A prensa revisita a Kuchma no seu aniversario

O pasado sábado 9 de agosto, o presidente ucraíno cumpriu 65 anos. Segundo a lexislación ucraína a esa idade un funcionario público debe xubilarse, e Kuchma expresou hai pouco o coñecemento desa norma lamentando que o actual ministro de Exteriores Anatoly Zlenko deba xubilarse por moito que se quera que siga no cargo. Para moitos medios de comunicación este aniversario é outro pretexto máis para discuti-lo tema da sucesión de Kuchma ou para analiza-los seus logros no poder.

Despois do cumio da OTAN en Praga no outono – Kuchma apareceu por máis que a parte occidental manifestou repetidamente que non lle cursara invitación oficial ningunha-, o presidente ucraíno pode apuntarse varios avances nas súas relacións, en primeiro termo, cos EEUU. Amósao a participación dun continxente ucraíno nas forzas pacificadores en Iraq, a cooperación na estratexia de eurointegración ou o afondamento da colaboración de América nas actividades do GUUAM, a alianza económico-política entre Ucraína, Uzbekistán, Armenia e Moldavia. Pero por outra banda, o semanario ucraíno "2000" destaca que, a pesar deste achegamento, Kuchma non deixa de defende-los intereses nacionais de Ucraína; concretamente, lémbralle a Washington a promesa pola que, ó abandoar Ucraína o seu status de potencia nuclear, se lle concedería axuda na reciclaxe do combustible nuclear. Recordatorio que xa acadou que, en xuño pasado, EEUU retomase o tema da reciclaxe de combustible na fábrica de Pavlograd, que hai pouco pretendía abandoar debido ó seu prezo potencialmente elevado.

Por suposto, tales movementos non son vistos con moito entusiasmo dende Moscova, onde Kuchma celebrou o seu 64 aniversario na compañía de Vladimir Putin. Nun comentario da televisión rusa, os militares ucraínos en Iraq apareceron case coma mercenarios. Os efectos negativos da independencia semellan se-lo tema principal dos medios de comunicación rusos cando informan da situación en Ucraína.

A administración Kuchma continúa, porén, moito máis propensa a colaborar con Rusia que con Occidente. Hai poucas semanas, Kuchma afirmou que debería esquecerse durante un par de decenios a posibilidade da afiliación de Ucraína á UE. A integración europea pon moitas demandas, a loita contra a corrupción e máis transparencia entre elas. Pero a pesar das numerosas promesas de investiga-lo caso do asasinato do xornalista opositor Gongadze e castigar ós culpables do crime, non se observa ningún progreso no asunto, por moito que teñan sido descubertos moitos feitos que, en apariencia, poderían achega-lo punto final. No entanto, cada vez xurde unha nova interrogante que fai pensar que son as autoridades as que non están a favorecer unha instrucción eficaz do caso. O 1º de agosto morreu en prisión un alto cargo da policía acusado de pertenza a un grupo dos chamados "homes lobo", policías que abusan dos seus cargos para perpetrar crimes. O funcionario estaba disposto a presentar evidencias ó Tribunal sobre a implicación de altos cargos públicos no secuestro e asasinato de Gongadze.