Colapso arxentino

A crise económica arxentina trascendeu ao terreo político coa demisión de varios ministros e do propio presidente, Fernando De la Rúa. Os disturbios protagonizados por sectores da poboación afectados directamente polas draconianas condicións impostas ao país polos mecanismos financeiros internacionais, deixaron tras de si máis de dúas ducias de mortos, e a paz social semella aínda unha posibilidade lonxana. No ámbito político, a demisión do Goberno propulsou de novo ao poder ao peronista Partido Xusticialista, no que diversos candidatos aspiran a presentarse á presidencia nas eleccións antecipadas convocadas para o próximo mes de marzo. O poder xudicial tamén interviu na crise, vetando a saída do país a varios altos cargos do Goberno demisionario, entre os que se atopan o ex presidente De la Rúa e o ex ministro de Economía Domingo Cavallo. A crise política arxentina está afectando directamente aos mercados financeiros internacionais, e pode contaxiarse con facilidade aos demáis países latinoamericanos con economías fortemente vinculadas á arxentina.

O peronismo, coa designación como presidente de transición do sanluiseño Adolfo Rodríguez Sáa, colocou un raposo no galiñeiro político. É probable que José Manuel de la Sota, Carlos Ruckauf, Carlos Reuteman e Néstor Kirschner se lamenten, no futuro inmediato, por designalo para ese cargo, porque o sanluiseño non naceu á política para ocupar "interinatos", como afirma Emilio J. Corbière en Prensa Latina. Tanto é así que permaneceu dazaoito anos como gobernador, dende o 10 de decembro de 1983 ata agora.

O perfil de Adolfo Rodríguez Sáa é o dunha persoalidade pragmática, "desideoloxizada", con algúns antecedentes no nacionalismo. Pero, sobre todo, ama o poder, as mulleres e a riqueza, sen límites, afirma Corbière. A rede de poder político construída en San Luis logrouna como bo administrador utilizando os subsidios en obras públicas de gran relevancia e utilizando a dose adecuada de autoritarismo, como documenta o xornalista Miguel Wiñaski no seu libro “El último feudo”. Como primeiras medidas ordenou o reparto de comida e propuso maiores apoios para os pobres e marxinados sociais; suspendeu o pago da débeda externa; instruiu a implementación dun seguro para os desocupados e o establecemento dun forte recorte de gasto político e burocrático. ¿É a volta do populismo? O eixe esencial da súa actuación semella consistir no desvio do pago de intereses da débeda externa para mobilizar a producción e o consumo. Rodríguez Sáa falou da creación dun millón de postos de traballo. Se materializa esa proposta o raposo pode quedarse co galiñeiro nos próximos anos.

Á lus do acontecido, Atilio A. Borón, reflexiona en La Jornada sobre as hipotéticas exequias do neoliberalismo: ¿Será un exercicio prematuro? Non parece, habida conta dos cambios moi significativos ocurridos na escena política. Non se trata soamente de constatar a dolorosa agonía do bipartidismo peronista-radical, responsable principal da decadencia arxentina, nin moito menos do desprestixio incurable do Congreso Nacional. Os cambios acudiron de maneira traumática a conciencia social e deles se desprenden dúas consecuencias de gran importancia. En primeiro lugar, a sensación de que no momento en que a sociedade civil se mobiliza adquire unha irresistible "potencia constituínte" capaz de facer saltar calquer goberno con moita máis contundencia que o máis rotundo resultado electoral. Segundo, a convicción de que se acabou a impunidade para os gobernantes.

Quizáis Borón sexa optimista de máis nun escenario tan deprimente e desesperanzado pero en todo caso, as autoridades financeiras internacionais deberían aprender algo da lección arxentina e proceder de inmediato á renegociación da débeda externa, comprometendo a súa satisfacción non soamente co simple pago senón cun desenvolvemento a medida das necesidades e posibilidades dun país rico e formado como poucos da América latina.