A longa marcha zapatista

Unha delegación de vintetrés dirixentes do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN), encabezada polo Subcomandante Marcis, emprendeu o pasado sábado unha viaxe cara a capital mexicana. A delegación partiu de Altos, no estado de Chiapas, e antes da súa chegada ao Distrito federal visitará 12 estados nun percorrido de tres mil quilómetros durante catorce días.

Con Marcos viaxan os comandantes David, Eduardo, Tacho, Gustavo, Zevedeo, Sergio, Susana, Omar, Javier, Filemón, Yolanda, Abraham, Isaías, Daniel e Bulmaro. Outros son Mister, Abel, Fidelia, Moisés, Alejandro, Esther, Maxo e Ismael, todos representantes dos pobos indíxenas tzotzil, tzental, tojolobal, chol, zoque, mame e mestizo. O obxectivo dos zapatistas é reunirse cos lexisladores que examinarán a proposta de lei sobre dereitos e cultura indíxenas.

A marcha conta coa oposición dos sectores máis conservadores do país. O estado de Morelos xa anunciou que non prestará apoio ningún á Marcha. Sergio Estrada Cajigal Ramíres, gobernador, afirmou que “se este movemento se mantivo durante tantos anos con fondos propios tamén debe telos para realizar esta marcha”. Fox, quen nun principio expresou a súa oposición a esta viaxe, manifestou o pasado venres a súa benvida ao EZLN “convencido de que será a ponte para a paz e a reivindicación dos pobos indíxenas”. O seu secretario de Gobernación, Santiago Creel, comentou que “o goberno federal recibirá a caravana zapatista cos brazos abertos, a man franca, o ánimo de falar e sobre todo de escoitar”.

Pola súa banda, organizacións sociais de todo México expresaron o seu apoio. O Movemento Amplo de Mulleres reclamou de Vicente Fox que cumpla coas demandas zapatistas para reanudar as conversas de paz suspendidas dende setembro de 1996. Cómpre que as autoridades mexicanas cumpran as tres esixencias zapatistas para reanudar o diálogo: liberación de todos os presos zapatistas, a retirada do exército da zona de conflicto e a aprobación da lei sobre dereitos e cultura indíxenas. A paz en México unicamente poderá ser digna e xusta se inclúe o recoñecemento dos pobos indíxenas.

Ata agora o goberno mexicano liberou a 28 campesiños simpatizantes dos zapatistas, retirouse de 4 das sete posicións militares esixidas e presentou ante o Congreso o proxecto de lei sobre dereitos e cultura indíxenas elaborado pola Comisión de Concordia e Pacificación en Chiapas. Os zapatistas consideran insuficientes as accións do goberno e o acusan de simular o seu desexo de paz. O éxito da marcha pode abrir un novo capitulo na historia política mexicana.