As rexións do Arco Atlántico: Basse-Normandie

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Con tres Departamentos (Calvados, Orne e Manche), 17.589 Km2 de superficie, e 1.422.193 habitantes, Baixa Normandía converte os seus 470 Km de costa nun valor estratéxico no nivel continental. Radicada na Canle da Manga e preto de tres grandes capitais europeas (París, Londres e Bruxelas), a rexión mantén unha froitífera relación económica con Gran Bretaña e os Países nórdicos. No territorio francés, a posición intermedia entre a bacía parisiense e o Grande Oeste atlántico, dálle acceso a un mercado considerable: 90 millóns de consumidores nun radio de 500 Km2.

Das vellas relacións viquingas quedan agora senllos acordos de irmanamento coa inglesa Hampshire e a noruega Hordaland, e da pertenza ó Arco Atlántico destaca, sen dúbida, o importante microespacio formado polo Acordo da Canle da Manga, que abrangue as rexións francesas e os condados británicos que abeiran a Canle. Un programa comunitario específico, o Interreg Noroeste Europeo, permite desenvolve-las liñas de cooperación: medioambiente, infraestructuras de comunicación, e posta en común de recursos.

O tráfico marítimo e portuario, moi intenso, e a circunlación a través da Canle están en constante aumento, feito do que se benefician enormemente as tres conexións con Inglaterra e as dúas con Irlanda e, xa que logo, a rexión. Non ocorre así coas liñas ferroviarias interiores, e a instauración da liña rápida TGV Normandía-Val do Sena segue a se-lo obxectivo do Consello Rexional, agora marcado para 2007.

Un forte proceso de diversificación industrial vén cambiando, nos últimos anos, a tradicional configuración rural do país. Hoxe, máis do 45% da poboación vive nas 7 cidades (Caen, Cherbourg, Alençon, Lisieux, Saint-Lô, Flers e Argentan) e nas súas áreas de influencia. O crecemento dun novo pólo tecnolóxico (Philips-Composants en Caen) e a aposta rexional pola priorización das industrias químicas e parafarmaceúticas (terceira rexión francesa), así como da nuclear, compensan, en parte, a crise das empresas tradicionalmente instaladas na zona: o bastión da Moulinex en Cherbourg, ou as filiais de Renault e Citröen en Caen. Malia iso, a industria do automóbil segue a fornecer máis do 40% das exportacións rexionais e a manter un gran número de Pemes subcontratantes. É precisamente a gran densidade de Pemes, moi superior á media nacional, un dos valores nos que se apoia a economía rexional. Mais pese ás potencialidades, ó fortísimo crecemento do seu PIB na última década, ou a estabilidade no emprego acadada trala crise, Baixa Normandía segue a ser unha das rexións francesas con salarios máis baixos.

Malia as recentes tendencias, son a agricultura (leite, bovino, cereais) e, sobre todo, a industria agroalimentaria, os sectores claves da economía, se ben moi afectados polos cambios, que apuntan p.ex. ó crecemento espectacular das filiais equinas, especializadas na competición, o deporte e o turismo. O certo é que o Plan de Estado Rexional tenta facer de Baixa Normandía unha rexión especializada na calidade: agroalimentaria, turística, cultural e medioambiental.

As fermosas e coidadísimas vilas, a illa Saint Michel, o festival de cinema de Deauville e, por suposto, o viño de Calvados, seguen atraendo milleiros de turistas cada ano. Do mesmo xeito, no rural, que comeza a decaer, o artesanado ocupa xa un lugar moi destacado, proporcionando emprego a 1/5 dos seus habitantes e contribuíndo en case un 8% á riqueza nacional. Levando a cabo estas transformacións hai unha poboación maioritariamente xove que constitúe, en por sí, outro valor estratéxico para a rexión.