Colombia, da guerra relativa á absoluta

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Tres anos de vida durou o proceso de paz colombiano, sen cesamento total de hostilidades entre as partes. Tempo para un cúmulo de roldas negociadoras, sen máis resultado que a elaboración dunha axenda común de 12 puntos para a negociación. A pedra que se atravesou no camiño da paz é demasiado pequena como para darlle categoría de esmagadora do proceso. Uns controis exercidos polo exército da nación nas fronteiras periféricas dos 42.139 km2 da zona desmilitarizada, pactada para favorecer a distensión, non é motivo suficiente. O aletargado Plano Colombia, o descreto do proceso de paz entre os colombianos, o espectro do 11 de setembro, a mutación dos equilibrios do continente tras do seismo arxentino, o desprestixio do presidente, a fortaleza militar dos contendentes… , danlle máis coherencia ao motivo real da ruptura.

Andrés Pastrana non esgotou o período de vixencia da zona de distensión que expiraba o 20 de xaneiro e deu por finalizadas anticipadamente as negociacións.

Atrás quedan para a historia da esperanza afogada, estampas gráficas que mostraban ao presidente Pastrana paseando pola selva, en animada e cordial conversa á beira do vello guerrilleiro Manuel Marulanda, coa súa toalla branca arredor do pescozo.

O proceso levaba moito tempo en vía morta e a lentitude dos avances negociadores desesperaba aos colombianos, que se estremecían diante dos secuestros, tiroteos, masacres, desprazamentos colectivos por mor das accións armadas promovidas por paramilitares, FARC-EP e o exército. Nas últimas enquisas publicadas, a maioría da poboación piaba por un cese de hostilidades que fixese creíbel o proceso negociador. Tanto tempo para tan poucos avances, foi rillando a fe colectiva no proceso. A ruptura formal abre unha etapa que virá preñada da mesma sangue e destrucción que causou os case 40.000 mortos nas últimas catro décadas.

O proceso naceu con eivas importantes como a non fixación dunha regras mínimas para encarreirar a forma de negociación. O esquema de "diálogo de cúpulas", sen mediadores na fase inicial, que desgastou a o executivo de Pastrana encargado de negociar e ao tempo dar vida á negociación. A incapacidade de chegar a acordos nalgún dos 12 puntos da axenda etc.

Nos tres últimos meses acendéronse ao tempo, as luces verdes de ilusión que iluminaron os acordos de San Francisco de la Sombra, nos que se asentaban as bases para un alto o fogo e un cesamento de hostilidades das partes. E, ao tempo, as luces vermellas de alarma cando as FARC-EP suspenderon o 7 de outubro as negociacións, namentres o presidente Pastrana non retirase os controis militares establecidos nas fronteiras da zona de distensión, nos límites dos Departamentos de Caquetá e Meta, onde examinaba o paso de persoas e mercadorías.

O 28 de novembro un novo enorme obstáculo cruzouse no proceso de Paz, cando a Comisión de Asuntos Constitucionaies do Senado decidiu arquivar un proxecto de convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte, que incluía a participación de membros da guerrilla, para emprender modificaciones legais profundas no Estado colombiano.

Nestes últimos días, as FARC-EP elevaron o listón do entendemento ao introducir na negociación o punto do desemprego, como paso previo á calquera cese de hostilidades.

Un estraño episodio viñera a enturbar no verán o proceso de paz. Os irlandeses Martin John McAuley, James William Monaghan e David Bracken foran detidos en agosto de 2001, logo de regresar a Bogotá dende a zona neutral en poder de las FARC.

Os tres están acusados de pertencer ao Exército Republicano Irlandés (IRA) e permanecen no cárcere de máxima seguridade La Picota.

A Fiscalía investiga a participación dos tres cidadáns irlandeses na instrucción de guerrilleiros na utilización de explosivos e na fabricación de minas antipersonais.

Este feito serviu para que se erguesen cualificadas voces alertando de que as FARC-EP, estaban a aproveitar a zona desmilitarizada, para rearmarse e recrutar soldados para ás súas filas. De inmediato o presidente ordenou o establecemento zonas militarizadas nos territorios que bordean a zona de distensión, feito que foi interpretado polas FARC-EP como unha vulneración dos acordos de xaneiro do 99 e decidiu suspender as conversas, namentres continuasen as verificacións do exército e os vos da forza aérea sobre Meta e Caquetá.

É moi probable que as FARC-EP estivesen rearmándose, formándose militarmente e que captasen máis de 3000 novos soldados. Mais tamén ninguén dubida que o exército ten recibido o adestramento e equipos de alta tecnoloxía dos EEUU a través do cuestionado Plano Colombia para o que se teñen provisto 1.300 millóns de dólares.

Cara á potencia do Norte de América mira , o deputado Antonio Navarro, quen fora líder do M-19, a guerrilla que se disolveu tras dun exitoso proceso negociador. Navarro afirmou que EEUU está a premer ao presidente Andrés Pastrana para que endureza a súa posición diante das FARC. "Coido que na decisión de Pastrana influíu moito o entusiasmo co que EEUU acolleu a intención expresada polo mandatario de dar por rematado o proceso de paz. Para Washington, a existencia da zona de distensión era como unha espiña na gorxa’.

Enorme preocupación tamén nas palabras do candidato presidencial de Esquerda, Luís Eduardo Garzón, quen teme non só pola seguridade dos 98.000 habitantes da zona despexada, senón pola extensión do conflicto a todo o país. "Colombia quedou esposta a unha guerra absoluta tras da virtual ruptura do plano de paz,…. "Agora ábrese un escenario máis complicado para os colombianos, non só no económico e con miras ás eleccións lexislativas e presidenciais, senón porque imos dunha guerra relativa a unha guerra absoluta".

As únicas esperanzas están albergadas na comisión dos 10 países facilitadores entres os que figura nominalmente España, mantendo unha pasividade incomprensible. A máis activa é a diplomacia é a gala, que gaña prestixio a pasos axigantados en Latinoamérica, representada no grupo polo abatido embaixador de Francia, Daniel Parfait, sabedor do momento crítico do proceso, pero que non cesa de insistir "A busqueda dunha solución negociada, será finalmente a saída necesaria para o conflicto Colombiano".

Alleos a este pesimismo, e baixo o patrocinio de Fidel Castro, prepáranse na Habana novas roldas negociadoras coa outra gran guerrilla colombiana o ELN.