Máis perdas para Putin

O anuncio do envío de tropas de Estados Unidos á Xeorxia post-soviética disparou de novo as alarmas en Moscovo, especialmente en medios militares. A raíz do 11 de Setembro, Putin falou dunha nova alianza con Washington para loitar contra o terrorismo no que se interpretou como un novo xiro na súa política exterior: apoio total á Casa Branca na súa cruzada universal a cambio de silencio e comprensión na loita contra o independentismo checheno. Semella pouca cousa a obtida a cambio habida conta que as críticas occidentais á política rusa no Cáucaso foron sempre máis ben cativas e comedidas e que Estados Unidos logra o parabén para instalarse en Asia central, nun territorio antes vetado á súa presencia. ¿Serán eses os seus novos límites?

Argumentando primeiro a delicada situación existente no val de Pankisi e despois a fragmentación de boa parte do seu territorio por un tridente malévolo de mafia-terrorismo-secesionismo, quen fora ministro de asuntos exteriores da ex-URSS, Eduard Sheverdnadze negociou de costas ao Kremlin un acordo para acoller a varios centos de instructores militares norteamericanos. Ata agora os intentos xeorxianos de aproximación a EEUU e á OTAN atopaban sempre co veto de Rusia, pero a loita antiterrorista brinda a excusa perfecta para levar adiante unha operación destas características, impensable hai uns meses. Despois de Xeorxia podería ir Azerbaidzhan, que volta a súa mirada cara Turquía, o que suporía un duro revés para a estratexia rexional rusa na Transcaucasia.

Cómpre ter en conta que toda a rexión do Cáucaso ten para Moscova un interese político e simbólico de gran importancia, pero tamén económico e estratéxico polas súas implicacións no futuro das alianzas en marcha para por en explotación os enormes recursos enerxéticos da rexión. Por outra banda, para o Kremlin, Xeorxia, que nunca foi un veciño fácil para os rusos polas súas aspiracións a ostentar sen padriños o liderato rexional, era o floco máis feble do novo eixe prooccidental na zona, e aínda conserva unha importante presencia militar rusa. Nas cinco bases existentes no seu territorio residen uns quince mil soldados que non desexa retirar. En 1999 aceptou a evacuación de dúas delas, pero procura alongar os períodos e reconvertir os seus cometidos.

En medios militares rusos irrita sobremaneira que en Tblisi se opte por establecer unha alianza cos norteamericanos cando sistematicamente veñen rexeitando toda posibilidade de actuación conxunta coas tropas rusas no val Pankisi. Neste val instalaronse, segundo Moscova combatentes chechenos, segundo Tblisi, ademais dun numero reducido de combatentes, cidadáns kistes de Xeorxia. Os kistes son unha rama do pobo checheno que simpatiza tamén co wahabismo. O brazo dereito de Salman Raduev, mítico comandante checheno, é Alexi Aavtarachvili, un kiste xeorxiano. Rusia acusa a Xeorxia de ser a responsable do prolongamento da guerra chechena e por iso utiliza múltiples formas de presión: dende violacións do espacio aéreo ata a introducción do réxime de visados e, sobre todo, apoio incondicional aos abxases que loitan contra o goberno de Tblisi. Xeorxia acusa a Rusia de ser a principal responsable da súa fragmentación en catro cachos: Osetia do Sur, Abxasia, Adzaria e o resto do territorio e por iso lle nega sistematicamente a posibilidade de autorizar a intervención das tropas rusas estacionadas no seu territorio na guerra contra Chechenia.

A río revolto, ganancia de Estados Unidos. Vladímir Putin, a pesar do seu discurso inicial a prol da recuperación rusa, segue acumulando no seu haber novas perdas. ¿Realismo ou submisión? De Chechenia a Occidente, ven sendo víctima dos seus propios degoiros.