Golpe virtual: Cando baixan os cerros

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

No ton bíblico que Hugo Chávez adoita utilizar nas prolongadas homilías dominicais do programa Aló Presidente, xa profetizara "Ortega, Carmona e os medios están inmersos nun plan insurrecional que vai ter os seus riscos, pero non van ter éxito. Xa houbo un tempo no que baixaron os cerros, agora volverán baixar". Referíase o Presidente venezolano ao caracazo de 1989, no que un duro plan de axuste, impulsado por Carlos Andrés Pérez, provocara unha onda de violencia que se saldara con 1000 mortos. Os protagonistas da revolta descenderan das humildes barriadas de Petare, Antímano e Catia.

Revolución Light

Cando o fiscal xeral da República, Isaías Rodríguez, tomou posesión a finais do 2000, acumulaba enriba da mesa 1.130.000 expedientes por corrupción dos últimos 40 años. A loita contra da corrupta plutocracia, que malgastou, en 27 anos, 300.000 millóns de dólares do petróleo e un discurso rupturista baseado na redención dos pobres (80%), levara a Hugo Chávez á Presidencia.

A predicada Revolución Bolivariana ficou só na liturxia da retórica. Na praxe, a penas sobardou a socialdemocracia. Nin a propiedade, nin a empresa privada, nin o modelo económico, nin a liberdade relixiosa, nin os medios de comunicación… foron substancialmente modificados na constitución bolivariana, esmagadoramente aprobada o 15-12-1999.

¿Que aconteceu, entón, para que en tres anos e tres meses se fracturase o país?

Chávez careceu da mesura que se debe esixir ó presidente de todos. A súa lingua desafiante non contribuíu á convivencia. "Tremede oligarcas… berran coma porcos arrastrados…fomos dándolle paos agora imos darlle o knock out definitivo…demoleremos, esmagaremos estes fósiles da dictadura sindical… compre exorcitar algúns xerarcas da igrexa, levan o diaño dentro" son exemplos das turradas contra da patronal (Fedecámaras), sindicatos (CVT) e a igrexa. Entidades que ocuparan o baleiro dos partidos políticos volatilizados polas urnas.

Aínda tendo a lei e os votos soprando ao seu favor, faltou no Chavismo a intelixencia política para comprender a importancia que teñen as formas,. Un dos primeiros "mea culpa" entoados polo reposto presidente, foi laiarse por ter despedido á directiva de PDVSA (Petróleos de Venezuela), sen previo aviso, diante das cámaras da TV. O mesmo método empregara para cesar a 16 directores de entidades culturais estatais.

Pero a sobredose de crispación non foi patrimonio exclusivo de Chávez. Excesos en manifestacións como a do Bispo de Coro, Roberto Lucket "Podemos caer nunha dictadura constitucional, cousa peor que unha dictadura militar"; as de Vicente Brito (anterior presidente da Fedecámaras) "Está en xogo un proceso, estatista, neosocialista, militarista totalitario e contrario a democracia" ou no titular do xornal El Universal "Ku klux klan Patriótico".

Entre as elites (3% dos venezolanos), as clases medias (17%) e unha parte dos pobres desencantados foise subvertendo a escala de valores caendo nunha esquizofrenia representativa. Os que presentaban síndrome de adicción as urnas ata a fartura (seis procesos electorais gañados) resultaban ser os usurpadores da democracia por mor da dictadura virtual mediática. Pola contra, as cúpulas empresariais, eclesiásticas, sindicais e mediáticas que estaban a conspirar en manobras golpistas, autoconsiderábanse defensores das esencias democráticas.

É posible que por arrastrar o lastre de golpista reincidente, Chávez non sexa a persoa máis adecuada para condenar procedementos antidemocráticos. Pero dende que accedeu ao poder, agás no escuro lunar xurídico na disolución da CTV, respectou a legalidade, mesmo cando o Tribunal Supremo suspendeu as megaeleccións a só tres días da súa celebración perxudicando claramente as súas expectativas. Nin nos momentos máis difíciles optou por declarar o estado de excepción. Tampouco hai xornalistas encadeados e os medios de comunicación, que nun 80% son feroces inimigos do goberno, saen á rúa con normalidade.

