Unha viaxe polas rexións do Arco Atlántico

O Atlántico é o noso Arco

Dende agora e nos vindeiros meses imos facer un percorrido ó longo duns 2.500 quilómetros do litoral atlántico europeo, co obxectivo de achegarnos un pouco máis a esas rexións que comparten connosco un mesmo entorno xeográfico-rexional e, en ocasións, tamén características socioeconómicas e histórico-culturais. Descoñecidas e lonxanas en principio, comparten, nembargantes, uns mesmos obxectivos e dende 1989 tamén o marco institucional de colaboración do Arco Atlántico.

O movemento rexional europeo deu lugar dende os anos setenta a toda unha pluralidade de organismos interrexionais, algúns constituídos en auténticas Organizacións Internacionais, plasmación práctica tanto desa idea da Europa dos pobos como resultado das dificultades atopadas polas rexións para establecer un diálogo aberto e directo con entes superiores, particularmente a Unión Europea. Así, podemos citar, entre outras: a Conferencia de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa, a Asociación de Rexións Fronteirizas Europeas, a Asemblea de Rexións de Europa ou a Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas.

Esta última organización, que reúne a rexións desde Irlanda ata Estonia en defensa da periferia marítima, decántase na súa Carta Organizativa por unha definición ampla da perifericidade, abranguendo a tódalas rexións que consideren que forman parte da mesma, ben sexa xeográfica, económica ou politicamente.

Consecuente con esta visión, na Asemblea de Faro, celebrada en outubro de 1989, a C.R.P.M impulsa a constitución da Comisión Arco Atlántico que asocia, a través da cooperación horizontal sustentada nos contactos políticos, a 29 rexións pertencentes a cinco países ribeireños da fachada atlántica occidental europea: Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. A nosa Comunidade, xunto con Andalucía, Asturias, Cantabria, Castela e León, Navarra e o País Vasco, ten a oportunidade de desenvolver unha intensa colaboración con outras rexións con características semellantes a partir dunha situación litoral, periférica e en desenvolvemento: afastamento dos centros neurálxicos de decisión (o centro industrial europeo), menor nivel de vida, menor densidade de poboación, insuficiencia de capitais e tecnoloxías avanzadas, déficit en infraestructuras…

No seo da Comisión Arco Atlántico as rexións concertan as súas propostas comúns ás instancias comunitarias co obxectivo de definir unha política de desenvolvemento para reducir os efectos da perifericidade e valorizar, mediante a cooperación interrexional, as súas complementariedades, especialmente en todo o referente ó ámbito marítimo (o proxecto Hermeidón sobre a creación dun sistema de control do tráfico marítimo é un exemplo dunha das súas iniciativas) pero, de forma máis xeral, en todo o que atinxe ó ordenamento do territorio, incluíndo a promoción das empresas, da transferencia de tecnoloxía e a realización de todo tipo de infraestructuras, así como o turismo (o programa Atlantis, outro exemplo, agrupa a dez cidades do Arco nunha proxección común), a mellora do medio ambiente, a pesca e a acuicultura.

A Comisión reúne ós Presidentes ou delegados das instancias representativas das Rexións afiliadas á CRPM, e baixo a súa responsabilidade mantén contactos coa Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Comité das Rexións para viabilizar as propostas que elabora.

Se botamos unha ollada á caracterización deste espacio no conxunto de Europa, este preséntase como moi importante pois o Arco conta con preto de 60 millóns de habitantes que representan un 25% da poboación da Unión Europea e o equivalente ás poboacións francesa ou británica. A superficie que as rexións atlánticas representan en cada Estado é variable, correspondendo a España a maior proporción pois un 48% do país pertence ó Arco Atlántico, máis tamén lle corresponde a maior poboación 16,7 millóns de habitantes.

A estratexia que persegue o Arco Atlántico é a integración e a aceptación do "espacio atlántico" na elaboración do esquema de desenvolvemento do espacio europeo como unidade de desenvolvemento total. En suma, chamar a atención de Europa, por unha banda e, por outra, restablecer a vocación atlántica nas propias rexións, é dicir, identificar os interesados da outra beira que poidan aportar unha forte dose de dinamismo e de intercambio, tirar proveito das tradicionais relacións que unen á Península Ibérica con América do Sur e con África, con Francia e co Reino Unido, e con todo o continente americano coa fin de recuperar o protagonismo no diálogo trasatlántico e nos seus mercados. O obxectivo último sería acadar un modelo de desenvolvemento baseado nas tradicións de apertura cara o mundo, nos propios recursos e na capacidade de adaptación: un modelo organizado arredor do mar e do litoral.

Para Galicia é fundamental valorizar a súa condición marítima privilexiada, en termos estratéxicos, como factor de desenvolvemento permanente. Abrirse ó exterior aproveitando a capacidade de relación que nos permite a orientación cara ó Norte (Cornualles, Bretaña, Irlanda) e as posibilidades que ofrece a emigración galega establecida no continente americano. Os recursos e as potencialidades veñen dados, trátase agora de potenciar o tráfico marítimo, o cultivo de especies marítimas de calidade e a extracción de recursos minerais e vexetais. Desenvolvemento interior, desenvolvemento na Península, desenvolvemento rexional no eido do Arco Atlántico e desenvolvemento da relación americana.

É común remontarse á Historia e ós seus mitos para mellor debuxar as relacións do presente; así atopamos un pasado común galego-portugués na Gallaecia romana e ata a constitución no século XII do Reino de Portugal; así como tamén estiveron unidas a Gran e a pequena Bretaña; se indagamos na literatura galega atoparemos pronto a materia de Bretaña e o mito artúrico, o Atlántico celta. Pero máis interesante que recrearse nos vellos mitos é crear novos, porque ademáis estes soamente se constrúen cando as cousas marchan cara adiante.

Nesta ocasión non nos deteremos nas rexións españolas senón que abriremos a porta á cooperación transnacional a través dunha pequena viaxe polo presente destas rexións máis descoñecidas, dende a inmensa Aquitania, pasando polos indómitos Highlands ata o Norte portugués, moito máis próximo.

Listado das rexións



España1Andalucía
2Asturias
3Cantabria
4Castilla y León
5Galicia
6La Rioja
7Navarra
8País Vasco
Francia9Aquitaine
10Basse-Normandie
11Bretagne
12Centre
13Limousin
14Pays de le Loire
15Poitou-Charentes
Irlanda16Galway
Portugal17Alentejo
18Algarve
19Centro
20Lisboa & Vale de Tejo
21Norte
Reino Unido22Argyll & Bute
23Cornwall
24Devon
25Dumfries & Galloway
26Gloucestershire & South-Gloucestershire
27Hampshire
28Highland

29

Somerset