cara a Rusia viuse favorecido pola súa demostrada vontade de loitar contra o extremismo relixioso, (problema que máis preocupa ás autoridades das repúblicas centroasiáticas) en Chechenia e Tadxiquistán, reforzando así a súa credibilidade e garantía de seguridade. Neste plano, cómpre salientar que se veñen levando a cabo periódicas reunións entre os máximos dirixentes políticos, e a finais de 1999, créase un centro de loita anti-terrorista do que forman parte once dos doce membros da CEI (salvo Turquemenistán, declarado neutral). Posteriormente, en abril do ano 2000, no Cumio de xefes de estado, celebrado en Tashquent, por catro repúblicas de Asia Central: Uzbequistán (anfitrión), Kazaquistán, Tadxiquistán e Kirguizistán, asinase un tratado de loita contra o terrorismo, o extremismo relixioso e a corrupción. No mesmo sentido, no Cume do Grupo de Shangai, celebrado en xullo do 2000, perseguiuse unha maior implicación e institucionalización do esforzo contra estes fenómenos, coa participación da China.

Uzbequistán é o máis firme candidato a exercer o líderato rexional en Asia Central. Aínda que con menos recursos naturais que Kazaquistán, ten a ventaxa de contar cunha poboación de 25 millóns de habitantes, dos que máis do 70 por cento son uzbecos, o cal, tendo en conta a variedade étnica dominante nos países veciños, supón unha alta homoxeneidade social. Na tarefa asumida polas élites políticas de construcción de sentimentos nacionalistas modernos, post-étnicos, identificouse Uzbequistán como o herdeiro da tradición do vasto imperio medieval de Tamerlán, atribuíndose desta forma, o rol de liderato e misión rexional.

A orientación predominante de Uzbequistán dende a súa independencia en 1991, consecuencia do colapso da URSS, foi neo-comunista, o cal queda evidenciase na súa involucración nos diversos conflictos acontecidos na área centroasiática durante a década dos noventa. Durante a guerra civil de 1992 en Tadxiquistán apoiou ó bando de Khoulabi, formado polo batallón comunista, e que resultaron principais vencedores da contenda. A partir de 1994, Uzbequistán, que ata entón mantivera unha posición común á de Moscova respecto a crise tadxica, manifesta unha maior independencia e comeza a búsqueda de novos interlocutores para procurar unha verdadeira estabilidade na rexión. Nesta liña xurdirá a participación nas actividades da Asociación para a Paz e os exercicios dos EEUU Centrasbat e Centrasbat II, en 1997 e 1998, no seu territorio.

Recentemente, denunciou o “Tratado de Amistade Eterna” que asinara co seu veciño Tadxiquistán sobre acordos de cooperación en varios ámbitos, asinado na primaveira do pasado ano. Tachquent acusou a Dushambé de dar apoio e acubillo á organización terrorista MIU (movemento Islamista Uzbeco) que opera dende Tadxiquistán e Afganistán e promove a instauración dunha república islámica en Uzbequistán.

No ámbitos político e económico o presidente uzbeco Islam Karimov, exerce o poder autoritariamente, se ben foi reelixido democráticamente e sen a penas oposición en 1999. En virtude das reformas constitucionais que lle atribúen amplísimas cotas de decisión, Karimov levou a cabo leves reformas económicas encamiñadas a unha progresiva aínda que moi lenta liberalización. Como tódolos países da rexión, Uzbequistán padeceu as consecuencias das crises financeiras rusa e asiática, pero consegue manter a estabilidade do seu crecimento apoiándose na explotación das súas materias primas principais como o algodón, o ouro, gas natural, metais e fertilizantes.