Cosova: tres novas e unha reflexión

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

Tomemos un día, de xeito máis ou menos aleatorio, nas noticias publicadas nunha área na que conviven distintas comunidades despoxadas de soberanía cun ocupante estranxeiro. A área é a ex-Iugoslavia. O día, o pasado venres 8 de novembro. A fonte, Radio Iugoslavia, que cada día fai unha escolma das noticias recollidas en diversos medios iugoslavos.

A primeira noticia, do ámbito local, informa de que preto de 2000 albaneses de Cosova teñen rodeado o Concello de Novo Brdo en protesta pola súa desconformidade cos resultados das eleccións administrativas, nas que obtivo a maioría a comunidade serbia. Os incidentes impiden a elección do presidente do Concello. O edificio permanece protexido dende hai días pola misión civil da Onu en Kosovo, UNMIK, e a policía local.

A segunda noticia atinxe ó proceso de redacción da Constitución da nova comunidade estatal de Serbia e Montenegro, que tras meses de discusións aínda non concluíu sequera o modo en que deben ser elixidos os deputados do futuro Parlamento serbo-montenegrino. A reseña di que o Parlamento de Cosova ven de aprobar unha Resolución que proclama inaceptable e non-válida a "disposición de proposta" da Carta Constitucional de Serbia e Montenegro que fai a Cosova parte integrante de Serbia. A Resolución aprobada polos partidos albaneses subliña que o estatuto final de Cosova debe ser definido ulteriormente por parte das "¡nstitucións democráticas e do pobo albanés en colaboración coa Comunidade Internacional". As bancadas foron abandonadas polos 22 deputados da coalición serbia "Retorno" cando a súa remisión á Resolución 1244 da ONU foi rexeitada. Na mesma nova recóllense as verbas do xefe da UNMIK, Michael Steiner, que suxire ós deputados de Cosova que non se ocupen da disposición proposta, xa que "non é da súa competencia". Steiner di que, coa Constitución aínda sen rematar, Cosova segue sendo un Protectorado Internacional.

As novas do día recollen tamén as valoracións do enviado especial da ONU para os Dereitos Humanos na ex-Iugoslavia, José Cutillero, que informa de que aínda non hai "éxito" respecto ás tumbas de masas, e que a lei sobre o Ministerio do Interior de Serbia e Montenegro non será aprobada mentres a colaboración co Tribunal da Haia sexa considerada insuficiente. Cutillero declárase satisfeito en canto a que se rexistran menos incidentes de base étnica en Cosova, pero engade que as condicións para o retorno dos desprazados non se crearon aínda.

As tres noticias teñen como pano de fondo a cuestión non resolta do estatuto de Cosova e Metohija, só parcialmente oculta pola esquizofrenia administrativa que se da na aínda provincia serbia tralas eleccións á Asemblea provincial en novembro de 2001, primeiras en 12 anos ás que concorreron xuntos serbios e albaneses. Desaparecida a República Federal de Iugoslavia "RFI-, a única referencia para o estatuto de Cosova é a Resolución 1244 do Consello de Seguridade da ONU, que describe Cosova como parte integrante, cunha "autonomía substancial", de Iugoslavia. En tanto que o acordo de marzo pasado, polo que Serbia e Montenegro son o Estado sucesor da RFI, especifica que se Montenegro deixa a Unión, os textos internacionais e a Resolución 1244 se aplicarán a Serbia. Cosova segue sendo Serbia.

Pero dado que Serbia e Montenegro debe se-lo primeiro Estado creado con data de caducidade, e que Cosova é cada vez máis, e a pesar da súa Asemblea, un "protectorado evolutivo", é dicir, con vocación de perdurabilidade, o cumprimento e mesmo a interpretación da Resolución segue posposto indefinidamente. Trátase dun problema fundamental: onde non hai soberanía, non se sabe "quen" ten que cumpri-la Resolución. Nin Serbia ten xa o control sobre Cosova ,-e apúntase a presións internacionais sobre Belgrado para que Cosova-Metohija sexa excluído da Constitución que agora redactan-, nin a Asemblea ou Parlamento provincial de Cosova é un referente válido, xa que tódalas súas decisións son supervisadas (o que inclúe o poder de anulación) pola UNMIK e a OTAN, a través da KFOR. Michael Steiner especificoulle xa á Asemblea de Cosova que durante toda a súa lexislatura, de 3 anos, o estatuto da provincia non será modificado, advertencia tamén a Serbia para que renuncie aos seus dereitos sobre a rexión e siga adiante na redacción dunha Constitución pantomima.

"Xa sexa como protectorado ou acadando a independencia, Cosova non volverá a Serbia", aseguran altos cargos da UNMIK. Cosova, de feito, xa non é Serbia: unha das primeiras cousas que fixo a UNMIK foi substituí-lo dínar serbio polo marco alemán, pero nos tres últimos anos se teñen implantado novas matrículas, selos e licencias de telefonía; creado unha pseudo policía (a TMK, a partir da UCK) que serviría de base ó Exército dun futuro Estado e lexitimaría ós outrora terroristas; a UNMIK ten establecido tamén un departamento ministerial, "Non Residents Affairs", que exerce disimuladamente de Ministerio de Asuntos Exteriores de Cosova.

¿Independencia? Fontes da UNMIK, con mandato prorrogable pola ONU ano a ano veñen dicindo dende hai tempo que "é impensable tecnicamente que Cosova sexa autónomo porque os albaneses non son quen de xestiona-la rexión", sumida agora nun"perigo afgano", segundo a OTAN, a pesar de que os Estados Unidos teñen alí unha das súas bases máis grandes e punteiras (Camp Bondsteel), creada xa a principios de 1999 para ser unha das máis importantes en Europa. ¿Independencia?, de Serbia, quizais si.

"A Europa suroriental non representa xa o territorio dos desencontros e conflictos, senón o símbolo dun mercado potencial de preto de 55 millóns de persoas, onde tódolos países, por primeira vez na historia, teñen gobernos elixidos democraticamente, entre os que existe o consenso sobre o obxectivo común de integración en Europa e a admisión na Unión Europea". Esta é a conclusión, que pecha estas novas do venres 8 de novembro, do coordenador especial do Pacto de Estabilidade para Europa Suroriental da UE, Erhard Busek, e do primeiro ministro serbio, Zoran Djindic, ó remate da Conferencia "Nova época da Europa Suroriental" celebrada en Bruxelas. Semella que descoñecen todo o anterior, non obstante sexan as novas de tódolos días.