Rusia na Otan

Nada mais regresar do seu periplo europeo, George Bush, ou o señor W como di o Presidente cubano, presentouse na academia militar de West Point para participar nunha cerimonia de graduación e anunciar o principal avance do diálogo cos seus aliados e antigos inimigos: a partir de agora se reserva o dereito de atacar sen previo aviso a "terroristas e tiranos". Un novo signo da fin definitiva da guerra fría: non será necesario anticipar información a ninguén (nin a Europa nin a Rusia, as víctimas non contan naturalmente) e, pola contra, todos deberán informar a Washington de canto poidan saber. Esa é a orde internacional na que os feitos deben sucederse a partir de agora: primeiro actuamos, logo informamos, do que proceda informar.

Paradoxalmente, uns días antes, en Roma, a OTAN quería amosarnos todo o contrario: un foro de diálogo con Rusia, en pé de igualdade, para afrontar os novos problemas e as novas crises, cun nivel de confianza e aproximación impensable hai uns meses, pese a tantos avances de Rusia cara á sacrosanta economía de mercado que só agora, oficialmente, se recoñece, a sabendas de que hai máis selva que mercado na maltreita economía rusa.

De Kruxov a Gorbachov, os líderes soviéticos aseguraban crer nunha Europa, tamén neste aspecto, do Atlántico ata os Urais. A seguridade europea non é comprensible de costas a Rusia, nin cunha OTAN obsesionada por unha "expansión excluínte" ou instalada en dinámicas máis propias dos tempos da guerra fría. O diálogo con Rusia podería propiciar unha auténtica e moi beneficiosa refundación desta estructura militar para privilexiar o seu xenuíno papel de foro para a seguridade e a cooperación en todo o continente. Palabras de sempre que agora poden ser lidas e interpretadas de mil e unha maneiras.

Poida que nesa liña estén algúns dos asinantes da declaración de Roma, incluido Estados Unidos mesmo, cada vez máis distante dunha OTAN que deben financiar pero coa que non poden contar cando o necesitan nun contexto de respostas rápidas como pretenden para a nova política de inseguridade universal que predomina na súa visión do actual escenario internacional.

A reconciliación de Washington e Moscova conta con bases que non se poden despreciar. En primeiro lugar, a contención do islamismo radical, equiparando o problema checheno ao de Al Qaeda e compartindo unha mesma idea exterminadora na que Putin ademais pode ata ilustrar ao seu novo e incondicional aliado. En segundo lugar, o inmenso negocio petroleiro que parece abrirse. En todas as frontes existen igualmente contradiccións de peso. Se falamos do islamismo, non se poden ignorar as relacións de Rusia con Irán (e de Washington con Arabia Saudí); se falamos de estados parias, os vinculos de Rusia con Corea do Norte son coñecidos e mesmo foron revitalizados en época recente. ¿Tirará Rusia pola borda a mínima autonomía que lle quedaba a cambio de colocar a súa industria petroleira en dirección á Casa Branca? Significaría a aterraxe completa de Rusia no terceiromundismo, convertida, ao fin e ao cabo, nun fiel subministrador de materias primas do mundo industrializado.

Hai un ultimo entendemento, a contención do terceiro en discordia, o coloso chinés. Rusia abandona o discurso multipolar. A alianza estratéxica con China non opacaba os seus medos a propósito do futuro do Extremo oriente siberiano ou de Kazajstán. Putin confía en poder controlar mellor a presencia militar norteamericana que a crecente influencia chinesa na rexión. Bush mira de reollo para Taiwán e a peninsula coreana. Por iso tamén, nese reordenamento estratéxico, a India ten unha oportunidade de ouro para dar un severo golpe de man en Caxemira.