Afganistán e os intereses en xogo

Conforme pasan os días, a "busca e captura" de Ben Laden pasa a un segundo plano nas prioridades operativas do Presidente Bush. A derrota dos talibáns e a instalación dun goberno amigo en Afganistán resoa como principal obxectivo de Washington e Londres. No entanto, os principais actores do actual sistema internacional removen posicións para tirar o máximo proveito dese futuro que se aveciña, final e probablemente mais adiado do esperado.

"Eurasia é o taboeiro no que desenvolve o combate pola primacía global. A maneira en que Estados Unidos administren Eurasia é dunha importancia crucial", lémbranos Zbigniew Brzezinski no seu libro "El gran tablero". En opinión de Brzezinski, conselleiro para a seguridade dos Estados Unidos en tempos do Presidente Carter, Eurasia é o continente máis grande da terra e o seu eixe xeopolítico. Aquí están dúas das tres rexións máis desenvolvidas e productivas do planeta, o 75% da pobación mundial e a maioría das riquezas físicas (materias primas e empresas), que representan o 60% do total do globo.

A desaparición da URSS abriu un novo horizonte ás expectativas dalgúns Estados occidentais e das multinacionais petroleiras, máis poderosas que moitos dos estados implicados nesta liorta. De Washington a Londres, pasando por Berlín ou Ancara, as miradas están postas dende hai anos nos ricos xacementos das novas Repúblicas situadas arredor do Mar Caspio. As súas reservas enerxéticas (petróleo e gas) e minerais revisten unha enorme importancia, tanto pola súa dimensión cuantitativa como cualitativa: a posta en plena explotación destes recursos pode permitir a reducción da dependencia occidental das reservas de Oriente Medio (na actualidade un 55%, un 60% no 2010 e un 75% no 2015). Urxe pois, tronzar, esa perspectiva e imaxinar outro Golfo Pérsico arredor do Mar Caspio.

Asia Central, cun peso político e económico moi debilitado, reviste pois unha enorme importancia. O desenvolvemente dese potencial require a satisfacción de dúas condicións: estabilidade e dominio. Máis alá da guerra actual, os feitos de hoxe teñen antecedentes. Durante o seu mandato, o Presidente Clinto alentou o "Eurasian Transport Corridor", un proxecto que contempla a instalación dunha rede de oleoductos e gasoductos desde Asia central ata o Mediterráneo, pasando pola Transcaucasia. O proxecto contempla a apertura de canais ata Europa, o Golfo Pérsico ou o Océano Indico (a través de Afganistán), e o Leste (China-Xapón). Entre 1994 e1998, ata 24 compañías de 13 países asinaron contratos nesta rexión. Antes de 1991, toda esta riqueza circulaba polos oleoductos que, atravesando Chechenia, se dirixían polo camiño máis corto cara o Mar Negro. Agora imaxinanse novas rutas que eludan Rusia (cunha guerra interminable en Chechenia) e Irán (pese ás dúbidas co reformista Jatamí). Turquía e Afganistán semellan as vías elixidas por Washington e as principais multinacionais do sector.

Estamos, sen dúbida, ante a reedición do chamado Gran Xogo que novelara Rudyard Kipling en "Kim". Daquela, dilucidar o pulso entre Rusia e Gran Bretaña consumiu case todo o século XIX. Agora, como entón, tamén son moitas as potencias, grandes e pequenas, que aspiran a xogar a partida e Afganistán emerxe como a peza máis delicada. A estabilidade é un requisito indispensable para que as grandes compañías que o desexan poidan construir oledouctos e gasoductos a través de territorio afgano para evacuar a producción do Caspio cara o Indico sen pasar por Irán. Pero, ¿pode haber estabilidade cos talibán no poder en Cabul?

O problema talibán

O problema dos talibáns xurde en 1996, cando uns catrocentos estudiantes de teoloxía das escolas islámicas paquistanís cruzan a fronteira afgana para crear no seu país de orixe, o movemento integrista "Talibán" (de Talibe, estudiante en árabe). Dirixido por Mohamed Omar, agrupaba principalmente a fillos de refuxiados que fuxiran durante a invasión soviética e que, co apoio de Paquistán e Arabia Saudí, principalmente, estableceronse en Islamabad e nas rexións próximas á fronteira sur. O obxectivo político consistía en botar raíces a un islamismo sunnita que puidese contrarrestar o islamismo shiita iraniano. Que os talibáns foran da etnia pastún, a maioritaria, sempre a cabalo entre Afganistán e Paquistán, podía facilitar o trunfo desta estratexia. E asi foi. Nas provincias do Norte, controladas polas forzas da Alianza, están habitadas por tadxicos e uzbecos, pobos igualmente fronteirizos, tradicionalmente opostos ao dominio pastún, tanto en tempos da monarquía que agora se pretende resucitar como da invasión soviética dos anos oitenta.

