Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Algo está mudando en Arxentina
Por Alberto Arce (Canal Mundo, 12/08/2003)
 
 

O xoves 12 de Agosto de 2003 será un día inesquecible para quen tivemos a sorte de poder presenciar cómo a deputada de IU, Patricia Walsh, filla de Rodolfo Walsh, un dos máis recoñecidos escritores arxentinos, un máis de entre os desaparecidos que este país lle reclama aos seus gobernantes, se fundía en sucesivos abrazos tinguidos de emocionadas bágoas con algunhas das Nais da Praza de Maio.

Durante toda a xornada milleiros de persoas se concentraron na Praza do Congreso en Bos Aires, convocadas polos principais organismos de dereitos humanos e as organizacións de esquerda. Se dispoñían a seguir o debate parlamentario sobre a anulación das leis de Punto Final e Obediencia Debida a través de dúas pantallas xigantes instaladas fronte á escalinata do Congreso. A diferencia doutras ocasións, se sentía no ambiente que esta vez, os argumentos repetidos cada xoves dende finais dos anos 70 nas marchas das Nais arredor da Praza de Maio, terían eco entre os lexisladores e a xustiza e a verdade se imporían dunha vez por todas entre a tan denostada clase política arxentina.

Hai máis de 15 anos, a proposta da UCR e do entón Presidente Raúl Alfonsín, e baixo a suposta ameaza dun novo golpe militar, se aprobaron as leis que, con intención manifesta ou non, tiveron como consecuencia garantir a impunidade dos implicados nas violacións aos Dereitos Humanos. Agora, as nais, os fillos, os familiares dos 30.000 desaparecidos que seguen reclamando xustiza neste país por fin se sentiron escoitadas.

Foron 25 anos de loita e de busca da verdade, máis de dúas décadas de impunidade e silencio cómplice, de mirar para outro lado, de intentos de esgotar o debate na lei dun tempo que provoca que no Congreso soamente estivesen presentes a penas dúas ducias de Nais que mantiveron o debate na axenda durante todos estes anos. Non o conseguiron. É realmente emotiva a imaxe que se quedará gravada para sempre na miña retina: os puños que estas mulleres levantan non son capaces de adquirir verticalidade e se quedan en leve intento. O paso do tempo e a dor xa lles impiden mostrar a forza coa que traspasaron o relevo nesta loita aos máis xóvenes que, como sempre, as acompañaban. Pero a partir de agora durmirán un pouco menos soas, acompañadas polas palabras e os aplausos que no Congreso celebraron a victoria da xustiza.

A deputada Walsh presentou o proxecto de Nulidade das citadas leis hai máis dun ano. Os seus reiterados intentos de conseguir que se abrise o debate na Cámara de Deputados caeron en saco roto en varias ocasións. Xusticialistas e Radicais consideraron ata agora que en aras da reconciliación entre os arxentinos non era necesario dar respostas á absoluta falta de xustiza en materia de violacións de dereitos humanos que arrastra o país. É nesta ocasión, co eco aínda próximo das grandilocuentes palabras dos deputados do oficialismo que agora se asignan o mérito e a victoria, cando merece recordar que eles, radicais e peronistas, instauraron a impunidade, aprobaron indultos e se negaron a debater o tema durante anos, condenado á mobilización extra-sistémica a quen non pedían máis que o que resulta obvio: que haxa verdade e xustiza.

Nesta ocasión se aprobaron tres leis: a nulidade das leis anteriores (Punto Final e Obediencia Debida), a adhesión á Convención Internacional sobre crimes de Lesa humanidade e a adecuación desta última á lexislación penal arxentina.

Para desenmarañar a confusión existente podemos asegurar que a declaración de nulidade constitúe un acto político necesario, de marcado carácter simbólico, e dubidosa repercusión xudicial mentres que as outras dúas permiten a incorporación ao sistema legal arxentino de principios xurídicos que realmente poden permitir avanzar no xuízo aos militares.

A declaración de nulidade ten un efecto simbólico xa que á hora de emprender novos xuízos ou continuar cos que están en marcha, pode deixarse sen efecto coa aplicación de dous principios básicos do estado de dereito: o principio de aplicación da “lei máis benigna” e o de “cousa xulgada”. Pero a sociedade demandaba que, pese a ter efectos relativamente menores no progreso dos xuízos, a clase política declarase en público a súa vontade de loitar contra o silencio e a impunidade. A aprobación desta lei non é incompatible coas dúas que a acompañan e demostra unha nova vontade de oír a voz de quen reclaman xustiza. A incorporación de Arxentina ao citado Tratado Internacional é probablemente o factor que si incidirá sobre a Corte Suprema de Xustiza á hora de declarar inconstitucionais as leis e abrir de novo os xuízos. Pero as dúas leis eran necesarias e inseparables. A necesidade de dar pasos simbólicos é tan importante como a aplicación de movementos prácticos.

