Unha viaxe polas rexións do Arco Atlántico: Limousin (Francia)

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Arrimada ó oeste do Macizo Central no interior da Francia e afastada dos grandes eixes de comunicación, Limousin é, sen embargo, parada obrigatoria no Camiño de Santiago francés.

A rexión histórica de Limousin coincide coa rexión administrativa-económica formada polos departamentos de Corréze, Creuse e Haute-Vienne, abranguendo un territorio de 16.942 Km2 e una poboación total de 710.931 habitantes.

Limousin ten a súa capital en Limoges, que lle dá nome ás porcelanas que lle proporcionan sona internacional á industria artesanal da rexión, célebre tamén polos seus tapices (Aubusson), acordeóns e tratamento do coiro e pel.

Xunto ó aproveitamento forestal e hidroeléctrico, a actividade agrícola e gandeira (gando ovino e bovino) é predominante e o sector agroalimentario ten os seus alicerces no viño e licores (tonelería de Corréze), nos chocolates e nos xabróns.

Fronte á tradicionalidade e a unha industria pouco desenvolvida, a rexión transfórmase collendo a man do porvir na alta tecnoloxía. Para iso creouse a ESTER coa misión de dinamiza-las empresas sobre 4 polos de competencia: cerámica industrial, biotecnoloxía e tratamento da auga, microondas e optoelectrónica.

A distribución sectorial das empresas, con predominio da pequena, é a seguinte: 3.912 na industria, 4.450 na construcción, 8.516 no comercio e 13.001 no sector servicios. As súas exportacións tiveron un valor de 8 millóns de francos no 2000, dentro dun comercio internacional centrado nun 80% dentro da U.E.

No tocante á distribución sectorial do emprego atopamos un 9%, 19% e 65,2% da poboación activa nos sectores primario, secundario e terciario, respectivamente, sendo a taxa de desemprego do 8,3% lixeiramente inferior á media nacional.

Nembargantes cómpre dicir que Limousin é, despois de Córsega, a rexión máis asistida polo Estado: 3.027 francos por habitante fronte ós 1.793 da media francesa, sendo seu P.I.B total de 82.633 millóns de francos (115.481 francos per cápita), o menor despois, tamén, da illa mediterránea.

O 4º Plano de Estado para a Rexión, 2001-2006, reflicte as prioridades da rexión nos próximos anos: posta en marcha dun programa de infraestructuras de comunicación para tirar proveito do contorno rexional; afortalamento da competitividade do territorio coa fin de crear maior riqueza; procura dunha maior cohesión do espacio rexional, especialmente coa introducción de políticas medioambientais territoriais. As tres liñas de acción terían as miras postas na mellora da situación do emprego, o desenvolvemento sostible, a contribución á cohesión territorial e a integración da poboación dentro do plano de acción para o territorio.

A rexión centra a súa promoción nun completo programa de turismo cultural e de natureza, apoiado na abundancia de monumentos megalíticos (Monts de Blond), mais especialmente nos seus “rañaceos”, altas torres de defensa medievais que remiten á Guerra dos 100 Anos, cando Limousin constituía a liña de demarcación das terras de Francia e o Reino de Inglaterra. Respecto ó turismo rural Limosin rexistra 135 das súas vilas na asociación Le Plus Beaux Villages de France, creada no ano 1982 para lle dar pulo á proxección turística das vilas francesas.

Inserida no circuíto de celebracións internacionais, Limousin organiza anualmente o Festival Internacional do Teatro Francófono e a Feira Internacional da Cerámica. O pasado mes de xuño, Limoges foi sede dos 1ºs Encontros Europeos dos Territorios de Acollida (días 14-15) e da 1 Feira da Instalación no Medio Rural (15-16), ámbalas dúas coa fin de potenciar o desenvolvemento local no medio rural, a instalación de novos agricultores e máis a presentación de proxectos emprendedores.