No interior, o principal líder pastún era Gulbudin Hekmaktiar, dirixente do partido fundamentalista, Hezb-i-Islami, con sede en Paquistán; na Alianza do Norte, Ahmed Massud, o León de Panshira, recentemente asasinado. Massud era tadxico e mantiña unha alianza bastante sólida co uzbeco Rashid Dostom. Ambos os dous conformaban os principais baluartes dunha fronte antitalibán que no ámbito da guerra non avanzaba. En outono de 2000 perdían o control de Talukan, na provincia de Tahar, minando seriamente a súa situación.

O islamismo dos talibáns serve de referente e bandeira a unha boa parte dos activistas relixiosos de todo o mundo, pero tamén á practica totalidade destes movementos na Asia central ex-soviética. O xefe talibán Omar, xunto con Arabia Saudí, ven apoiando económica e militarmente ao MIU (Movemento Islámico de Uzbequistán), tratando de equilibrar asi o apoio prestado polos seus veciños ás forzas uzbecas lideradas por Massud. En febreiro de 1999, o presidente de Uzbequistán, Islam Karimov, escapou ileso dun atentado en pleno centro da capital, Taskent, no que moitos viron a man talibán. Uns meses máis tarde, agrupacións armadas uzbecas do MIU, chegados de Tadxiquistán, cruzaban a fronteira kirguiza para proclamar un Estado Islámico no val de Fergana. Derrotados ás poucas semanas, outros grupos reproducían incursións idénticas en Kirguistán e Uzbequistán.

Uzbequistán (16 millóns de habitantes, 447.400 quilómetros cadrados) é o principal peso pesado de Asia Central e aspira a desempeñar o rol de potencia rexional dominante. De cultura islámica, ten no seu haber unha tradición estatal forte e recursos importantes, activos moi mediatizados polas dificultades económicas e as tensións internas e cos países veciños. Como consecuencia das fronteiras herdadas da antiga URSS, un millón de uzbecos residen actualmente en Tadxiquistán (entre o 20 e o 25% da poboación deste país); representan o 8,5% en Turkmenistán, e o 1,8% en Kirguistán. Tamén hai tadixcos e kirguises en Uzbequistán.

Rusia sente pánico ante a posibilidade de que Afganistán se convirta en algo máis que a reserva espiritual para os chechenos, pero tamén para outros pobos musulmáns e turcófonos. En numerosas ocasións, o Presidente Putin acusou a Cabul de manter campos de entrenamento para os guerilleiros enrolados nas filas de Masjadov, o líder checheno. Afganistán é o único país do mundo que recoñece a República de Ichkeria (Chechenia). Moscova desplegou unha intensa actividade na rexión nos últimos anos. Putin elixiu Uzbequistán para realizar a súa primeira visita a un país do "estranxeiro próximo", establecendo acordos en materia de armamento e de colaboración militar que inclúe a realización de manobras conxuntas. Despois visitou Turkmenistán (inmensas reservas de gas, conciliador con Cabul pero moi promoscovita), seguiu por Kazaquistán e na capital rusa recibiu ao presidente kirguis, Askar Akaev. Existe un tratado de seguridade colectiva, asinado na capital uzbeca en 1992, moi debilitado polo número de suxeitos intervintes (Rusia, Belarús, Armenia, Kazaquistán, Tadxiquistán e Kirguistán) e caracterizado por unha feble dinámica de funcionamento, que dende hai un tempo se pretende revitalizar. Nese marco, en Maio de 2000 debatiuse a creación dunha forza de intervención rápida, pensando en Afganistán, como sinalou o propio Serguei Ivanov, nunha xuntanza de ministros de exteriores da CEI celebrada ao mes seguinte. En abril do mesmo ano, os países da Comunidade Económica de Asia Central (Kazaquistán, Turkmenistán, Uzbequistán e Kirguistán) subscribían unha declaración política común de condena do extremismo político e relixioso e do terrorismo. A través de encontros bilaterais e multilaterais, Rusia é o principal impulsor da idea de que Afganistán é a principal fonte de desestabilización da rexión, o que lle proporciona unha coartada para seguir presente e mesmo intensificar a súa intervención en Asia central. Nesa perspectiva, podería aventurarse que a actual guerra é un éxito da diplomacia rusa.