Neste sentido, a postura do radicalismo ten sido especialmente indigna. Pese á declaración emitida polo seu principal referente, o ex Presidente Alfonsín, no sentido de apoiar a anulación xa que considera as circunstancias históricas e sociais do país substancialmente modificadas e mais alá de honrosas excepcións, a maioría dos seus deputados non foron capaces máis que de absterse. Independentemente de que consideren a vía de Adhesión a un tratado internacional máis efectiva, ¿qué lles impide recoñecer que aquelas leis tiveron un efecto nefasto sobre a sociedade?. A súa abstención nos demostra unha vez máis que o seu actual illamento da sociedade lles impide e imposibilita renacer e volver a ocupar un lugar central na escena política do país. É por decisións como esa tomada no seo do radicalismo polas que se pode considerar que o partido perdeu totalmente o norte dende a caída do goberno da Alianza. Seguen ancorados en inflexibles posicións políticas que non concitan ningún tipo de respaldo popular.

O caso do xusticialismo é diferente. Ninguén pode negar que unha semana, ou incluso días antes de tan crucial votación, a maioría dos deputados peronistas non tiñan clara a súa posición. Pero finalmente aceptaron non soamente a opción “técnica” na que coincidían co radicalismo senón acompañar á esquerda na súa declaración de nulidade. Esta flexibilización de posicións responde a dous motivos: a primeira cuestión ten que ver con determinadas percepcións da soberanía nacional que se verían debilitadas de non aprobarse as leis e a que foi probablemente máis relevante, a firme decisión do Presidente Kirchner de avanzar co fin da impunidade.

O xefe do Bloque de deputados Xusticialistas, Díaz Bancalari, deixou claro na súa intervención final que se estaba discutindo a soberanía nacional. Probablemente a cuestión que máis teña influído neste decisivo movemento do Peronismo cara a posibilidade de abrir novamente os xuízos no país fora a ameaza real de ter que sentar nun avión a 45 militares e extraditalos a España. A posibilidade de non poder impedir que iso sucedese foi o factor que convenceu aos máis remisos membros do xusticialismo a aceptar como “mal menor” despexar o camiño para novos xuízos no país.

Ninguén dubida sobre a conveniencia de que os criminais sexan xulgados alí onde cometeron os seus delictos. Neste sentido, a progresiva tendencia internacional ao recoñecemento da xurisdicción universal cando se trata de crimes contra a humanidade está actuando como detonante para abrir procesos que algunhas inoperantes xustizas nacionais e a desidia e a covardía de determinadas clases políticas pretendían dar por pechados. As accións da Audiencia Nacional de España deben ser entendidas como o factor que precipitou este debate en Arxentina. Poderíamos valorar se a motivación final de quen ceden e modifican os seus ordenamentos xurídicos ven dada pola defensa da soberanía nacional ou a necesidade de xustiza. Pero o que realmente importa é que a xustiza avanza. O Presidente Kirchner soubo identificar esta tendencia e actuou en consecuencia.

Para rematar, convén resaltar a lóxica que subxace a todo este proceso. En Arxentina algo está cambiando. E este cambio pasa por Néstor Kirchner, o Presidente que gañou as eleccións cun escaso apoio popular e que, sentíndose libre de ataduras está conformando un novo modo de facer política e de afrontar os problemas do país. A persistencia do reducido grupo de deputados de esquerda, encabezado por Patricia Walsh, que impulsaron o debate sobre a impunidade militar non houbese chegado a bo porto sen o decisivo apoio da maioría xusticialista. E a maioría xusticialista non mobilizaría sen o decidido empurrón dun Presidente que, sorprendentemente para o país, leva varios meses cumprindo todo aquelo que promete.

Unha frase de Juan Pablo Feinmann comeza a sonar insistentemente en amplos sectores da poboación: “Non é que me estea volvendo oficialista, é que o oficialismo se está volvendo coma min”. Case ningún dos que estaban se foron pero o país necesita crer en alguén. E Kirchner está recollendo esa necesidade.

Non os defraudes, Néstor.

 
 

Alberto Arce é colaborador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/08/2003
Fernando Pol