Rostock despide aos verdes, Bonn recibe aos afgáns

O congreso dos Verdes confirmou a continuidade no goberno federal. Un suorento e emocionado Fischer foi quen de lucir as súas moitas habilidades dialécticas, como fixera a semana pasada no Bundestang, e convencer á maioría dos delegados da necesidade de manter a coalición gobernante e da participación das tropas alemanas en Afganistán. Fischer e Schröder rematan unha quincena victoriosa, mentres agardan pola chegada dos xefes tribais afgáns. Polo de pronto que a conferencia, que comeza hoxe, se celebre en Bonn é todo un triunfo para a diplomacia alemana; si son capaces de arrincar algún acordo susceptible de facerse realidade o éxito será pleno.

Os Verdes chegaban a Rostock inmersos na maior crise da súa historia, so comparable aos críticos momentos dos bombardeos da OTAN sobre Iugoslavia. Daquela a división entre pragmáticos-realos e radicais-fundis agravouse; agora a fractura era evidente e mesmo ameazaba a supervivencia do partido. Daquela a faciana de Fischer ficou emborrallada de alegórica pintura vermella; agora o rostro do Ministro de Exteriores resplandecía enchoupado en auga, non se sabe si de bagoas ou suor, ou das dúas cousas.

O certo é que os Verdes resolvían a división interna ao sentirse prescindibles no goberno de coalición. As xornadas anteriores foran determinantes. No Bundestang debatíase o envío de 3.900 soldados alemáns a Afganistán. Nos días previos Fischer esforzouse en manter unido aos 47 deputados verdes; Schröder en impedir a mínima disidencia entre os socialdemócratas. Fischer non foi quen de convencer a oito dos seus; Schröder fixo valer os seus poderes e o SPD votaría unido. Logo Schröder fíxolle a cambadela. Xuntou o debate sobre o envío de tropas cunha moción de confianza. Era innecesario. A oposición apoiaría mandar soldados a Afganistán. O chanceler votáballe un pulso aos Verdes. Xa non se trataba de aprobar o envío de tropas senón de derrubar ao goberno. Schröder gañou, Fischer luciuse no Bundestang e os oito verdes disidentes tiveron que partir os seus votos (catro para cada lado) para evitar o fin da coalición roxi-verde. A media semana Schröder paseaba triunfador polo congreso do SPD preparándose para a segura victoria de outono do 2002 e anunciando coa boca grande os seus desexos de manter a coalición actual, mentres coa pequena deitaba aloumiños aos liberais.

Neste ambiente chegaron os Verdes a Rostock. A cuestión das tropas, como no Bundestang, pasou a segundo plano. O debate situouse entre participar no goberno ou non e os dous tercios dos 700 delegados optaron por manter a coalición. A resolución sobre o envío de soldados foi máis debatida e negociada pero tamén aprobada e Fischer volveu a lucirse ante o auditorio.

Aparentemente os Verdes afastan a pantasma da marxinalidade política. Dende o goberno e co carisma de Fischer agardan chegar ao outono do 2002 coa forza suficiente para determinar o futuro goberno federal. Pero a crise non se resolveu, moitas federacións e os sectores máis militantes manteñen as súas posicións críticas. Mesmo algúns dos vellos dirixentes, os da xeración de Petra Kelly, anunciaron o abandono do partido. Ao tempo, diversos analistas anuncian unha sangría de votos que mesmo podería deixar aos Verdes por debaixo do 5% necesario para ter representación no Bundestang. Mentres, Schröder agarda dende a seguridade da desfeita da CDU e da "muleta" segura dos liberais.

Schröder, despois do recoñecemento de Blair no congreso do SPD, e Fischer recuperan o rol de protagonistas coa conferencia que hoxe comeza en Bonn baixo o auspicio da ONU. Un bo resultado da mesma podería servirlle a ambos. Fischer podería argumentar ante os críticos que a súa xestión serve para que Alemaña teña unha influencia internacional acorde coa súa potencia económica e que sexa a ONU a institución que impulse a formación dun goberno que leve a paz a Afganistán. Schröder acude desexoso de recuperar iniciativa política na escena internacional.

As preguntas ante o inicio da conferencia son moitas, ¿non estarán repartindo a pel do oso antes de cazalo? ¿que pode saír dunha reunión de 21 representantes afgáns (11 da Alianza do Norte e 10 de outros grupos), entre os que non estará presente ningún delegado da etnia maioritaria? ¿admitirán os xefes locais as decisións de Bonn? ¿o fracaso da conferencia non se converterá nun novo fracaso da ONU?…