Chávez internacionalista

Venezuela non é un sóviet. Ten aprobado leis como a de comunicacións e do gas natural que permiten privatizacións, modificado a lei de impostos para reactivar o investimento productivo ou eliminado tributos en sectores como o turismo.

A preponderancia gobernamental na sanidade, na educación e nos programas sociais posibilitou que Venezuela escalase catro postos no IDH (Índice de desenvolvemento Humano) elaborado pola ONU, sen tocar o beneficio empresarial. De xaneiro de 2001 a xaneiro de 2002 as ganancias da banca incrementáronse nun 129%.

As modestas taxas de crecemento destes tres anos fican entre as máis elevadas da América Latina. En 1999, ano no que Chávez accede ao poder, o PIB afundírase nun 7,2%, no 2000 medrou un 3.5%, no 2001 un 2,8% e para o 2002 o FMI ven de facer pública a súa previsión do 0,8%, unha décima máis que a media estimada para o mundo latino en América. O nivel de débeda externa é envexado no continente, reduciu a inflación e duplicou a reserva de divisas.

Mais onde Chávez Frías resulta realmente incómodo é na súa dimensión internacional.

Preside dente xaneiro o G-77 que agrupa a 135 países en vías de desenvolvemento.

Mantén unha estreita relación con todos os países do Caribe, entre eles Cuba, aos que subministra petróleo subvencionado. Formando pinza con Cardoso trabou o intento norteamericano por adiantar o ALCA (Area Libre Comercio das Américas) a xaneiro do 2003. Recea do Plan Colombia. Denuncia as crecentes desigualdades mundiais que a xera a globalización neoliberal. Mantén privilexiadas relacións con prestixiosos intelectuais de todo o planeta, coas organizacións políticas latinoamericanas á esquerda da socialdemocracia. Condenou a barbarie do 11-S pero criticou os ataques indiscriminados en Afganistán mentres ensinaba fotos de nenos escachizados por bombas acios…

Preocupa a capacidade de incidencia nos prezos da OPEP, na que Alí Rodríguez ocupa a Secretaría Xeral. Se en 1999 o barril cotizaba a un prezo medio de 16,04$, no 2000 por mor das súas mediacións xa era de 25,91. Cando o petróleo volveu baixar no 2001 ata os 15,85, realizou unha xira lostrego por 15 países da OPEP para coordinar actuacións cara a recuperación dos prezos que xa superan os 20$. Por riba nas súas estimacións orzamentarias do 2002 en 18,5$.

Contra deste perfil internacionalista foise tecendo o que os analistas denominan un CBI (Conflicto de Baixa Intensidade).

Diante do parlamento o presidente recoñeceu que o 2002 ía ser un ano duro. O prezo do cru baixara ata os 14$ provocando un déficit de 18.000 millóns de dólares. Presentaran a renuncia os embaixadores nos EEUU e no Vaticano. Abandonaran ministros clave como Miquelena… Reaccionou cun axuste aplaudido pola ortodoxia do FMI, recortou o orzamento nun 22% e deixou flotar o bolívar que perdeu un 25% do valor.

O clima parecía propicio para acelerar a desestabilización e compría darse presa porque o prezo do barril repuntaba. Cada dólar incrementa os ingresos do estado en 1000 millóns de dólares.

Paralelamente, en febreiro, Donna Hrinak é relevada na embaixada dos EEUU por Charles S. Shapiro, un dos diplomáticos especializados en desestabilizar gobernos centroamericanos e patrocinar conspiracións.

Para conseguir o clímax do 11-A, á semellanza do 11-S-1973 chileno, foi decisivo o financiamento patronal das exitosas folgas nas que os traballadores cobraban os salarios sen descontar a falta. Tamén como en Chile os principais militares implicados, Efraín Vasquez e Héctor Rodríguez, foron alumnos da Escola das Américas, pola que pasaron case todos os dictadores do continente para aprender a doutrina da Seguridade Nacional.

O post-golpe

O fracaso do primeiro golpe no que participa EEUU dende 1976 (agás o caso haitiano) vai mudar dinámicas políticas no interior e no continente.

