A reaparición de Sharon

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

O pasado día 6 de Febreiro celebraronse en Israel as últimas eleccións a Primeiro Ministro cun resultado esperado por todos pero incerto para o Proceso de Paz. Ariel Sharon, proclamouse vencedor absoluto dos comicios con case un 60 por cento dos votos dun electorado que en grande proporcións optou pola abstención.

Hai seis meses semellante situación era totalmente inimaxinable. Sharon foi quen, en Setembro, moveu peza no tan dificultoso ambiente das negociacións de paz, prendendo, coa súa visita á Explanada das Mesquitas, a mecha que faría estoupar unha nova Intifada que aínda hoxe continua e a que agora deberá facer fronte.

As iniciativas de Sharon contentan especialmente aos sectores máis fanáticos ultraortodoxos e á extrema dereita israelí, pero, ademáis, a pesar da súa cuestionada popularidade, conseguiu nesta ocasión obter un amplo respaldo popular.

Ante o fracaso de Barak nas negociacións de paz, os israelís optaron por un líder máis intransixente e duro (existen movementos internacionais que tentan encausalo para poder ser xulgado coma criminal de guerra) que poida poñer fin á onda de violencia e que logre impoñer os criterios de Israel nas futuras conversacións cos Palestinos.

En Jerusalén sacralízase a seguridade, con severas consecuencias para o pobo palestino en forma, sobre todo, de endurecemento de medidas represivas e máis opresión. Todo un caldo de cultivo para incitar, paradoxalmente, á rebelión.

A imaxe internacional de Sharon non é doada de edulcorar. Cabe agardar novas voltas atrás na aplicación dos acordos de Oslo. Se ata agora os asentamentos, os refuxiados e Xerusalén eran o impedimento principal para acadar un Estatuto Final, con Sharon haberá que negociar de novo, non Xerusalén, se non palmo a palmo cada parcela de terra de Gaza e Cisxordania.

A constante determinación dos palestinos precisa máis que nunca da "inxerencia" internacional para evitar que Sharon practique a súa indiscriminada represión contra o pobo árabe.