¿Contaba Moscova con Washington? En agosto de 1998, os atentados contra as embaixadas de Estados Unidos en Quenia e Tanzania, practicamente destruídas, son atribuídos, ao igual que o ataque cunha pateira-bomba a un barco da Armada americana no Iemen, a Ben Laden, acollido polo réxime talibán. E a diplomacia americana comeza a mobilizarse. Madeleine Albright visita Uzbequistán en abril do ano pasado e ofrece todo tipo de axuda para impermeabilizar a fronteira (a de Tadxiquistán está gardada pola 201 división rusa, con 20.000 efectivos). Uns meses mais tarde, é o xeneral Thomas Frence, xefe do Comando central das tropas americanas, quen visita, unha a unha, todas as capitais dos estados post-soviéticos de Asia central e promete todo tipo de asistencia técnica e militar contra o terrorismo que provén de Afganistán. ¿Concorrencia ou converxencia con Moscova? Ambos os dous países coordinan as súas presións cara Islamabad para que suspenda o apoio aos talibáns, especialmente controlando o engrosamento das súas filas cos pastún residentes no seu territorio. Pero Moscova mira de reollo: a Casa Branca atopou unha excelente coartada para favoreecr a súa penetración económica e militar nunha rexión antes vetada e de gran importancia. Washington chega para quedarse na Eurasia.

A preocupación de Beijing é menos acusada. Os seus intereses na rexión son coñecidos: incrementar a influencia política, debilitar as relacións de cooperación existentes entre os rebeldes uigures da súa provincia de Xingjiang e os movementos islámicos da zona, e beneficiarse do hipotético subministro dos recursos enerxéticos presentes na rexión, moi saudables e necesarios para o seu crecemento. A tal efecto, a China promoveu a creación, en 1996, do chamado Grupo dos Cinco de Shanghai (Rusia, China, Kirguistán, Kazaquistán e Tadxiquistán) que pretende afondar na estabilidade rexional, resolvendo, en primeiro lugar, os litixios fronteirizos pendentes. Jiang Zemin e outros dirixentes do Partido e do Estado mantiveron nos últimos anos numerosos contactos bilaterais con líderes da rexión.

O plano das consecuencias

Todas as fichas do dominó euroasiático están en movemento. En primeiro lugar, cómpre ter en conta que estamos no inicio dun longo conflicto. Os analistas militares máis optimistas consideran necesario un minimo de dous a tres anos para derrubar aos talibáns e facerse co control de Afganistán. Para algúns países, pode ser demasiado tempo. Paquistán, en primeiro lugar, valedor dos talibáns, entre outras razóns, porque acollían campamentos de entrenamento de grupos armados que operaban en Cachemira, debe practicar un dificil equilibrio para evitar que Washington se achegue a Nova Delhi en detrimento das súas expectativas, pero correndo o serio risco de propiciar unha revolta islámica integrista, que pode iniciarse aquí pero extenderse por toda a rexión de Asia Central, sometida hoxe a unha enorme presión. Irán, moi volcada no proceso de transición interior que lidera Jatamí, permanecerá expectante ante a amenaza talibán, pero sen grandes alteracións. Nunha situación moi próxima á de Paquistán podería estar Indonesia, o maior pais musulman do mundo.

Rusia e Estados Unidos vertebran un novo entendemento. Está por ver se este vai ser un cambio conxuntural ou máis duradeiro. Putin, quizáis consciente da imposibilidade de impedir a penetración norteamericana, quizáis temeroso de sofrir aquí tamén a perda de influencia que experimentou nos Balcáns, aposta por forxar unha sólida alianza da que espera tirar proveito propio, en primeiro lugar, en Chechenia, pero tamén na Transcaucasia, aquilatando a súa relación, difícil, con Xeorxia, principalmente. en calquera caso. Coa renovada importancia estratéxica de Asia Central, Rusia recupera un papel de maior protagonismo. Washington precisa a Moscova para controlar e apoiarse nunha área na que conserva aínda unha gran influencia. As repúblicas post-soviéticas de Asia Central miran de novo cara a Rusia, que non se resistirá a aproveitar esta circunstancia para reforzar os mecanismos integradores da CEI e demáis plataformas de seguridade.

Unha incógnita importante é o futuro papel da China. Unha gran incertidume percorre agora os liñamentos esenciais da súa política exterior dos últimos anos, baseada, no fundamental, no establecemento de asociacións estratéxicas cos principais actores da sociedade internacional (UE, USA, Xapón, Rusia). A política de atracción de Rusia, con quen compartía numerosos puntos de vista, queda en entredito agora que Moscova se aproxima á OTAN. Igualmente, o medre articulado da súa influencia nos estados de Asia Central, a través do grupo de Shanghai, -por razóns estratéxicas, enerxéticas e políticas- pode experimentar un importante revés. ¿Que importancia cobrarán os países árabes na súa política exterior? ¿Pedirá compensacións polo seu apoio á coalición internacional, en especial en relación ao seu contencioso con Taiwán?.China pode atopar aquí un ámbito máis de confluencia de intereses con Estados Unidos, pero teme o perigo asociado: a expansión da esfera da actuación da OTAN moito mais alá de Europa. Para Beijing non é admisible envolverse nunha operación da que a penas ten control e por iso reclama a lexitimación da ONU.

