As rexións do Arco Atlántico: Cornwall

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Cornualla (Cornwall en inglés, Kernow en córnico) forma con Devon a península Sudoeste de Inglaterra, área que se extende ata a fisterra suroccidental de Gran Bretaña (Lizard Point), diferenciándose xeográfica, cultural, social e economicamente do resto da Illa, dando alento a ecos que demandan unha Confederación Céltica con Gales e Escocia.

A vella nación celta está dentro da grande e próspera rexión Sudoeste inglesa, bonanza da que non se benefician Cornualla, rexión Obx.1, e Devon, Obx.2, que gardan unha estreita interrelación económica que fai que, se ben a capital da primeira é Truro, sexa Plymouth, en Devon, o motor socioeconómico da zona.

O selo da vella industria mineiro-metalífera está aínda presente en Cornualla, que foi un condado fortemente asistido polo Goberno entre os anos 69 e 84, ata que acada a longamente demandada condición de rexión Obxectivo 1 e recibe as axudas dos fondos estructurais 2000-2006. Dende entón vén atraendo novas industrias que axudan á diversificación da súa economía, mais o sector segue a ser moito menor ca no resto de Inglaterra ou Gales. De resultas, a gama de oportunidades de traballo é bastante máis limitada ca no resto do país.

Entre 1988 e 1995 produciuse unha reducción do 9% na forza de traballo total na agricultura, pero os empregados a tempo completo caeron un 24%.

Sobrevivindo coma rexión agropecuaria, vese hoxe en dificultades polos efectos da crise das vacas tolas. A pesares de que a maioría dos casos se concentraron na zona Norleste de Inglaterra, e malia ás medidas gobernamentais, as empresas do sector reducíronse en máis dun 50% nos anos 97-98.

Fronte á caída dos sectores tradicionais (granxa, pesca e minas), o sector servicios amosa un crecemento espectacular nos últimos anos, atinxindo o 75% dos empregos no ano 98. Dentro desta porcentaxe destaca o pulo do turismo, sen dúbida a maior industria do condado, se ben constitúe un empregador predominantemente estacional e de salarios baixos, característica esta que comparten os outros sectores representativos.

Con todo non só son os salarios menores, senón que hai tamén unha menor porcentaxe da poboación en idade de traballar gañando diñeiro a causa das taxas, relativamente altas, do desemprego: 4,8% en xaneiro de 2001. Quizais por iso, Cornualla rexistra ata un 24% de traballadores autónomos fronte ó 13% nacional.

Do patrón de desprazamentos para traballar destacan as viaxes á veciña Plymouth, que é tamén clave no deseño das liñas ferroviarias e rodoviarias do condado. Unha das razóns que marcan a forte identidade nas tradicións e na cultura locais é o longo illamento provocado por deficientes infraestructuras de transporte. Mesmo o aeroporto de Newquay ten poucos servicios, sendo o máis importante a ligazón con Gatwick, que non é sequera o aeroporto principal de Londres.

Cornualla incorpórase moi lentamente ó benestar inglés. O PIB per cápita é do 65% da media nacional, e do 70% da media comunitaria, a máis baixa das áreas NUT II de Gran Bretaña. Malia iso, tras décadas de emigración, crece hoxe por riba da media nacional, en parte gracias ó establecemento da Universidade. Isto non quita que siga conservando as taxas máis baixas de densidade poboacional e un carácter fondamente rural: só un tercio da poboación vive en cidades de máis de 10.000 habitantes, fronte ós 4/5 do resto de Inglaterra ou Gales. As dificultades nas comunicacións non favoreceron o crecemento dos centros urbanos.

O clima e as enormes riquezas naturais e arqueolóxicas que garda o país continúan a garantir o maior movemento de vehículos na Gran Bretaña nos bank holiday (as nosas pontes) con máis de 4 millóns de visitantes anuais, confirmando ó condado coma destino vacacioneiro nacional por excelencia.