Italia: vía libre á reforma constitucional

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Unha proba de que a concentración dos medios de comunicación nunhas mesmas mans é a mellor condición para a desinformación, foi o desenvolvemento e celebración do referendo constitucional celebrado en Italia a principios deste mes de outubro. Ignorado dentro e fóra debido á falla dunhas condicións mínimas de información (era unha reforma aprobada na anterior lexislatura polo Ulivo, agora na oposición), e escurecido polo efectismo mediático da "primeira guerra global do século XXI" e a repercusión dos pequenos pensamentos de Fallaci, Bossi e berluscas, que pasan a engrosar e aluma-lo pensamento da época.

Mais da victoria do SI sae unha Italia substancialmente distinta á deseñada na Constitución de 1948. Saudada como inicio dunha Italia federalista, que non federal, trátase dunha riformetta que con toda seguridade verá multitude de modificacións, xa que o maioritario goberno da Casa das Liberdades ten xa outro proxecto en marcha, a chamada "Devolución" do ministro das Reformas, Bossi, que prevé plenos poderes para as Rexións, pero só nos eidos da escola, sanidade e policía local. Si supón, nembargantes, un pequeno botín moral para o Ulivo, nun atascamento trala malleira das xerais de maio.

O debate foi evitado en todo momento; xa o di o ministro das Reformas: "foi Silvio quen non quixo unha contraposición frontal, convencido de que estas son cousas que non contan nada". Xa, claro, pero o leguista esqueceu referirse á clara desunión nas fileiras da coalición de goberno entre os órganos centrais e os gobernadores rexionais, que apoiaron maioritariamente o SI á reforma pedindo o voto ós seus concidadáns.

O abismo das diferencias socioeconómicas do territorio italiano viuse reflictido dobremente. Primeiro en canto á participación, xa que no Sur votou a metade de electores ca no Norte, como acostuma pasar nas rexións pobres e desconfiadas dos procesos de descentralización, da capacidade de xestionaren unha maior autonomía, e dos propios gobernantes. No que toca ós enunciados da propia reforma, introdúcese un fondo de compensación, definido "perequativo", polo que o Estado dirixirá recursos ás Rexións cunha menor capacidade fiscal propia (que vén introducida pola mesma), e máis un principio de "rexionalismo diferenciado", que non quere dicir outra cousa que as Rexións poderán lanzar, dacordo cos ministerios competentes, os proxectos especiais que prevean formas de particular autonomía nalgunhas materias.

O primeiro referendo de reforma constitucional da historia da Italia republicana saldouse cunha victoria do SI cun 64,2% dos votos que, malia o 34% de participación, permite a reforma da Constitución no seu Título V (que regulamenta os principios das Rexións, Provincias e Concellos) ó non precisar do quorum mínimo do 50%+1 para ser efectiva.

No plano lexislativo, a reforma reescrebe o básico artigo 117 coa inversión do criterio de reparto das competencias. Se anteriormente se detallaban o elenco das materias nas que as Rexións tiñan poderes, agora, en cambio, veñen definidas as do Estado: política externa, defensa, moeda, xustiza, tutela da competencia, distribución dos recursos financeiros, prevención, xurisdicción, referendos estatais, leis electorais estatais, orde e seguridade pública, inmigración, confesións relixiosas, alfándegas, pesos e medidas. O que queda é competencia das Rexións que, basicamente, só ven medra-los seus poderes no ensino e o medio ambiente mais, iso si, dentro do desenvolvemento das leis comunitarias.

En realidade é visible o esforzo do particular proceso federalista italiano por achegarse ó europeo e ó seu principio de subsidariedade, que vén introducido na Constitución. A reforma é contemplada como unha adaptación a pautas que xa se estaban a desenvolver nunha, en definitiva, europeización de Italia. O xornal La Reppublica lembra ó repecto que o proceso federal europeo por agregación de Estados favorece en cada Estado membro un proceso federal por desagregación que, no caso italiano, é maiormente unha desagregación económica Norte-Sur.

A reforma abre tamén a porta á conclusión de negociacións polas rexións con outros entes territoriais internos a outros Estados, mais a nova escritura constitucional, neste coma noutros aspectos, virá desenvolvida, e orientada, lexislativamente pola Comisión Parlmentaria para Cuestións Rexionais, representación transitoria dos entes locais no Parlamento á espera dunha eventual Cámara das Rexións ou dun Senado Federal, auténtico e demandado ventre da evolución do proceso.

Entre os efectos lexislativos inmediatos, a caída de leis pendentes, agora inconstitucionais, como a Lunardi, que lles daría ós ministros o poder de decidir sobre o ordenamento do territorio e as obras públicas realizadas sen sequera consultar ós alcaldes.

Cun cativo aceno a un bilingüísmo cada vez máis morto (o art.116 prevé o nome bilingüe para Trentino Alto Adige/Sud Tirol e para Valle d´Aosta/Valle d´Aoste), a reforma tamén suprime moitas institucións de selo centralista ata o de agora presentes na Constitución. Adeus ó antipático Comisario Gobernativo.