O futuro de Nacións Unidas, flamante premio Nobel da Paz, é preocupante. Tratándose dunha guerra, aínda que novedosa e sen Estados agresores de por medio, debería ocupar un lugar central, e sen embargo quedou totalmente á marxe, circunstancia dificilmente explicable habida conta que todos os membros do Consello de Seguridade apoian o combate contra o terrorismo e ninguén faría uso do dereito de veto. Recuperada máis tarde con pequenas iniciativas, declarativas no ámbito político e humanitarias no ámbito da acción, haberá que agardar un tempo para coñecer a forma desa alianza de países contra o terrorismo que lidera Estados Unidos e en que medida pode afectar ás dinamicas onusinas. A loita contra o terrorismo é un problema de seguridade universal e o seu combate interesa tamén a todo o mundo, requerindo unha ONU non máis devaluada senón con máis poderes.

Como é habitual, Europa non camiña ao mesmo paso, aínda que nesta ocasión a espectacularidade e a brutalidade do atentado contribuiron á rápida plasmación dunha posición común. A nova situación influirá naturalmente no deseño global da PESC. O principal problema radica en saber ata que punto Europa vai conseguir xestionar eficazmente a tensión entre a súa alianza con USA na guerra que Bush anunciou contra o terror e a súa propia visión do mundo asentada no multilateralismo. A solidariedade non se mide nen polo seguidismo nen pola imitación, máis aínda cando se lle exclúe delibera e irritantemente da solución de conflictos como o de Palestina. Por outra banda, haberá que reformular a configuración do incipiente exército europeo, totalmente incapaz de afrontar os novos retos. Por último, a proxección de Estados Unidos no resto mundo poderá esixir un replantexamento da súa presencia nos Balcáns, obrigando a Bruxelas a asumir máis responsabilidades.

O posible efecto sobre múltiples conflictos en todo o mundo cómpre avalialo. Haberá un efecto disuasorio sobre numerosos movementos e conflictos, quizáis máis proclives a negociacións (de Chechenia a Irlanda); noutros, as tensións poden agravarse se prolifera o predominio excluínte da solución militar (problema curdo en Turquía, por exemplo). Por outra banda, resultará máis doada e comprensible a internacionalización de problemas locais de terrorismo. Caso aparte é Palestina, moi debilitada a súa causa por mor tanto do paraugas prestado a algunhas organizacións sospeitosas de colaborar con ben Laden, como pola intensificación da represión e da propaganda sionista. ¿Ata donde está disposto Washington a impoñer concesións a Xerusalén para moderar o descontento do mundo árabe e restar argumentos ao islamismo radical?

Globalmente asistiremos a unha profunda acentuación das preocupacións rexionais de acceso a fontes de enerxía e de subseguinte control de determinados reximes. En Africa, Nixeria e Angola, por exemplo, hoxe importan máis e probablemente o novo contexto incidirá na determinación de illar ou non a forzas concretas (UNITA, poñamos por caso). No mesmo continente, países "menores" como Congo ou Guinea Ecuatorial, medrarán en importancia, en razón dos seus recursos. Igualmente Sudán, como Libia, por razóns de seguridade.

As consecuencias internas, nas nosas sociedades, van ser importantes. A irrupción do terrorismo cun nivel de brutalidade descoñecida ata agora é terreo abonado para fomentar políticas que poden reducir espacios de liberdade e afectar á intimidade e ao exercicio de dereitos básicos dos cidadáns (comunicacións, circulación, etc). Podemos agardar máis control sobre os cidadáns, máis vixiancia, espionaxe informático, postal, telefónico, etc, especialmente sobre os movementos antisistémicos (antimundialización). Non agardemos ningún cambio profunbdo de cultura. O discurso multicultural cede o paso ao distanciamento das culturas, configurando un conxunto de debilitamento da calidade democrática. Alén diso, non faltarán argumentos para facer valer un uso interesado da crise, mesmo no plano económico non poucas empresas aproveitarán para sanear as súas contas de resultados.

Un resultado evidente da nova situación é o reforzamento da hexemonía USA no mundo. É constatable a imprecisión de escenarios, actividades e obxectivos do novo contexto emerxente, pero non cabe a menor dúbida de que o impulso tecnolóxico e militar da longa guerra que agora se inicia acentuará o perfil hexemónico de Estados Unidos. A posición de Washington vese reforzada entre os seus aliados máis próximos e tradicionais, mentres medra a súa influencia operativa noutros países. O gasto en defensa será unha potente inxección nunha economía americana situada ás portas da recesión.