Washington contra Chávez

Hugo Chávez vive momentos de certo apuro. Ás acusacións de Washington de apoiar a guerrilla colombiana (a él que tanto axudou a Pastrana a pór en marcha o proceso de paz) e de desestabilizar a rexión co seu "verbo encendido" e pouco menos que o mundo coas súas visitas a países do "eixe do mal" e colaterais, sumouse agora o pronunciamento do coronel Pedro Luis Soto Fuentes, catalizador dende as propias filas militares de certo descontento social pola marcha do proceso bolivariano, segundo uns, e proba de ensaio para medir a reacción nos cuarteis ante un hipotético golpe, segundo outros.

Resulta evidente que Chávez non causou nunca excesiva simpatía na Casa Branca. Sen pelos na lingoa (e algo de "vello" é sempre convinte nas artes diplomáticas), fronte á mensaxe daqueles que dende o primeiro momento falaron de incertidume a respecto do futuro do país inquietando a boa parte de inversores, conseguiu nestes anos, favorecido pola bonanza petroleira, méritos importantes: un lixeiro repunte da economía, incremento dos salarios de traballadores e pensionistas, extendeu a seguridade social e reduciu a inflación no 2001 ao seu nivel máis baixo en 16 anos, lembra Angel Guerra en La Jornada. Pequenas victorias arrancadas ao dogma neoliberal aínda sen alterar para nada a naturaleza do sistema económico vixente, pero orientadas nunha triple dirección preocupante: o afianzamento dunha política independente, a formación dun polo de poder autónomo en América Latina e a reforma das estructuras económicas e sociais dun país que sendo o terceiro exportador mundial de crú e coas maiores reservas despois de Oriente Próximo, mantén a amplas capas de poboación na miseria máis absoluta. En Venezuela, o Estado é rico e a poboación pobre, afirmou Uslar Pietri.

Chávez ten boas intencións pero en política case nunca son suficientes. Tres anos despois da súa elección á fronte dunha ampla coalición de esquerdistas, sindicalistas e populistas de ascendencia castrense e, non o esquezamos tampouco, de sete ratificacións democráticas consecutivas nese mesmo periodo, Chávez ten demasiadas frontes abertas, incluídas as do seu propio movemento, con demisións sonadas nas últimas semanas (embaixadores en Estados Unidos e ante a Santa Sede, Luisa Romero, o veterano Miquilena). En Washington toman boa nota das fendas que se abren e quizáis pensando no modelo chileno, a embaixadora de Estados Unidos en Caracas, Donna Hrinak, aplaude a mobilización empresarial, a mediática, a da nomenclatura sindical e todas as habidas e por haber para acabar con Chávez, esa espiña atravesada na gorxa do continente, como dixo un funcionario do departamento de Estado norteamericano.

Chávez é un nacionalista indiscutible á fronte dun proxecto ambigüo en numerosos dominios, sen moita precisión nin claridade. Quizáis non leve ao suicidio a unha nación como afirmou Vargas Llosa, pero ese mesianismo que o invade e do que tan boa conta deu García Márquez corre o perigo de desembocar na cegueira dun autoritarismo inaceptable e liquidador da esperanza que supuso o chavismo se non atopa mellor fórmula que a radicalización do proceso para neutralizar esas oposicións crecidas. Venezuela vive polarizada en exceso. Sen abdicar da súa singularidade no panorama político latinoamericano, Chávez necesita con urxencia consolidar consensos en apoio das súas propostas e reconstruir o discurso interno desa ampla coalición que o levou á Presidencia. Non basta ser o mais popular "ou o menos impopular- . A fin de contas o verdadeiramente exitoso do seu proxecto é que poida quebrar a corrupción endémica deste país e redistribuir dereitos e poder a favor dos sectores tradicionalmente excluidos e desfavorecidos, en democracia. Porque outras democracias son posibles.