Arxentina, Gabinetes sen creto

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Na semana negra do 7 ao 13 de xullo, na que os depósitos caeran en 1.700 millóns de dólares, me entrevistaba co economista da CTA (Central de Traballadores Arxentinos), Claudio Lozano, na cafetería do Parlamento Arxentino. Na conversa irrompeu cordialmente un alto representante da cúpula empresarial para deixar a súa tarxeta e ofertar diálogo. O dirixente sindical, sorprendido polo novo talante patronal, virouse cara a min e confesoume, en voz baixa " Tamén os empresarios son conscientes de que xa se achega o final".

Dende que, en marzo Cavallo chegase ao goberno do seu paisano cordobés e adversario político, Fernando de la Rúa, xa circulaban rumores que ían dende Wall Street ata os departamentos de economía das Universidades, que catalogaban a Arxentina, como un caso perdido. Só sería posíbel gañar algo de tempo antes de entrar en coma, pero o crise era inevitábel.

Domingo Cavallo, aquel prodixio de neno precoz capaz de recitar de memoria as táboas logarítmicas, alarmado pola fuga de 2.000 millóns de dólares en cinco días, prohibiu retirar, en efectivo, máis de 250$ ou pesos semanais, aquel 1 de decembro. Neste intre, asumiuse colectivamente que o abismo abríase diante dos pés.

O empurrón definitivo para o despene arxentino deuno o FMI o 5 de decembro, cando se negou a liberar os 1.260 millóns de dólares pactados para decembro, a pesares do sobrehumano esforzo por pagar 770 millóns de dólares dos interese e prazos da débeda, para evitar o default.

No país que Clemenceau bautizara como a terra da oportunidade, as activas e cultas clases medias, dilúense con precipitación pola acción nociva da pobreza. En só dez anos a distancia na riqueza do 10% máis rico e do 10% máis pobre agrandouse en máis do 50%.

Sempre foi a envexa do continente, e agora asiste con estupor a morte por fame de cen nenos cada día. Olla con asombro o nacemento da FRENAPO (Fronte Nacional contra da Pobreza) para convocar un referendo voluntario no que participaron 2.000.000 de arxentinos, no que se demanda un salario para os cabezas de familia en paro e denunciar os efectos dun modelo, cuxo comezo sitúan no 1976 coa chegada durante a dictadura dos Chicago Boys.

Nas "Villas" que circundan a capital hai auténticos imperios sen máis lei que a das mafias e pandas. A maioría dos conductores optan por non deterse nos semáforos en vermello, temorosos de seren asaltados na parada. Durante os dous últimos anos o número de presos nos cárceres do ex-gobernador xusticialista Carlos Rukcauf, e agora chanceler, aumentaron de 14.000 a 22.000, cando o servicio penitenciario só está concibido para 8000 reclusos. Viven con luz, agua e alimentos racionados. Sen espacio, sen intimidade, sen posibilidade de estudio… en condicións degradantes propias dunha dictadura ou dun campo de concentración.

Tamén a igrexa no Documento do 17 de novembro de 2001, Carta colectiva ao pobo de Deus, denunciou esta situación límite." a crise inédita do país, a pobreza, a corrupción e o dilapido público, a inxusta carga da débeda externa (non se pode morrer por ter que pagar… a concepción máxica do estado, o liberalismo extremo da tiranía do mercado, a evasión de impostos, a falta de respecto a lei e o xeito de aplicala…nunha palabra a corrupción xeneralizada que mina a cohesión da Nación e nos desprestixia diante do mundo".

Quizais fosen os bispos quen mellor acertasen a captar a impotencia das xentes que nas eleccións do 14 de outubro, nunha porcentaxe superior ao 20%, decidiron expresar o seu descontento votando en branco ou invalidando as papeletas, nun fenómeno que se deu en chamar "Voto Bronca", para repudiar aos políticos insensibles, mediocres e corruptos.

Se fosen computados estes votos brancos, o Presidente Duhalde tería conseguido ,en outubro, o seu escano no senado cun exiguo 20% dos votos e Alfonsín cun insignificante 8%.

É practicamente imposible atopar arxentinos defensores da súa clase política. Non lles quedan argumentos. Dende hai tempo teñen unha imaxe nefasta dos gobernantes das tres últimas décadas, pero nunca pensaron que poderían evaporar, a tanta velocidade, as riquezas coas que a natureza regalou ao país, sen dar tempo a repoñer as arcas baleiras.

