Emigración e acción exterior

A progresiva desvirtuación do factor emigrante débese esencialmente á súa perversión electoral. A nosa emigración constitúe unha variable demográfica, económica, política e cultural de primeira magnitude que, sen embargo, vaise quedando reducida á mera condición de axente electoral, iso si, de enorme repercusión. Todas as forzas políticas representadas no Parlamento galego precisan seducir aos emigrantes, especialmente a aqueles incluídos nos respectivos censos electorais, pois diso vai depender non soamente a mellora dunhas concretas expectativas de sufraxio senón incluso poida que o signo dun goberno. Antes era o Presidente Fraga quen efectuaba as xiras aos países americanos, un par de veces ao ano como minimo. Agora tamén as forzas da oposición imitan o periplo.

Non nego eu que sexa importante e necesario o contacto coa emigración. Todo o contrario. Como pouco, é un imperativo estatutario. Pero resulta cada vez máis preocupante o elevado peso da súa significación electoral en detrimento doutras apostas necesarias para o país. En efecto, o artigo 4.2 do Estatuto afirma que "os poderes públicos teñen o deber de promover as condicións para facilitar a participación de todos os cidadáns, incluídos aqueles que non residen en Galicia, na vida política, social, económica e cultural". O dereito a "colaborar e compartir a vida social e cultural" a que se refire o artigo 7 non pode limitarse a un mero exercicio electoral. Dúas décadas despois de promulgarse o Estatuto deberiamos contar cun plano para a emigración sensiblemente máis amplo e dirixido ao cumprimento daqueles obxectivos. En definitiva, ir máis alá do binomio asistencial-electoral.

A implicación emigrante nas políticas galegas concretas é minima, practicamente irrelevante. Ben é verdade que houbo no seu tempo iniciativas específicas dirixidas ao mundo empresarial, certamente benintencionadas, pero que non cuallaron dabondo e foron case abandonadas.Non é que os galegos pasen a ser da noite para a mañán coma os irlandeses ou os xudeos, pero evidentemente, nuns sitios máis que noutros, existen posibilidades de configurar lobbys ao servicio dos nosos intereses se actuamos con perseverancia, planificación e sentido de futuro. As propostas e iniciativas neste sentido están ausentes en todos os actores políticos. Toda a discusión xira arredor da tan traída e levada política de asistencia que enfanga a relación de Galicia co mundo da emigración. Cómpre implicar aos emigrantes na vertebración da Galicia futura que ten en América, e non só, unha prolongación natural.

É hora, pois, de facer un esforzo para traspasar esa fronteira e imaxinar de veras fórmulas de incorporación dos emigrantes nas estratexias galegas. Do contrario, mellor sería suprimir o dereito a sufraxio da emigración. A fin de contas, ¿por qué poden votar os emigrantes que están alá e non os inmigrantes que están aquí?