Nova economía: a dura aterraxe dos despedimentos masivos

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Nortel Networks anunciou o pasado 15 de xuño o recorte adicional (tralo recorte de abril de 15.000 empregos) de 10.000 postos de traballo máis, tras coñecer que as perdas do segundo cuatrimestre serán de 19.200 millóns de dólares. Este non é senón o penúltimo caso dunha empresa que decide apuntarse ó método do despedimento masivo cara readapta-la cotización das súas accións. Noutros casos (Marconi con 3.000 despedimentos) 1 millón de dólares de beneficios non impediron que o medo á caída en bolsa polo desaceleramento económico americano se cobrase no capital humano.

O devandito método comezou hai uns meses coa sucesión de revisións á baixa das, ata ese momento, invulnerables e modélicas e-compañías no índice tecnolóxico Nasdaq, e acada agora un ritmo de máis de 100.000 despedimentos ó mes nos USA (tamén baixo o modelo do ranking forzado de Coca Cola ou Cisco, que aílla ó 10% de traballadores “prescindibles”), espallándose tamén por Europa de xeito imparable.

Son os casos dos Motorola (22.000 despedimentos), General Electric (75.000), Cisco Systems (8.700), Philips (7.000), Ericsson (17.300, un 50% en Suecia), Deutsche Bank (2.300), Siemens (6.100), Marks&Spencer (6.100), e mesmo L´Humanité (80 dos seus 245 empregados).

Aínda que os máis afectados son os empregados do sector telecomunicacións, seguidos dos traballadores das compañías automobilísticas, informáticas e electrónicas, os paradigmáticos casos de Marks&Spencer e Danone amosan que o problema é xeral e xeneralizado, xa que os puntocom só suman o 7% dos despedimentos nos USA. Precisamente estes dous casos provocaron a reacción do Goberno francés e logo, por lóxica extensión, do Executivo de Bruxelas.

Os 1.700 traballadores de M&S en Francia obtiveron en abril a xurídica victoria moral de veren recoñecida a violación da consulta previa ó comité de empresa, de aí que o Tribunal ordenase retomar todo o procedemento legal, cousa que pode levar varios meses. Mais se as complicacións económicas levaban tempo batendo no negocio das tendas británicas en Europa, o caso de Danone, empresa florecente e presentada coma modelo social, deu a voz de alarma.

O anuncio de miles de despedimentos en empresas con beneficios nun momento de boa saúde da economía francesa provocou un crecente descontentamento social diante deste inusitado “reparto dos froitos do crecemento”, e o Goberno decidiu lanzar un paquete de medidas cara disuadi-los despedimentos de traballadores pola vía de complica-la xestión das reestructuracións e encarecelas un pouco. O modelo francés faría que as empresas grandes acompañasen os despedimentos con valoracións do seu impacto social e territorial, e asumisen parte dos custos de buscar outro emprego ós despedidos (O outplacement, xa practicado recentemente en Cataluña no caso de Hawlett Packard).

Trala reacción francesa, a comisaria Diamantopoulou (Emprego e Asuntos Sociais) retomou o tema, cualificando a forma de levar os despedimentos de “indigna” e propoñendo sancións ás compañías que boten man deles sen ter en conta as normas comunitarias porque, con efecto, ademais de indigna, a forma de toma-las medidas roza claramente a ilegalidade dende o punto de vista do Dereito Comunitario. Abonda con lembra-la Directiva sobre Despedimentos Colectivos (98/59/CE) do Consello de 20 de xullo do 98, pola que o empresario queda obrigado á consulta, ou a teimuda Directiva sobre Información e Consulta ós Traballadores (sobre calquera decisión que afecte ó número de empregados) que é considerada o adaíl indiscutible do modelo social europeo. Cómpre dicir, sen embargo, que non hai acordo firme dos Gobernos para a súa aplicación, coma tampouco sobre as propostas normativas que contemplan mecanismos de participación (máis alá da simple información e consulta), conxeladas dende hai máis dunha década e bloqueadas, en parte, pola negativa do Goberno español.

Da mesma proposta de Diamantopoulou de primeiros de maio, non se volveu saber. Unha proposta que mesmo contemplaba obrigar ás compañías a devolver axudas europeas, caso de telas recibido, se fosen utilizadas para destruir postos de traballo, así como a posibilidade de reasignar axudas do Fondo Social Europeo –FSE- cara as rexións máis afectadas e os sectores onde máis perdas se rexistrasen (xa que nalgúns casos rexións enteiras da UE estanse vendo enfrontadas ó peche inminente de grandes empresas) semella que era demasiado para a Axenda Social Europea, letra morta, papel mollado.

Mais o caso é que a recesión está a cobrarse as súas primeiras víctimas en número de centos de miles, e que Bruxelas non pode seguir fachendeando de modelo social europeo se non acada, sequera, consenso sobre a práctica das normas básicas que dictan as súas directivas, mínimas en calquera caso, para amansar este financiamento da economía en forma de empresas que anuncian os seus despedimentos urbi et orbe ós accionistas en bolsa, feito consumado, e incumpren as normas laborais máis básicas.

Porque se ben os mercados premian os anuncios de reduccións no cadro de traballadores con alzas nas accións, a eficiencia dos despedimentos (ou dos investimentos arriscados que anuncian novos despedimentos) pode non ser tal se a decisión sofre do máis primario curtoplacismo: os beneficios de hoxe aumentan cos despedimentos, pero os de mañá diminúen , de xeito que a riqueza, o valor presente de tódolos beneficios, é menor cos despedimentos que sen eles.

Para América e para Europa queda claro que a aterraxe da bonanza económica anterior xa non é tan doce, a diferencia é que Europa posúe os instrumentos para frear a piratería do empresario bursátil; a semellanza está, se había algunha dúbida, en quen paga a torcedura da senda trinfal da globalización económica: o traballador, capital humano excluído do destino da empresa.

Non está tan lonxe. A esta situación non son alleos os traballadores de Sintel (extinción de 1.201 postos de traballo de 2.000) que agora cumpren o seu quinto mes de protesta. Lembremos que a filial creada por Telefónica no ano 75 foi vendida no 96, cando perdera o valor estratéxico da súa baratura, ó empresario gusanito Mas Canosa, co obxectivo de que o de Miami levase a cabo o desmantelamento da empresa para deixar só a marca Sintel, e poder establecer un modelo de relacións de emprego precario, apoiado na “economía de pateira”, de xeito que os prezos da instaladora fosen igual de competitivos cós doutras empresas do sector e revalorizar así o prezo das súas accións. A empresa está agora en suspensión de pagamentos e adebeda innumerables nóminas ós traballadores. Desta volta tampouco contaban coa súa voz.