Leer el artículo en castellanoPresencia-OpiniónVolver ó índice / Latinoamérica
Arxentina: crises e imaxinación
Por Alberto Arce (Canal Mundo, 04/02/2003)
 
 

Tralo colapso institucional de Arxentina en decembro de 2001, o país chegou a un punto crítico cando viu asumir e dimitir a catro presidentes nunha semana. Eduardo Duhalde, do Partido Justicialista foi finalmente investido presidente para rematar o mandato de De la Rúa que chega ata decembro de 2003.

O PJ soubo manterse durante todo este tempo non soamente no poder, senón como a única forza política con posibilidades reais de gañar as eleccións e ocupar o centro do espectro político. Non obstante, o contexto en que Duhalde asumiu -que el non dubida de calificar como previo a unha guerra civil- era tan tenso, que a conflictividade social con mortes de manifestantes pola policía e a incertidume económica lle obrigaron a convocar eleccións anticipadas para o 27 de abril. Agora, este calendario electoral corre perigo, pese a que o seu cumprimento é esixido polo FMI para manter o seu apoio a Arxentina, en gran medida pola resolución da fractura interna que atravesan o partido no poder e por un requerimento de inconstitucionalidade planteado contra o adianto das eleccións.

A polémica decisión tomada respecto á nominación de candidatos para as eleccións presidenciais, aprobada no Congreso do Partido Justicialista recentemente, representa unha ecuación de difícil resolución, totalmente novedosa e orixinal. Tres candidatos dun mesmo partido competindo entre sí pola Presidencia da Nación, evidencian como a fidelidade a unhas siglas e a unha historia compartida ou o intento de capitalización dun ideario político tan laxo como o Peronismo, seguen ocupando o lugar central da Arxentina de comezos do século XXI. E freando, ao mesmo tempo, as posibilidades de renovación dun país inmerso na maior crise da súa historia.

Un ano despois da suposta debacle do sistema político representada polo “que se vaian todos” que seguiu á caída do goberno radical de De La Rua, non soamente non se foi ningún, senón que nos atopamos con que o debate central da política arxentina non respondeu ás expectativas de cambio da poboación. Se articula entre persoas que xa ocupaban cargos públicos incluso antes da dictadura militar que asolou o país entre 1976 e 1983 e que, no caso do ex Presidente Menem recolle un nivel de rexeitamento popular que chega ata o 60% dos votantes. Duhalde manifestou en múltiples ocasións que nin él nin Menem reúnen apoios entre a poboación para dirixir o país. Pero ningún dos dous se resigna a abandonar as súas posicións. ¿Medo, no caso de Duhalde a ser encarcerado no momento de perder o poder como lle pasou a Menem? ¿Sentido da responsabilidade histórica para co seu país no caso do expresidente, realmente convencido de que a instauración do seu modelo dolarizador é a solución definitiva para o país?. Non podemos coñecer as súas motivacións. Pero a realidade é que son o centro da escena política, enterrando cos feitos e a súa presencia, a vontade expresada pola poboación de “que se vaian todos”. Hai un ano se pensaba que algo iba a cambiar en Arxentina. Esa esperanza se dilúe hoxe, cada vez máis, nuns feitos que a negan.


Existe unha candidata que non pertence á clase politica tradicional

Se algún dos candidatos supervivntes na escena politica tras este vertixinoso ano puidese representar, sempre con dificultades, ou demostrar a súa non pertenencia á clase política convencional, esta é Elisa Carrió. Os realiñamentos politicos dos ultimos meses, co seu acercamento a un sector importante da CTA (Central de Trabajadores Peronistas), a súa complexa relación cos socialistas e a esquerda en sentido amplo e o feito de terse convertido en “azote” dos gobernos de De La Rúa e Duhalde, poderían outorgarle o beneficio da dúbida que a situase en posición de ter serias opcións a converterse na primeira muller Presidenta de Arxentina. Pero conven analizar outros factores que probablemente a imposibiliten para iso.