Cidadáns con paciencia esgotada que aínda en xullo, nun 72%, como acertada a meta do déficit cero e que no 77% aceptaba como necesario o pagamento da débeda externa.

Acertada, pois, a famosa frase do flamante Presidente Eduardo Duhalde "somos unha dirixencia de merda".

O primeiro obxectivo que enumera de cada novo presidente é a loita contra da pobreza.Mais a miseria avanza tragando a 2000 novos arxentinos cada día.

¿Que credibilidade queda do ex- ministro Machinea, que anunciou en xaneiro do 2000 que tiña rematado a recesión?. ¿Ou a Cavallo, quen na súa toma de posesión en marzo, prognosticou un crecemento para o 2001 ao redor do 4,5%? Cando só no 3º trimestre decreceu o PIB un 4,9%.

Crer na xustiza é un acto de fe gratuíto para os que lembran ao presidente Menem, violentando a legalidade, ao aumentar o número de integrantes da actual Corte Suprema, para poder controlala.

O deterioro humano, familiar, traspasa os aspectos sociais para afectar a a saúde física. Os psicólogos e psiquiatras teñen as consultas cheas dos que aínda dispoñen recursos para pagar. Doutores e odontólogos enchen as listas de doentes con tensionadas musculaturas maxilares contraídas, con dentaduras rotas, con trastornos gastrointestinais…

Desorientados, desconcertados e desnortados diante de gobernantes, co creto da credibilidade esgotado. Un día defenden a dolarización, outro día a covertibilidade e ao día seguinte declaran a súa firme adhesión a unha forte devaluación.

A finais de decembro, en só tres días, diversos ministros e gobernadores xusticialistas fixeron solemnes declaración públicas nas pasaron de considerar urxente e necesaria a emisión dunha cifra de 10.000 millóns de argentinos, a estimar acertado imprimir 15.000 millóns, para posteriormente deixalo en 4.000 millóns. Ao final o argentino abortou antes de nacer. Nun mesmo día Duhalde anunciaba en Bos Aires a devaluación, e Menem cualificaba en Chile a medida como nefasta.

O Titular do Banco da Nación encargado de levar tranquilidade ao sistema financeiro, foi cesado ás 24 horas do seu nomeamento.

No seno dos principais partidos, é posíbel atopar dirixentes que defenden a austeridade, considerando que fora do "déficit cero" non existe posibilidade de supervivencia , ou os que defenden políticas nacionalistas e populistas, cunha forte intervención estatal. Neoliberais ou keynesianos. Os que xutifican o cesamento no pago da débeda externa e os que consideran sacrilexio semellante ousadía.

No interior dos partidos os coitelos as espadas están sempre prestas para cortar cabezas de correlixionarios que compiten polos postos máis relevantes na política.

O presidente, por sete días, chegado de San Luís, posuía o activo de gobernar a provincia coas contas máis equilibradas e co menor índice de paro. Mais non se libraba das sombras que perseguen ao xusticialismo. Atribúeselle o control dos fíos económicos, o a afección pola intervención social que o levou a disolver colexios profesionais. De súa longa man de presións sobre os tribunais de xustiza foron víctimas dúas xuízas que investigaban asuntos relacionados con cargos do partido.

Durante a súa breve presidencia, o intendente de San Luís caeu fulminado da alcaldía pola negra sombra do irmán do presidente.

Corrupción adornada dunha ostentación insultante nos fastos cotidiás, nos restaurantes máis selectos nos que regan abundantemente as comidas cos máis selectos chanpagnes franceses…

Motivos suficientes teñen as empobrecidas clases medias para terlle retirado o creto definitivamene á dirixencia política. Cren máis na eficacia da sonora cacerola, desgastada polos golpes da rabia, como método de rexeneración do país que en políticos, xuíces, financeiros entre os que coñecen numerosas mazás podres.

A renovada política e o cuestionamento do modelo económico instalado dende a dictadura, serán os cimentos nos que poder asentar un novo sistema. O día 20 de decembro muchos arxentinos saían chorando coa constitución na man, implorando coas bagoas nos ollos unha nova Asemblea Constituínte.

Ninguén pode negar a responsabilidade da Débeda Externa ou da obstinada cegueira do FMI na hecatombe do Río da Prata, pero sería tamén de cegos negar que arxentina tamén está a podrecer. Moitas das causas da crise teñen orixe interna, aínda que só fose por exceso de submisión tal como recoñecía o ex-presidente Raúl Alfonsín: "Temos Perdido a capacidade de decisión nacional".