O golpe que dicía non ser

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Cada día que pasa, o 11-A venezolano aseméllase máis ao 11-S. Pero non ao arrepiante 11-S do 2001 senón a aquel macabro 11-S do 1973, cando os EEUU culminaron unha campaña de acoso e derribo sobre a legalidade democrática vixente en Chile, representada no Presidente Salvador Allende.

Afortunadamente, no caso do país do Orinoco non tivemos que agardar 25 anos para que se desclasifiquen os documentos secretos da CIA que testemuñasen a implicación directa da administración norteamericana na intentona caribeña. O seu estrepitoso fracaso vai permitir coñecer en fresco a conspiración antidemocrática na que participaron os medios de comunicación venezolanos, os empresarios, a igrexa, a embaixada norteamericana, a corrupta central de traballadores venezolanos (CTV), as forzas armadas e intelectuais desafectos ao goberno.

O 11 de abril asistimos abraiados o golpe que se negaba a si mesmo. Un golpe virtual que dicía non existir.

Para aqueles que vivimos en Venezuela, nos EEUU ou no Estado español durante dous días comprobamos a consciente omisión do termo Golpe de Estado na inmensa maioría dos medios de comunicación. Goberno de transición, gabinete cívico-militar, executivo de restauración democrática eran os edulcorados termos utilizados para agachar a evidencia da ruptura da legalidade democrática. Inicialmente tivemos que votar man dos máis importantes medios de comunicación europeos e latinoamericanos para atopar con claridade a condena ao golpe de estado que crebaba a orde constitucional representativa en Venezuela.

Sabiamos dende hai meses o que se estaba a cocer. En novembro publicamos no Canal Mundo un artigo baixo o título ¿Golpe a Chávez?, coñecedores do ruído de sables no seo do exército. Divulgáranse os contactos entre o Stablishmen e a ringleira de opositores que peregrinaban a Washington con diferentes proxectos viables para apartar a Hugo Chávez do poder moito antes de que o New York Times os dera a coñecer. Por certo, xornal que saudou aos golpistas asegurando no editorial que libraran a Venezuela dun potencial dictador. Non eran contactos secretos, os opositores facíannos públicos nos medios de comunicación venezolanos como unha estratexia para demostrar a súa fortaleza internacional e o illamento de Chávez.

Certo que nestes meses previos Otto Reich, exiliado cubano da liña dura e subsecretario de estado para asuntos hemisféricos, nunca apoiou publicamente un golpe de estado, pero manifestaba estar disposto a outras formulas que conseguisen o obxectivo de eliminar da escea a Chávez.

O Presidente venezolano era molesto, non tanto pola política interior, como pola política exterior na que era un incomodo obstáculo para os grandes planes inmediatos dos EEUU no continente- o Plano Colombia, a Alianza Libre Comercio das Américas (ALCA). A nivel mundial, Chávez convertérase dende xaneiro no Presidente do G-77 que agrupa a 135 países mundo en vías de desenvolvemento, conseguira coordinar aos estados da OPEP para elevar o prezo do barril de cru dende os 8 dólares ata os 25, alzou a voz contra dos ataques indiscriminados a Afganistán, convertérase nun dos apóstolos máis activos no predicamento dos males da actual globalización liberal…Este si que era o Chávez máis incómodo que se atravesaba no camiño do unilateralismo dos EEUU.

Os erros de Chávez son evidentes: o seu progresivo illamento, as sucesivas fracturas no executivo e no grupo parlamentario, o seu verbo agresivo, as escasas dotes diplomáticas para atopar a concordia nacional, a coparticipación na división encarnizada da sociedade.

Pero estes argumentos non poden ser exhibidos por demócrata ningún para apoiar un golpe de estado militar. Chávez chegou polas urnas, Chávez deberá irse polas urnas, só cando o pobo así o decida.

O acoso ao que foi sometido era de primeira orde. Os empresarios da Fedecámaras, co apoio da CTV convocaban exitosas e sucesivos paros nos que os folguistas cobraban o mesmo que se fosen traballar. Padeceu a insaciable turrada do 80% dos medios de comunicación que o trataban como un usurpador do poder, un dictador. Chamaban a desobediencia civil, deslixitimaban a súa presidencia a pesares e ter saído victorioso de seis consultas electorais dende que o 6 de decembro de 1999 gañara as elección á xefatura do estado venezolano. Na igrexa atopou descualificativos como o pronunciado polo presidente da Conferencia Episcopal Mons. Baltazar Porrás que afirmaba preferir unha dictadura militar á dictadura constitucional bolivariana.

Pouco a pouco foise creando un pensamento único que só contemplaba a saída de Chávez por calquera método. Quizais por isto, todo o conglomerado opositor non acerte a entender a condena internacional do golpe de estado (agás as consabidas excepcións dos EEUU, España e Colombia).

Durante a marcha do 11 de abril, que mudou o seu destino inicial para dirixirse ao Palacio de Miraflores, os canais privados de TV converteron a xigantesca manifestación contra Chávez nun referendo que lexitimaba a súa destitución. Presentaron os efrontamentos diante da residencia presidencial como unha carnicería dos chavistas, cando houbo mortos dos dous bandos (Un deles o chofer do vicepresidente Diosdado Cabello). Puxeron o grito no ceo cando Chávez pisoteou a liberdade de información e ordenou pechar a emisión dos canais de TV privados que viron interrompidas á súa programación durante cinco horas. Pero calaron cando foi pechado o oficialista Canal 8 durante o mandato de Carmona "O breve" durante 24 horas.

Cualificaron de masacre a sanguenta represión e os mortos do día once, pero silenciaron sen unha soa imaxe nin palabra a brutal carnicería contra dos chavistas que baixaban dos cerros para defender a revolución bolivariana durante o sábado e que se saldou cun número de mortos cualitativamente maior.

Coas todas as cartas bocaarriba Venezuela dispón dunha oportunidade de ir tapando as fendas da fractura social. É o momento das rectificacións, Chávez foi o primeiro en recoñecelo, pero só respectando as regras do xogo da representatividade popular se poderá por os cimentos dunha convivencia en paz. Os silencios interiores e exteriores son a peor contribución na procura deste obxectivo.

Non compre ollar só para EEUU. En Galicia e no resto do Estado, durante o post-golpe percibimos algúns mutismos aos que se lle pode atopar explicación, que non xustificación. A outros nin siquera iso.