Nalgúns paises dificilmente se entenderia que algún medio de comunicación utilizase o apelativo de “la gorda ” para referirse á principal candidata do centro esquerda. A lingoaxe políticamente correcta se convertiu en característica tan indeclinable dos seus modos de expresión que os ataques ao físico dun candidato político non son, polo xeral, de recibo. Mais aínda referindose a unha muller e sendo esta a candidata presidencial do centro esquerda. Pero probablemente tampouco podería entenderse moi ben que sobre esta candidata existise o convencimento (nunca desmentido por ela) de que nalgún momento da súa vida, unha aparición da Virxe María foi determinante para o lanzamento definitivo da súa carreira política. É pouco comprensible tamén que o rasgo mais característico da súa imaxe pública sexa o seu forte catolicismo, representado por un enorme crucifixo que a acompaña alá donde se presenta en público e disminúe de tamaño a medida que a campaña avanza. En Arxentina é perfectamente normal. Se chama Elisa Carrió, a chaman Lilita ou “la gorda” e se presenta ás eleccións presidenciais pola ARI (Alianza por unha República de Iguais). A súa situación é unha metáfora sobre cómo non deben extraerse criterios “europeos” para intentar entender a realidad política arxentina.

Aínda así é a única de entre os diversos candidatos que se presentan ás eleccións presidenciais de Abril, que comenzou a súa campaña electoral ao modo clásico, organizando mítins, viaxando polo país e presentando programa e apoios politicos. Un mes de apertura de campaña na Patagonia, milleiros de kilómetros recorridos en coche, durmindo en casas de militantes e facendo gala do seu ascetismo, que a empurra a mostrarse en público comendo milanesas, alonxándose da imaxe do político encerrado en selectos restaurantes. Non pode obviarse o evidente parecido deste modo de presentarse con aquelas primeiras campañas dos socialistas españois a finais dos anos 70 tan ben reflectidas en “El disputado voto del señor Cayo”. Pero calquer parecido non é máis que pura coincidencia. Non esquezamos que a ARI, orixinalmente coaligada cos socialistas, rompeu con eles debido á determinante vontade destes de levar adiante reformas como a despenalización do aborto. Elisa Carrió, pese a recoller un importante caudal de votos protesta e votos de centro esquerda, está negativamente marcada por proceder do radicalismo, o que implica para parte da cidadanía que entraría no “que se vaian todos” tan popular do último ano. E o seu partido, a ARI, carece da institucionalización e os fondos (tan necesarios en Arxentina) suficientes como para afrontar unha campaña electoral con éxito fronte á mobilizacion de todo o aparato peronista.


As eleccións internas nos partidos

A Constitución arxentina, recolle, como tantas outras, a democracia interna como elemento primordial para o funcionamento dos partidos políticos. Seguindo esa lóxica, os partidos políticos arxentinos se dotaron dun sistema de eleccións internas das que extraer aos seus candidatos presidenciais.

Estas eleccións internas debían haberse celebrado o pasado 15 de decembro, de maneira simultánea, no caso dos dous partidos do bipartidismo clásico e dominante na escena política dos últimos 80 anos: o PJ e a UCR, Peronistas e Radicais. Se suspenderon no caso do peronismo e se celebraron na UCR de maneira tan fraudulenta que ningún dos candidatos foi capaz de recoñecer, máis dun mes despois, a súa derrota. Debido a este lamentable espectáculo e ó infausto recordo do ultimo goberno radical de Fernando De La Rua, o radicalismo se atopa agora ao borde da desaparición cunha intención de voto que ronda o 3%. Pasarán anos antes de que a UCR logre superar o estigma que lles persigue trala caída do goberno de De La Rúa, o fallido estado de sitio e a tráxica represión que terminou en baño de sangue en decembro de 2001.


As internas “justicialistas”

O peronismo, no poder dende xaneiro de 2002, chega á celebración das súas eleccións internas para a proclamación de candidato, totalmente fracturado, con dous sectores ben definidos e un candidato autoproclamado.

O candidato é Adolfo Rodríguez Saa, fugaz presidente dunha semana de duración durante os sucesos de xaneiro deste ano e responsable da declaración do default arxentino cos organismos multilaterais de crédito. O seu compañeiro de formula e candidato á vicepresidencia é un membro expulsado da UCR, Melchor Posse. O seu apoio máis consistente, Hugo Moyano, Secretario xeral do sindicato peronista, CGT. Sorprendentemente e mes a mes, lidera as enquisas de intención de voto salvando que ningún dos actuais precandidatos supera o 18% de apoio popular.

