A unión con Serbia divide a Montenegro

Despois da sinatura da creación da Unión de Serbia e Montenegro (USM), a coalición de partidos montenegrinos soberanistas apenas durou escasas semanas. A USM mudou radicalmente o esquema político montenegrino, asegura Milos Pavicevic en Monitor.

Tanto a Alianza Liberal (LSCG) coma o Partido Social-Demócrata (SPD) retiraron o apoio ao Partido Democrático dos Socialistas (DPS) de Djukanovic.

A grandes rasgos, o DPS viña sendo a forza máis significativa da causa independentista, a Alianza Liberal conformariase cunha autonomía, o SPD introducía unha escala de niveis entre ambas posturas que ata agora tiñan en común o rexeitamento da permanencia sen máis no que quedaba da antiga Iugoslavia unida. O apoio dos liberais ao goberno de socialdemócratas e demócrata-socialistas tiña como unica condición a organización dun referendo sobre o futuro de Montenegro.

Pero os liberais dubidan seriamente da disposición de Djukanovic de impulsar a celebración da consulta, cada vez máis presionado por Belgrado e Bruxelas para manter o Estado común. Aínda que na súa comparencia parlamentaria para explicar o acordo da USM asegurou que a independencia segue a ser unha causa "históricamente lexítima, unha condición necesaria para o futuro do país", numerosas voces consideran que carece de enerxía dabondo para impulsala e máis se trata dun fardo do que se pretende librar. O acordo de creación da USM foi ratificado no Parlamento co apoio do DPS e da oposición "Xuntos por Iugoslavia", unha extraña entente que dispara a perplexidade entre os sectores sociais partidarios da independencia.

A demisión do primeiro ministro, Filip Vujanovic, esixida polos liberais como condición para negociar hipotéticos apoios, e as divisións, difícilmente superables, provocadas polo acordo con Serbia conducen o país directamente a unhas novas eleccións lexislativas. A oferta de máis peso no goberno aos antigos coaligados non parece de recibo cando a estratexia que os mantiña unidos foi abandonada.