A saída arxentina

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O presidente Duhalde, xa fixou data para a saída oficial da crise arxentina. A chegada do crecemento, segundo as expectativas presidenciais, coincidirá coa patriótica data da festa nacional no 9 de xullo de 2002. A consultora Ecolatina estima que para conseguir este titánico obxectivo, como paso previo o goberno arxentino precisaría con urxencia, da chegada duns 23.000 millóns de dólares, dos que entre 13 e 14.000 estarían retidos, mais xa acordados en anteriores roldas bilaterais. Pero as negociacións dilátanse diante das novas esixencias do FMI.

A pesares de ter feitos algúns dos deberes propostos polo FMI como a aprobación dun orzamento restrictivo para o 2002, ou de rematar co dobre valor cambiario do dólar, as negociacións endurécense, mentres se botan sobre a mesa novas esixencias como a eliminación das moedas provinciais ou a adecuación do orzamento as previsións reais de ingresos. A vista da caída da recadación pola debacle recesiva, nos dous primeiros meses, a entidade que dirixe Hors Köhler considera insuficiente que só se reduza o monto global do orzamento nun 14%, a respeito do 2001.

Se non fose porque nos últimos dous anos os ministros de economía Machinea, e Cavallo tivesen errado clamorosamente ao predicir, coa mesma rigurosa seguridade, a fin da recesión…., as palabras de Eduardo Duhalde traerían unha pinga de optimismo a un país abatido pola fervenza de malas noticias económicas.

Sen embargo, si é certo que comezan a aparecer algunhas raiolas no negro ceo económico que cubre o Río da Prata. Hai poucos días o Instituto de Estudios Fiscais e Económicos (IEFE) daba a coñecer que por primeira vez en moitos anos Arxentina ía ter este ano superávit comercial, xa que a forte devaluación do peso posibilitaría un aumento do 8,3% das exportacións e unha mingua do 18,9% das importacións. Magoa que estas previsións cheguen cando o tecido productivo esta prodrecido, as empresas morrendo, os cartos atrapados no corralito, a inflación disparada e cando dende xaneiro de 2001 cada mes 70.000 mil persoas enche o nutrido vagón da pobreza.

Ninguén nega a importancia que para Arxentina teñen as relacións coas institucións financeiras internacionais, pero a maioría dos arxentinos saben que unha vez salvados os mobles do actual naufraxio, ten chegada a hora de construír unha renovada nave propia coa que surcar os traizoneiros mares da globalización.

Neste sentido apunta a Mesa do Diálogo, que baixo a tutela da Igrexa, acolle a máis de 300 organizacións representativas da vida política, social e cultural da Arxentina. A premisa fundamental sobre a que arma as súas propostas baséase na recuperación da confianza no país e nas súas institucións. Una nova clase dirixente e unha renacida constitución teñen rematar cos privilexios, coas arbitrariedades na administración dos planos sociais, coa corrupción dos tres piares da democracia (executivo, parlamento, e xustiza).

Un clima de confianza que sexa quen de facer voltar os máis de 100.000 millóns de $ en capitais que están en paraísos fiscais ou en entidades bancarias europeas. Se volvesen os depositos emigrados, de súpeto, remataríase o corralito e unha boa parte dos problemas nas duras negociacións co FMI.

Aínda que non o pareza, Arxentina depende fundamentalmente de si mesma, a pesares de ter perdido, en boa medida a capacidade de decisión nacional e de que semelle imposible por de acordo aos que non se consideran responsables da crise, aos que aún non a consideran o suficientemente crítica como para implicarse, e aos que fan sensatas propostas para ás que non existe orzamento.