Os dous sectores do Partido Justicialista (peronista) son o Menemismo e o oficialismo, co Presidente Duhalde á cabeza. O enfrontamento entre eles é tan evidente e os modelos propostos e as formas tan diverxentes, que fácilmente suscitan dúbidas sobre a maneira en que ambos pretenden erixirse en herdeiros do omnipresente (a pesar de que faleceu hai máis de 25 anos) Juan Domingo Perón.

O presidente Duhalde pretende evitar a toda costa a volta de Carlos Menem (de quen foi vicepresidente) e durante meses buscou algún candidato de suficiente peso no partido para opoñelo a Menem nas eleccións internas. Ante as continuas negativas do seu favorito -o Gobernador da provincia de Santa Fe, Carlos Reutemann- decidiu centrar os seus esforzos en evitar que estas se celebrasen, temeroso de que o seu rival se alzase coa victoria. Entre outubro e finais de xaneiro, en que a suspensión definitiva das internas se oficializou, asistimos a un xogo tan virulento de ataques e contra ataques no ámbito partidario, na acción de goberno e nos medios de comunicación, que o enfrontamento interno do xusticialismo adquiriu un carácter de tal protagonismo que se constituiu en tema central da política arxentina. Ante a proximidade das datas electorais, o sector oficialista se viu na obriga de anunciar cal é o seu candidato para opoñer a Rodríguez Saa e Carlos Menem na elección interna de celebrarse ou na elección xeral en caso de conseguir que o seu plan saia adiante. O elixido, aínda con serias diverxencias, dentro do sector oficial é Néstor Kirchner, Gobernador da provincia patagónica de Santa Cruz. Un home de perfil baixo que pretende representar ao sector chamado “productivista e de confianza na moeda nacional” –cando é coñecido en Arxentina porque a súa provincia se librou do corralito ao ter os seus fondos depositados no estranxeiro- e cun proxecto “de centro-esquerda con elementos racionais de centro-dereita”.

Neste contexto, con tres candidatos proclamados, o PJ chega ao seu congreso do pasado 23 de Xaneiro. É a data limite para decidir os seus candidatos a Presidente e Vicepresidente da Nación e se atopan cunha orde xudicial que lles obriga á celebración de internas a requerimento do sector menemista.

Este Congreso rematou co recoñecemento (por parte da maioría triunfante) da imposibilidade de celebrar eleccións internas para designar ao seu candidato presidencial debido á inexistencia de padróns de militancia aceptados polas partes en litixio. Ademáis, vulnera a orde xudicial publicada tralo reclamo do sector menemista que lles obriga a realizalas. A fórmula aprobada resolve permitir aos tres candidatos que concurran á elección presidencial baixo o logotipo e a candidatura do partido. A cuestión a observar é que o seguimento das enquisas nos indica que probablemente os dous candidatos máis votados (incluso os tres primeiros, segundo que enquisas se manexen) serían peronistas. E en función de que enquisa observemos, a orde entre os tres varía. Calquera dos tres podría ser o próximo Presidente. Néstor Kirchner, Carlos Menem ou Adolfo Rodríguez Saá.

Deste modo se pretende que sexan os cidadans quen decidan mediante o voto o que o partido non é quen de solucionar. Se traslada a elección interna do partido ás eleccións presidenciais, confiando que en un sistema de dobre volta coma o vixente en Arxentina, un deles pase á segunda volta contra un candidato de outro partido e reúna todos os votos peronistas alzándose coa victoria. Ou máis probablemente que dous dos candidatos peronistas superen a primeira volta e se enfrenten para competir pola Presidencia. Co que nos atoparíamos ante un caso realmente atípico: a instauración indirecta e por medios democráticos dun sistema de partido único. Existe o pluripartidismo e existe a posibilidade real de competencia, pero nun contexto de alta fragmentación do voto e maioría de candidatos con intención de voto alta dun mesmo partido, a competencia real entre opcións diversas resulta gravemente prexudicada.

Como conclusión: Arxentina pasou en menos dun an do lamor popular “para que se vaian todos” a unha elección na que quizáis os dous candidatos entre os que poidan elixir ao seu novo Presidente, sexan ambos expresidentes e pertenzan ao Partido Justicialista.

 
 

Alberto Arce é colaborador do IGADI.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/02/2003