Berlusconi e a euroorde

O próximo venres poderemos saber, na reunión do Consello Europeo, si Berlusconi da marcha atrás e reconsidera a súa negativa a aceptar a euroorde. Segundo a mesma os membros da UE comprométense a entregar ao delincuente ao Estado onde fora acusado. O acordo abrangue 32 delictos, entraría en vigor no 2004 e non tería efectos retroactivos. Aínda así o goberno Berlusconi negouse a aceptalo e pretende retirar da lista, entre outros, os de natureza económica ou racista. A actitude gobernamental ten provocado un fondo debate en Italia.

O ambiente entre a clase política italiana é tenso. Mesmo no goberno. Mentres o Ministro de Xustiza, Roberto Castelli, da Liga Norte defende a negativa á euroorde por incluír delictos de racismo ou xenofobia, polos que non sería difícil inculpar ao partido liderado por Umberto Bossi; pola contra o Ministro de Exteriores, Ruggiero, defende en solitario o voto favorable para evitar o illamento de Italia. Da mesma posición participa o Presidente da República, Ciampi; da contraria o incombustible e sete veces primeiro ministro Andreotti. Ao tempo o ex primeiro ministro D´Alema considera que o bloqueo italiano obedece ao medo de Berlusconi a algún xuíz europeo, en referencia a Baltasar Garzón.

En corenta anos de vida empresarial e política, o actual primeiro ministro acumulou ducias e ducias de acusacións e procesos dos que o foron librando a súa cohorte de avogados, moitos deles actuais deputados ou asesores gobernamentais, que puxeron en marcha a maquinaria lexislativa para aprobar, coa esmagadora maioría do seu partido e aliados, unha serie de leis encamiñadas a protexer ao primeiro ministro: supresión do imposto de sucesións; modificación da lei de sociedades (coa practica despenalización da falsificación contable "Berlusconi ten aínda pendente un proceso por dobre contabilidade de Fininvest-); lei do chamado escudo fiscal (que permite o regreso a Italia dos capitais exportados ilegalmente co pago dun imposto do 2,5%); modificacións, con efecto retroactivo, que dificultan os requisitos legais de determinados documentos bancarios.

E veñen máis. O Executivo xa ten aprobada a lei que regulará o conflicto de intereses entre as empresas de Il Cavaliere e o goberno. Será á medida. Berlusconi non terá que vender ningunha das súas posesións. Un comité de tres sabios encargarase de vixiar que as decisións do Executivo non favorezan, de xeito escandaloso, a ningunha das empresas do primeiro ministro. Claro que os tres sabios serán nomeados polos presidentes das Cámaras, ambos estreitos colaboradores de Berlusconi. Ao tempo xa está anunciada unha reforma da xustiza destinada a rematar coa maxistratura vermella á quen o propio primeiro ministro considera responsable de desencadear a "guerra civil" (tangentopoli) que nos anos noventa rematou coa Democracia Cristiá e co PSI do seu amigo Bettino Craxi.

Durante a segunda metade do século XX, Italia foi un autentico laboratorio de experimentación social: espectacular recuperación económica na década dos cincuenta; multipartidismo combinado con maioría gobernamental, sempre cambiante pero sempre cos mesmos; primeira critica aberta do stalinismo (eurocomunismo de Berlinguer); forte sociedade civil; experimentos de economía social (cooperativismo); permanencia parlamentaria do fascismo; funcionalidade da economía somerxida; explosión das radios libres e das cadeas de tv. privadas; dominio das tramas mafiosas en moitas estructuras sociais; potencia dos movementos extraparlamentarios de extrema esquerda; aportes teóricos da intelectualidade; terrorismo en versión negra ou vermella; loita xudicial contra a corrupción; disolución e resurrección do réxime parlamentar; etc. etc. O seu último aporte á experimentación social é Silvio Berlusconi quen, formado no proceso anterior, aporta agora unha nova iniciativa: as grandes corporacións financeiras asumen directamente a dirección e control dos gobernos.

Un home feito a si mesmo, convertido en señor das finanzas, toma nas súas mans a dirección do Estado, co apoio dos sempre presentes fascistas da Alianza Nacional e dos xenófobos da Liga Norte, para recuperar a grandeza de Italia e defenderse dos ataques que seica se lle fan dende a Unión Europea.

Incomprendido en Europa, non dubida en encabezar manifestacións en defensa do amigo americano ou en facerlle o traballo sucio ao amigo inglés. Claro que neste labor el tamén conta con algún que outro amigo.