Saíu tocada a política a acción exterior norteamericana na América Latina. Negar a implicación na conspiración carece de consistencia logo de comprobar os parabéns ao exército no día posterior ao golpe, ou as liñas de argumentación expostas no seo dos organismos internacionais.

EEUU e España terán no futuro unha menor autoridade moral nas esixencias a Venezuela dunha maior transparencia democrática. Países como Guatemala, Haití ou Arxentina que estaban la lista dos candidatos á desestabilización poden coller folgos durante un tempo. Para José Dirceu presidente do PT (Partido dos Traballadores Brasileiro) os acontecementos de Venezuela "significan unha derrota para o liberalismo, unha lección histórica para América Latina. Xa non pode derribar gobernos lexítimos de esquerda".

Norteamérica vai ter que pagar un prezo maior no obxectivo do librecomercio continental que se reflectirá no ALCA. Especialmente se o 20-O, tal como avanzan as enquisas, Lula accede a presidencia do xigante brasileiro.

Dentro do país a ola segue a ter moita presión pero o 11-A levantouse a espita que escaldou moitas cartas ocultas.

As poucas decisións de Carmona foron suficientes para que a CTV se considerase traizoada, para que os militares golpistas do exército de terra se sentisen relegados, para que os intelectuais críticos cos bolivarianos como Teodoro Petkoff e Jorge Olavarría, arremetesen furiosamente contra a oligarquía que asumira a dirección do país.

No plano político, Acción Democrática integrada na internacional socialista, que cos seus 33 escanos lidera a oposición, quedou deteriorada ao saberse que Daniel Romero, secretario particular de Carlos A. Pérez estaba ás ordes de Isaac P. Recao o magnate situado no cume da pirámide golpista. Nunha primeira fase poden manter a unidade na defensa da deslixitimación do actual goberno, pero as tensións internas que agora só se expresan en prolongadas reunións internas do Comité Executivo Nacional aboiarán. Cualificativos como os que segue a utilizar o secretario xeral Rafael Marín dirixidos a Chávez. "Caudillejo, sargentico, dictador, cobarde, matachín, matarife…" con seguridade van atopar menos comprensión internacional, logo de que algúns socios estranxeiros quedasen en evidencia tras do inexplicable silencio post-golpe.

Se Alfredo Peña, alcalde maior de Caracas e rival con máis posibilidades de enfrontarse a Chávez nunhas hipotéticas presidencias, resultase finalmente implicado nos turbios episodios da mantanza de Miraflores, quedaría descartado para futuras contendas.

A igrexa que posúe unha infinita capacidade de adaptación a novos tempos, saíu salpicada coa colaboración de Mons. Velasco, pero pode aceptar entrar nun período de diálogo e converterse un factor de distensión se o goberno tende a man.

Proseguen os medios de comunicación ligados aos grandes grupos económicos na súa estratexia tensionadora, actuando como se estiven na "Dictadura Constitucional Chavista". Seralles difícil recuperar a fe que lle profesaban as clases medias e reconquistar o creto internacional perdido.

Quizais a decepción sufrida pola traizón á que foi sometida a CTV propicie un cambio de signo cara a tender pontes cara ao dialogo e a negociación, como xa manifestou Ortega.

No exército é onde máis difícil vai resultar recompoñer as feridas pola cantidade de membros que actuaron ao servicio de Carmona durante os dúas días. Dentro do contexto latinoamericano as forzas armadas venezolanas son das menos ideoloxizadas, proveñen na súa maior parte dos sectores mediobaixos. Ter caído na tentación de implicarse no golpe racha cunha tradición de máis de catro décadas de lealdade constitucional.

Chávez, sae momentaneamente reforzado. Pósters xigantes coa súa figura inundan as barriadas humildes e a popularidade que se situaba en niveis do 30% ten subido alomenos 10 puntos. Moi por riba da de calquera dos opositores e da maioría dos presidentes do continente. Dispón dunha pequena marxe para exercer a xenerosidade da que só gozan os vencedores.

Dende o milagrosa resurrección presidencial ao terceiro día mantén acesas dúas velas. Unha de gratitude polos cerros que baixaron para defendelo; a outra resérvaa para suplicar que se manteña ou suba o prezo do petróleo. Para un país no que o 50% do orzamento se cubre con ingresos pola venta de cru, é crucial.