Ucraína, soberanía a golpe de escándalo

Gongadzegate, Kuchmagate, Morozgate, Tapogate, Recordingsgate, etc: a cantidade de nomes cunha clara alusión ao famoso escándalo estadounidense dos anos setenta con implicación do propio Presidente, que se dan ao escándalo co que a Ucraína entrou no novo milenio ben corresponde á complexidade e gravedade do caso que se imputa ao presidente Kuchma e ao nivel de implicación doutros persoeiros políticos. O escándalo ucraíno sobrepasa con creces os incidentes doutros países, pero a opinión pública mundial está acostumbrada a prestar máis atención a escándalos en Norteamérica ou Malaysia, pero non ós dramas políticos que vive este país, dos máis grandes de Europa.

Moitos episodios deste caso ucraíno poderían servir de argumento para varias novelas policíacas ou políticas. Comezou a mediados de setembro pasado cando unha noite desapareceu un xornalista chamado Gueorgui Gongadze, ata entón pouco coñecido, fundador do periódico online “Ukraínska Pravda” (“A Verdade da Ucraína”) que tivo resonancia en certos círculos políticos por mor das súas audaces publicacións libres de toda censura.

As circunstancias da súa desaparición non deixaban aos seus colegas e amigos dubidar de que se trataba dunha casualidade tráxica. Algúns relacionaron este caso co do deputado Vólkov, o oligarca que dirixiu a campaña de preparación do referendo promovido polo presidente Kuchma co que pretendía unha reducción do poder do Parlamento e a atribución de máis autoridade ao Presidente.

Cinco días antes da súa desaparición, a edición de Gongadze publicou en Internet un artigo donde se descubrían feitos que, de ser certos, demostraban que as listas de firmas de electores en favor da celebración do referendo estaban falsificadas. Despois desta publicación, Vólkov non permitiu a presencia do periodista nas súas rodas de prensa.

Os órganos da orde pública trataron de restar importancia ao caso alegando que cada ano desaparecían milleiros de persoas na Ucraína. Pero aos poucos días, cando xa non cabía a probabilidade de atopar ao desaparecido ileso, no transporte público de Kíev e noutros sitios de moita concurrencia apareceron carteis da respectiva comisaría distrital coa foto de Gongadze e un chamamento a todos que poidan dar algún indicio para que axuden na busca. En parello, facianse insinuacións de que todo podía ser unha mistificación, que alguen o vira -“con toda seguridade”- a Gueorgui vivo en Lvov, aínda que con barba e cun sombreiro por riba dos ollos, que se algún individuo co mesmo nome mercara un billete de ferrocarril en Moscova, etc. Todo facía recordar as nefastas “cortinas de fume” doutra época.

Mentres, no Parlamento formouse unha comisión para a investigación do caso. A insistencia de 40 periodistas acreditados no Parlamento non se incluíron na súa composición os deputados que foron criticados na edición de Gongadze. Esta foi a primeira indirecta admisión oficial da posibilidade de implicacións políticas na súa desaparición. Pasadas algunhas semanas publicouse a noticia do achádego dun corpo decapitado nun bosque no sur da provincia de Kíev sen ser identificado, permaneceu varios días na morgue do hospital local. Alí foron algúns colegas de Gongadze e, aínda que era imposible identificar o cadavre, recoñeceron que as xoias atopadas co corpo seguramente podían pertencer a Gueorgui e, por indicación deles, o forense detectou nunha man fragmentos dnha granada que podían corresponder á ferida contraída polo periodista durante o conflicto en Abjasia (Xeorxia). Nese xusto momento, cando parecía haberse atopado algunha pista, o caso afundiuse de novo nunha escuridade macabra: o presunto corpo decapitado do desaparecido desapareceu sen deixar rastro… E os órganos do poder público, outra vez, non se deron por enterados.

A comezos de decembro no marco deste asunto estoupa unha nova “bomba”: o deputado A. Moroz, presidente do Partido Socialista, presenta no Parlamento unha gravación que lle foi entregada por un ex oficial da guardia personal do Presidente, un tal Melnychenko, quen aseguraba tela realizado no propio despacho do xefe do Estado. Nela, a voz que supostamente pertence ao Presidente manda ao ministro do interior desfacerse do periodista. Entón, o escándalo recobra nova intensidade; xa non se fala do periodista, no centro do escándalo sitúase Moroz, quen pertence ao contado grupo de políticos que aínda posúen unha imaxe de persoas honestas. Comentouse que emprendera aquela manobra coa cinta para desviar a atención da investigación docaso de sabotaxe perpetrado durante un mitin electoral da súa ex-correlixionaria, N. Vitrenko, líder do radical Partido Socialista de Progreso. Naquela ocasión fixeron estoupar unha granada que causou feridas a varias persoas. A instrucción do caso implica no crimen a un dos responsables da campaña electoral de Moroz.

Nesa altura quedou de manifesto meridianamente a postura da prensa ucraína. Se antes se amosaban preocupados pola desaparición do periodista – por sentido da solidariedade ou simplemente polo sensacionalismo do caso – agora centrabanse en criticar a Moroz. Ou se lle recriminaba ter gardado silencio antes, ou se lle acusaba de participar en manobras instigadas por inimigos do Estado: inclusive especulouse coa intervención tanto da “man de Moscova”como da de “Occidente”.

Algo semellante acontecía dentro do parlamento. Arredor do “caso de Moroz”, contra quen un tribunal distrital de Kíev, a solicitude do xefe da administración presidencial abrira unha investigación criminal, producíase un reagrupamento de forzas. Os que antes eran os inimigos decididos de Vitrenko agora amosábanse solidarios coa socialista radical e manifestaban o seu desentendimento polo feito de que ao caso de desaparición dun periodista se prestaba máis atención que ao atentado contra unha deputada e candidata á Presidencia.

A fiscalía xeral adicouse a investigar casos que, na súa opinión, revestían máis seriedade, por exemplo, detivo ao marido da viceprimeiroministro Yúlia Tymoshenko acusado de malversacións na compañía “Sistemas enerxéticos unificados de Ucraína”, anteriormente presidida pola señora Yúlia. Ésta, que no goberno respondía polo sector estratéxico de combustibles e enerxía e soubera poñer orde no sector, gañarase unha antipatía pouco disimulada do presidente Kuchma. Ao fin e ao cabo, en xaneiro foi destituída por él cando a Fiscalía a acusou de intentos de contrabando e outros delictos.

Sen embargo, o presidente, quen se viu obrigado a reunirse cos dirixentes do movemento de protesta “Ucraína sen Kuchma” que xurdiu a raíz do escándalo, prometera destituír aos dirixentes de Interior e da Seguridade, moi implicados na economía sumerxida, segundo ten comentado a prensa en varias ocasións.

No decurso desta “novela” soamente faltaba unha voz imparcial desde o exterior e a lanzou a organización internacional non gobernamental “Reporteiros sen fronteiras”. Segundo eles, Gongadze foi asasinado por motivos relacionados coa súa actividade profesional de periodista e cualificou de insatisfactoria a actuación do Fiscal Xeral. Tamén recomendou a suspensión da pertenza de Ucraína ao Consello de Europa se non se rexistran avances na investigación.