O futuro de Kosovo

Ibrahim Rugova gañou as primeiras eleccións lexislativas celebradas en Kosovo dende a retirada serbia e a entrada da OTAN. Rugova obtivo máis do dobre de votos do seu inmediato seguidor, o ex-membro da UÇK, Hashim Thaçi e os serbios e outras minorías teñen garantida a súa participación no novo Parlamento que agora debe elixir un goberno e un presidente. Rugova agardaba a maioría absoluta e nas súas primeiras declaracións lembrou que a independencia era o obxectivo da súa Liga Democrática, unha opción inaceptable tanto para os serbios como para unha comunidade internacional que basea a súa estratexia na inalterabilidade da resolución 1244 que prevé unha ampla autonomía para este enclave, pero respectando sempre a soberanía e a integridade territorial da República Federal de Iugoslavia.

O principal dato positivo destes comicios foi a participación das minorías. Máis do cincuenta por cento dos 170.000 electores serbios participaron na consulta, respaldando a Coalición polo Retorno, a única lista serbia, e desoíndo os chamamentos á abstención. As pequenas minorías de turcos, bosniacos, etc., obtiveron máis dos dez escanos que inicialmente tiñan reservados. Dun total de 120 asentos, o novo Parlamento de Prístina contará con 35 deputados non albaneses dos que 21 serán serbios. ¿Estamos no camiño de consolidación dunha democracia multiétnica?

Os resultados das eleccións do 17 de novembro evidencian que Kosovo non é unha "terra exclusivamente albanesa" e que se trata aínda, a pesar de tantas secuencias de limpeza étnica, dunha sociedade realmente plurinacional que debe construirse políticamente sobre bases democráticas, aceptando a ponderación da regla da maioría cunha sobre representación institucional das minorías. A minoría serbia pode darse por satisfeita cos seus resultados.

A comunidade internacional asumirá agora o papel de árbitro e moderador dunha posible radicalización de posicións no seo das comunidades tradicionalmente enfrontadas. Veton Surroi, o director de Koha Ditore, sinalaba antes das eleccións que "o Kosovo vai contar cun nivel de autonomía inferior ao existente en 1989, na época da Iugoslavia autoxestionaria". Pola súa banda, Oliver Ivanovic, líder dos serbios de Kosovska Mitrovica, elixido deputado, asegura que se os albaneses optan por proclamar a independencia, a secesión dos territorios serbios producirase ao día seguinte.

E aínda que son malos tempos para o inicio de aventuras armadas, cómpre seguir de preto aos seguidores de Hashim Thaçi e o seu Partido Democrático de Kosovo que agrupa á maior parte dos adeptos da oficialmente extinta UÇK. Os sucesivos fracasos electorais alentan certo desencanto e frustración nas súas filas. Se a derrota nas municipais de outubro de 2000 trouxo consigo a irrupción de guerrillas no sur de Serbia e en Macedonia, ¿porán de novo as armas sobre a mesa para negociar unha cuota de poder superior á concedida polas urnas?

O futuro de Kosovo vai depender e moito da evolución do contexto rexional. O proceso para a celebración da consulta plebiscitaria sobre a separación de Montenegro da Federación Iugoslava corre un serio risco de fracaso debido á incapacidade do bloque soberanista de definir unha estratexia común sobre a maneira de arribar á independencia. Aos problemas internos cómpre sumar a negativa posición da comunidade internacional, asi como das autoridades de Belgrado.

Tres son os principais impulsores da consulta: Partido Democrático dos Socialistas (DPS), Partido Liberal de Montenegro (LSCG) e o Partido Social Demócrata (SDP). Contan ademáis co apoio dos partidos albaneses. Na comisión parlamentaria creada para elaborar o proxecto de lei relativo á consulta non participan os partidos pro-iugoslavos e o propio DPS, aínda asistindo ás sesións, opta sistematicamente pola abstención co obxectivo de que sexan os deputados da Cámara lexislativa quen decidan finalmente sobre a súa aprobación.

Entre os partidarios da independencia, o principal motivo de discusión é a definición do número mínimo de electores necesarios para dar validez á consulta. Liberais e socialdemócratas estiman que non é necesario establecer un quorum mínimo, mentres que o DPS insiste na necesidade non soamente de gañalo senón de contar co apoio de máis da metade dos electores montenegrinos.

Cun nivel de debate tan confuso, a actitude discordante do DPS e as tensións crecentes no seo do bloque soberanista, non se descarta que en lugar do referendo, a iniciativa da consulta remate nun fiasco e na convocatoria de eleccións lexislativas antecipadas.Se Podgorica consuma a independencia, a Federación Iugoslava carece de sentido e Kosovo será independente.