Congo: altos beneficios da guerra

Despois de iniciar un fráxil proceso de paz, o Congo volveu a sufrir novos conflictos na rexión este. O informe presentado por un grupo de expertos da ONU provocou numerosas declaracións.

O secretario xeral da ONU, Kofi Annan, preguntado por un informe difundido o pasado 21 de outubro sobre o Congo, pediu á comunidade internacional que tome medidas para por fin á explotación de recursos naturais e outras formas de riqueza na RDC, por parte de empresas e estados estranxeiros, que obteñen altos beneficios do conflicto na rexión.

O informe, elaborado por un grupo de expertos da ONU, recomenda impoñer restriccións financeiras a 29 empresas con intereses en Congo e con sede en Bélxica, Ruanda,Zimbawe, o propio Congo e Sudáfrica. Por outra banda, o informe menciona directamente a 54 persoas con altos cargos aos que recomenda que se lles impoñan restriccións financeiras asi como a prohibición de viaxar. Entre os mencionados destacan o Ministro da Presidencia de Congo, Agustin Katumba Mwanke, o antiguo Ministro de Minas, Kibassa Maliba, e o embaixador de Congo en Harare, Mwana Nanga Mawapanga. Preguntado pola responsabilidade dos gobernos estranxeiros na protección dos recursos do Congo fronte ás empresas citadas no informe, Annan declarou que "tén a esperanza de que favorezan a imposición dun embargo ás exportacións de Congo, se realice unha prohibición directa destas prácticas e os gobernos se responsabilicen das accións das empresas rexistradas nos seus respectivos países".

Tras a presentación do informe e nun intento de frear o conflicto na rexión, o enviado especial do Secretario Xeral da ONU para a Rexión, Moustapha Niasse, comezou unha nova ronda de conversas coas diferentes partes. Estas reunións, mantidas en Pretoria e co apoio da Unión Africana e o goberno de Sudáfrica, buscan chegar a acordos que faciliten unha transición política que poña fin á guerra en Congo.