¿Solución para o conflicto turco-chipriota?

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Xa hai data. Será a mediados do próximo xaneiro cando se abrirá, de xeito oficial, unha nova rolda de negociacións directas "sen precondicións" para soluciona-lo problema da división de Chipre cara o seu ingreso na Unión Europea. Así o decidiron o Presidente da República de Chipre, Glafcos Clerides, e o líder da parte turco-chipriota, Rauf Denktash, na súa reunión do pasado mércores 4 de decembro.

A reunión retoma o proceso de paz, conxelado nos últimos anos, e ten o engadido simbólico de celebrarse por primeira vez en territorio chipriota, sobre a chamada "liña verde", zona patrullada pola ONU que certifica a división da illa en dous territorios e dúas comunidades, cun Goberno lexítimo no sur (a República de Chipre) ligado a Grecia, e unha entidade non recoñecida ó norte (República Turca do Norte de Chipre) dependente de Turquía.

Coa intervención militar turca en 1974 do tercio norte da illa perante os desmandos dos militares gregos que pretenden a unificación da illa con Grecia, prodúcese o inevitable movemento de poboación. Ata 150.000 gregos fuxiron entón dos seus fogares e terras do norte, mentres que 46.000 turcos fuxiron do sur, resultando nunha perfecta división étnica mediante a ocupación ilegal turca, que dura ata hoxendía a pesares de que a ONU vén pedindo o seu cesamento dende 1983. Nese mesmo ano, Rauf Dektash, vello vicepresidente turco, autoproclama a República Turca do Norte de Chipre, que ata hoxe é só recoñecida pola propia Turquía. A invasión turca de Chipre, que comezou como unha operación de emerxencia contra a agónica dictadura grega, derivou co tempo nunha actuación estratéxica ó servicio da dictadura militar instalada en Turquía dende 1980, tal como nos anos 50 o fora para o Reino Unido, potencia colonial que aplica a regra do "divide e reinarás" dando orixe á existencia da confrontación greco-turca sobre a illa.

Cos anos, mentres a República de Chipre realizou enormes progresos económicos, cun PIB per cápita moi semellante ó español e moi superior ó de Grecia, as zonas ocupadas polos turcos están deprimidas economicamente. A poboación de 150.000 persoas, que inclúen 35.000 militares turcos e 80.000 colonos traídos dende a Turquía continental (a maioría campesiñado moi pobre) depende das axudas económicas turcas e non se beneficia do turismo do sur, nin das relacións exteriores de Chipre ou dos seus acordos comerciais, debido máis ás consecuencias xurídicas da ocupación que á existencia dun embargo legalmente establecido.

Entrementres, o desenvolvemento dos acontecementos políticos fan desta situación un incómodo ciste no corazón mediterráneo da OTAN (da que Grecia e Turquía son membros) e na porta oriental da Unión Europea. Grecia democratizouse e ingresou na UE en 1981. Turquía presentou a súa candidatura en 1987, Chipre en 1990. Grecia, que aínda ten outro contencioso con Turquía en torno ás fronteiras marítimas entrámbolos dous países, varía a súa política turca en 1999 e retira o seu veto, no cumio de Helsinki, á candidatura turca para a súa entrada na UE. A adhesión queda agora nas mans da casta político-militar no goberno de Ankara.

Grecia desenvolve entón unha política de intereses comúns e non de conflicto, herdada da proposta por Andreas Papandreu 10 anos antes; preséntase como o "amigo rexional" de Turquía, asina varios convenios, logra un achegamento solidario das poboacións durante os desastres dos terremotos de 1999 (a chamada "diplomacia dos terremotos") e retoma con forza as negociacións sobre o futuro de Chipre, ata que a parte turco-chipriota se retira unilateralmente das mesmas en setembro de 2000.

As posturas semellan entón, coma hai 30 anos, irreconcialiables. A ONU (e a súa esteteira, a UE) avoga por unha federación bicomunal, cun Goberno unificado na capital, Nicosia, tese achegada á sostida polo Goberno da República de Chipre, un Estado federal unitario. O líder turcochipriota, o fundador Denktash, quere o recoñecemento internacional da súa entidade como paso previo a unha posible confederación de dous Estados independentes e ameaza con pechar tódalas barreiras do territorio baixo o seu mandato se Chipre entra na UE.

Agora ben, Chipre será con toda seguridade, se non se tranca toda a ampliación, membro da UE en 2004. E o será aínda que sexa dividido, como República de Chipre, quedando o norte "fóra de Europa". Así as cousas, Turquía ameaza con anexionarse o norte da illa se a ampliación se produce, e Grecia, pola súa banda, con vetar a ampliación ós países do leste se esta non se leva a cabo.

A intransixencia de Denktash comeza, nembargantes, a ser incómoda para a mesma Turquía. Presionada polos Estados Unidos e obrigada a ter un xesto para coa UE se non quere que medren as reticencias á súa propia adhesión, vese agora cun peso estratéxico redimensionado na actual crise internacional.

O mesmo día 4 de decembro, mentres en Nicosia os mandatarios chipriotas acordaban restablece-las negociacións, chegaba a Ankara o Secretario de Estado norteamericano Colin Powell, con tres asuntos baixo o brazo: Afganistán, Iraq, Chipre. E o día seguinte, voa á sede da OTAN en Bruxelas, coa nova de que Turquía retira o seu bloqueo ó desenvolvemento da Política Exterior e de Seguridade Común da UE. Coas súas decisións sobre Chipre e a PESC, Turquía sitúase aínda máis preto da UE.

A UE non pode rexeitar un país que oficialmente participa da súa política militar e de defensa. A "identidade europea" de Turquía priorízase na súa dimensión militar e estratéxica, como xa advertiu a administración Clinton á UE, e a Grecia en particular, ó tempo que desenvolvía unha estratexia agresiva de venda de armas ás mesmas Grecia e Turquía, importándolle pouco que no Parlamento turco se pedise, entón e agora, unha acción militar contra Grecia se Chipre se integra na UE.